O artigo 50 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, dispón que «son prezos privados as contraprestacións que obteñan os suxeitos a que se refire o artigo 3 desta lei pola prestación de servizos ou realización de actividades efectuadas en réxime de dereito privado cando, prestando tamén tales servizos ou actividades o sector privado, sexan de solicitude voluntaria por parte dos administrados».
Así mesmo, o artigo 51 da referida lei determina que os prezos privados serán fixados polas consellerías, logo do informe favorable da consellería competente en materia de facenda, atendendo ás condicións e circunstancias do mercado en que operen, sen prexuízo de que excepcionalmente se poidan aplicar subvencións reguladoras. Para estes efectos, a consellería correspondente remitirá á de Facenda o proxecto normativo xunto coa memoria económica en que se xustifiquen os aspectos anteriores. A norma que fixe estes prezos deberá ser publicada no Diario Oficial de Galicia.
Na súa virtude, vista a proposta formulada pola Consellería do Mar e despois do informe favorable da Consellería de Facenda e Administración Pública, esta consellería
DISPÓN:
Artigo único
1. Queda aprobado o prezo privado de venda ao público da publicación editada pola Consellería do Mar que se relaciona no anexo.
2. Este prezo entenderase co IVE incluído.
Disposición derradeira única
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2024
Alfonso Villares Bermúdez
Conselleiro do Mar
ANEXO
– Bases científico-técnicas das tarefas de conservación e restauración de bancos marisqueiros desde unha perspectiva sistémica. 24,00 €.
