Para os efectos previstos no artigo 29 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (BOE núm. 273, do 10 de novembro) faise público que por espazo de trinta (30) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, quedará exposta a documentación correspondente á solicitude de autorización ambiental integrada e ao estudo de impacto ambiental da planta de produción de biometano e fertilizantes presentada por Bioetanol Galicia, S.A., co fin de que calquera persoa interesada poida consultala e, de ser o caso, formular dentro do dito prazo as alegacións, suxestións ou observacións que estime convenientes.
A documentación estará á disposición das persoas administradas nas dependencias da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación, en horario de atención ao público (rúa de San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela). Ademais, tamén se poderá consultar na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático (http://cmatv.xunta.gal/>>medio ambiente y sostenibilidad>>prevención y control de actividades>>autorización ambiental integrada >>proxectos en información pública).
Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2024
María José Echevarría Moreno
Directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade
ANEXO
Expediente: 2024-IPPC-I-51.
Titular: Bioetanol Galicia, S.A.
NIF: A36822146.
Domicilio social: polígono industrial de Teixeiro, N-634, K 664, 15310 Curtis (A Coruña).
Localización da instalación: parcelas 06 e 07 do polígono industrial de Teixeiro-Curtis.
Actividade: valorización de residuos non perigosos mediante dixestión anaerobia para a produción de biometano e fertilizantes.
Categoría da actividade: 5.4.a) do anexo I do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro.
Descrición do proceso: residuos gandeiros e de industrias agroalimentarias, someteranse a un proceso controlado de dixestión anaerobia para obter biogás, que se procesará nunha planta de purificación ou upgrading ata acadar a calidade de biometano que permita a súa inxección na actual rede de gas. O proceso de obtención do biometano contará con dúas liñas de tratamento diferenciadas en función dos residuos que se van tratar e do destino do dixerido obtido (elaboración de fertilizantes, lodo tratado ou entrega a xestor de residuos).
Verteduras: proxéctanse cinco redes para a recollida e posterior vertedura ao medio de cada tipo de efluente xerado. A rede de augas sanitarias da planta conectará coa rede de saneamento do polígono e a rede de augas limpas conectará coa rede de pluviais. As augas de limpeza, de pluviais sucias e de augas resultantes do tratamento dos dixeridos, recibirán un tratamento previo á súa incorporación ás redes de saneamento e pluviais do polígono.
