Mediante a Orde do 9 de xaneiro de 2024 establecéronse as bases reguladoras e convocáronse subvencións para o ano 2024, en réxime de concorrencia competitiva, dentro do Plan específico de acción comunitaria destinado a asociacións de veciños, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia (DOG número 20, do 29 de xaneiro), que se tramitou como expediente anticipado de gasto.
No artigo 15.2 da devandita orde establécese que as entidades beneficiarias terán de prazo ata o 15 de outubro de 2024 para executar o proxecto subvencionado e presentar a correspondente xustificación dos investimentos realizados.
Unha vez instruídos os procedementos iniciados en virtude da orde, o prazo inicial de execución e xustificación establecido nela resulta de difícil cumprimento por parte das entidades beneficiarias. Xa que logo, considerando que as bases reguladoras non conteñen precepto en contra e que non se causa prexuízo a terceiros, resulta conveniente ampliar o devandito prazo de execución e xustificación das actuacións subvencionadas ata o 5 de novembro de 2024 co fin de facer viable o proceso de execución dos proxectos subvencionados e posibilitar o cumprimento do procedemento de xestión.
Esta ampliación de prazo ampárase no artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia. Segundo este precepto regulamentario, o órgano concedente da subvención poderá outorgar, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación que non exceda a metade deste, e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.
De acordo coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; co Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións; co Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, e co disposto na Orde do 9 de xaneiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións para o ano 2024, en réxime de concorrencia competitiva, dentro do Plan específico de acción comunitaria destinado a asociacións de veciños, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia,
DISPOÑO:
Primeiro. Modificar a data límite fixada no artigo 15.2 das bases reguladoras para executar o proxecto subvencionado e presentar a documentación xustificativa, para ampliala ata o 5 de novembro de 2024.
Segundo. Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2024
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
