DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Venres, 11 de outubro de 2024 Páx. 54172

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 9 de setembro de 2024, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, pola que se ordena a publicación do Acordo do 3 de setembro de 2024, da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, en relación coa Lei de Galicia 10/2023, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.

Conforme o establecido no artigo 33 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, modificado pola Lei orgánica 1/2000, do 7 de xaneiro, esta dirección xeral dispón a publicación no Diario Oficial de Galicia do acordo que figura como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2024

Sandra Vázquez Domínguez
Directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias

ANEXO

Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral
do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación coa Lei de
Galicia 10/2023, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas

A Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia adoptou o seguinte acordo:

I. De conformidade coas negociacións previas mantidas polo grupo de traballo constituído en cumprimento do previsto no Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, para o estudo e proposta de solución das discrepancias competenciais manifestadas en relación cos artigos 25, 32, 38 e a disposición adicional primeira da Lei de Galicia 10/2023, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, adoptou o seguinte acordo:

a) En relación co número 5 do artigo 25, polo que se modifica o artigo 48 da Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia, dirixido ao establecemento pola Comunidade Autónoma dun réxime organizativo en canto á aprobación de criterios de mellora da calidade do aire no marco do previsto no dereito comunitario ou nas directrices da Organización Mundial da Saúde, e de criterios obxectivos relativos á redución de emisións de CO2, xestión do transporte ou do espazo público, e de conxestión viaria que afecten a xestión do tráfico, ambas as partes acordan que aqueles limitarán o seu ámbito de aplicación ao daquelas autorizacións de arrendamento de vehículos con condutor, VTC, que pretendan domiciliarse na Comunidade Autónoma de Galicia, e non resultarán de aplicación aqueloutras que pretendan domiciliarse fóra do devandito ámbito territorial.

b) En relación co número 6 do artigo 25, polo que se engade un número 4 ao artigo 52 da Lei 4/2013, ambas as partes acordan que na mención que nel se recolle respecto ao que acordará a dirección xeral da Xunta de Galicia con competencias en materia de transportes respecto da folla de roteiro, tales acordos axustaranse á disposición transitoria segunda do Real decreto 785/2021, do 7 de setembro, sobre o control da explotación das autorizacións de arrendamento de vehículos con condutor.

c) No que respecta ao artigo 32, ambas as partes coinciden en considerar que o número tres do devandito artigo 32 polo que se engade unha disposición adicional cuarta á Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, se interpretará e se aplicará, no exercicio das potestades normativas e administrativas da Xunta de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 8 quinquies da Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema Nacional de Saúde, e nos artigos 5 e 11 do Real decreto 1030/2006, do 15 de setembro, polo que se establece a carteira de servizos comúns do Sistema Nacional de Saúde e o procedemento para a súa actualización, con respecto á inclusión de técnicas, tecnoloxías ou procedementos de carteira.

d) No que se refire ao artigo 38, ambas as partes:

1. Acordan que o Goberno da Xunta de Galicia promoverá a correspondente modificación lexislativa de forma que o devandito artigo 38 quede redactado como segue:

Artigo 38. Modificación da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia

Engádese un artigo 19.bis á Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, coa seguinte redacción:

«Artigo 19.bis. Solicitudes de reclasificación de dereitos mineiros da sección A)

1. O procedemento de reclasificación iniciarase mediante a presentación de solicitude, á cal se acompañará a documentación que xustifique o cumprimento dalgún dos supostos que permiten exceptuar a clasificación da explotación na sección A), segundo o previsto no segundo parágrafo do artigo 1.1.a), así como a superación dalgún dos limiares do artigo 1.1.b) do Real decreto 107/1995, do 27 de xaneiro, polo que se fixan criterios de valoración para configurar a sección A) da Lei de minas, ou norma que a substitúa.

A Administración, logo de comprobación e análise do cumprimento dos requisitos anteriores, procederá á resolución de clasificación do recurso na sección C), con aplicación do tratamento fiscal previsto no Real decreto 107/1995, do 27 de xaneiro.

2. Unha vez clasificado o recurso ou xacemento, comunicarase ao interesado e procederase á tramitación da solicitude da correspondente concesión de explotación. No caso de que a superficie ocupada pola explotación da sección A) non alcance a superficie mínima requirida pola lei, poderase ampliar a solicitude ata completar a cuadrícula mineira, sempre que o novo terreo teña a consideración de franco. A dita solicitude someterase a información pública, así como a trámite de audiencia de todas as persoas titulares de autorizacións de explotación de recursos da sección A) situadas nas cuadrículas mineiras que puidesen verse afectadas.

Deberanse rexeitar motivadamente aquelas solicitudes que afecten recursos distintos dos que se viñeren aproveitando ao abeiro da autorización de explotación da sección A) e todas aquelas que, dadas as circunstancias apreciadas polo órgano mineiro competente, fosen formuladas con manifesto abuso de dereito ou entrañen fraude de lei.

3. Os terreos francos que non reúnan as condicións mínimas de extensión serán considerados como demasías e outorgaranse de conformidade coa disposición transitoria sétima da Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas, e o artigo 57 do Regulamento xeral para o réxime da minaría, aprobado polo Real decreto 2857/1978, do 25 de agosto.

Os terreos que estean ocupados por dereitos da sección C) ou D) que fosen caducados consideraranse francos desde o momento en que a citada declaración de caducidade adquira firmeza en vía administrativa.

4. Se os terreos onde estivesen situadas as explotacións non fosen francos, recoñeceráselles tal circunstancia, mantendo a autorización de explotación exclusivamente para o recurso ou recursos de que se trate, que se regulará polas normas do título III da Lei 22/1973, do 21 de xullo, sen prexuízo dos dereitos do peticionario ou titular do permiso de investigación ou concesión de explotación aos demais recursos da sección C).

Desaparecidas as causas que impedían que o terreo fose franco, notificaráselle esta circunstancia á persoa titular da autorización a que se refire o parágrafo anterior para que poida transformar a autorización en concesión de explotación, con dereito a aproveitar os recursos que fosen reclasificados.

5. Aquelas solicitudes que inclúan novas superficies distintas das autorizadas previamente para a súa explotación ou que supoñan un cambio substancial no proxecto de explotación ou plan de restauración aprobado, no seu momento, para o outorgamento da autorización de explotación da sección A), estarán suxeitas ao disposto no artigo 18, e neste caso deberán someterse ao trámite ambiental que lles sexa de aplicación».

2. Así mesmo, en relación coa nova redacción do número 4 do artigo 19.bis da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, ambas as partes acordan que se interpretará e se aplicará de tal forma que os procedementos administrativos de reclasificación de dereitos mineiros da sección A), e posterior outorgamento dunha concesión de explotación da sección C), débense entender suxeitos ás condicións e requisitos impostos polo título V da Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas, no sentido de que se recoñecerán as mellores condicións científicas e técnicas e as maiores vantaxes económicas, sociais e ambientais que ofrecen as explotacións existentes dada a súa certeza xeolóxica, a súa viabilidade económica-ambiental e o seu impacto económico-social no territorio.

e) En relación coa disposición adicional primeira, ambas as partes acordan que a referencia do precepto a que «poderán seleccionarse candidatos que cursen e superen os estudos correspondentes para a obtención do título de grao medio de técnico en Coidados Auxiliares de Enfermería ou equivalente, e acredíteno documentalmente» ha de interpretarse considerando garantido en todo caso o cumprimento da acreditación material dos requisitos exixidos.

II. En razón ao acordo alcanzado ambas as partes coinciden en considerar resoltas as discrepancias manifestadas en relación coa devandita lei e concluída a controversia exposta.

III. Comunicar este acordo ao Tribunal Constitucional para os efectos previstos no artigo 33.2 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, así como inserilo no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia.

Ángel Víctor Torres Pérez
Ministro de Política Territorial e Memoria Democrática

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes