DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Xoves, 3 de outubro de 2024 Páx. 53273

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 24 de setembro de 2024 pola que se dá publicidade á revogación da encomenda á Axencia Galega de Infraestruturas da xestión das actuacións para a redacción do proxecto e a execución das obras de construción dun novo centro de saúde no concello de Meis.

Mediante a Resolución da Consellería de Sanidade, do 22 de marzo de 2023, encomendouse á Axencia Galega de Infraestruturas a xestión das actuacións para a redacción do proxecto e a execución das obras de construción dun novo centro de saúde no concello de Meis (Pontevedra). A dita resolución foi obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia nº 60, do 10 de abril de 2023.

Mediante escrito do 12 de xullo de 2024, da Axencia Galega de Infraestruturas, esta comunicou a desistencia da dita encomenda xa que, debido á carga de traballo na Área de Contratación da Axencia, non foi posible proceder á licitación dos contratos de servizo para a redacción do proxecto e dirección da obra.

Estas circunstancias sobrevidas determinan a necesidade de que todas as actuacións inicialmente encomendadas á Axencia Galega de Infraestruturas sexan asumidas directamente polo Servizo Galego de Saúde.

De conformidade co previsto no artigo 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no artigo 8 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, por medio desta dáse publicidade á Resolución da Consellería de Sanidade, do 16 de setembro de 2024, pola que se revoga e se deixa sen efecto a encomenda á Axencia Galega de Infraestruturas da xestión das actuacións para a redacción do proxecto e a execución das obras de construción dun novo centro de saúde no concello de Meis (Pontevedra).

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2024

Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade