A Lei orgánica 2/2010, do 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo, establece no artigo 15.c), respecto do segundo suposto de interrupción voluntaria do embarazo que se prevé que, con carácter excepcional, se poderá interromper o embarazo por causas médicas, cando se detecte no feto unha enfermidade extremadamente grave e incurable no momento do seu diagnóstico e así o confirme un comité clínico.
De conformidade co establecido no artigo 16.1 da Lei orgánica 2/2010, do 3 de marzo, tras a súa modificación pola Lei orgánica 1/2023, do 28 de febreiro, o Comité Clínico ...estará formado por un equipo pluridisciplinar integrado por dous integrantes do persoal médico especialista en xinecoloxía e obstetricia ou expertos en diagnóstico prenatal e un pediatra. A muller poderá elixir un destes especialistas. Ningún dos membros do comité poderá formar parte do Rexistro de Obxectores da Interrupción Voluntaria do Embarazo nin ter formado parte nos últimos tres anos.
O Comité Clínico deberá intervir preceptivamente, mediante a emisión dun ditame habilitante sobre un aspecto clínico, sen o cal a muller non poderá optar por unha interrupción voluntaria do embarazo. Non obstante, se o Comité confirma o diagnóstico, a muller decidirá sobre a intervención.
De acordo co establecido no artigo 16.3 da Lei orgánica 2/2010, do 3 de marzo, en cada comunidade autónoma haberá, polo menos, un comité clínico nun centro da rede sanitaria pública, cuxos membros titulares e suplentes serán designados, pola autoridade competente, por un período non inferior a un ano.
Así mesmo, o Real decreto 825/2010, do 25 de xuño, de desenvolvemento parcial da Lei orgánica 2/2010, de 3 de marzo, prevé no seu artigo 2.2 que existirá, polo menos, na rede sanitaria pública, un comité clínico en cada comunidade autónoma. Poderán existir, ademais, outros comités noutros centros da devandita rede sanitaria, a decisión da comunidade con base en criterios relacionados coa poboación, o número de especialistas que exercen no seu ámbito territorial, a óptima calidade asistencial das intervencións ou outros criterios similares.
As especificidades de funcionamento dos comités clínicos, de conformidade co previsto no artigo 16.4 da Lei orgánica 2/2010, do 3 de marzo, establecéronse a través do Real decreto 825/2010, do 25 de xuño, o cal no seu capítulo I define a súa natureza, a súa composición, o carácter da súa actuación e regula o seu réxime de funcionamento e o procedemento necesario para a emisión do seu ditame.
Na Comunidade Autónoma de Galicia, o primeiro Comité Clínico foi designado mediante a Orde do 2 de xullo de 2010, publicada no Diario Oficial de Galicia (en diante DOG) núm. 126, do 5 de xullo. Esta orde, pola súa vez, foi derrogada pola Orde do 12 de marzo de 2012, publicada no DOG núm. 59, do 26 de marzo, que foi modificada pola Orde do 4 de xaneiro de 2013, publicada no DOG núm. 10, do 15 de xaneiro.
No ano 2015, no DOG núm. 61, do 31 de marzo de 2015, publicouse a Orde do 16 de marzo de 2015 pola que se procede a designar os membros do Comité Clínico a que se refiren os artigos 15 e 16 da Lei orgánica 2/2010, do 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo, e se regulan determinados aspectos sobre a súa constitución e funcionamento. Esta orde, pola súa vez, derrogou as citadas ordes do 12 de marzo de 2012 e do 4 de xaneiro de 2013.
No ano 2017, mediante a Orde do 27 de novembro de 2017, publicada no DOG núm. 232, do 7 de decembro, procedeuse á renovación das persoas integrantes do comité clínico.
No ano 2019, no DOG núm. 207, do 30 de outubro de 2019 publicouse a Orde do 21 de outubro de 2019 pola que, ao abeiro do establecido no artigo 16.3 da Lei orgánica 2/2010, do 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo, se procede ao establecemento de dous comités clínicos na Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a súa composición, constitución, réxime de funcionamento e coordinación, que, de acordo co establecido na súa disposición derradeira única entrou en vigor o día da súa publicación no DOG. Mediante esta orde foron derrogadas, así mesmo, ás citadas ordes do 16 de marzo de 2015 e do 27 de novembro de 2017.
Posteriormente, no ano 2021, no DOG núm. 190, do 1 de outubro de 2021, publicouse a Orde do 17 de setembro de 2021 mediante a que se modifica a Orde do 21 de outubro de 2019 pola que, ao abeiro do establecido no artigo 16.3 da Lei orgánica 2/2010, do 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo, se procede ao establecemento de dous comités clínicos na Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a súa composición, constitución, réxime de funcionamento e coordinación. A través desta orde procedeuse á renovación dos comités clínicos creados mediante a Orde do 21 de outubro de 2019, mediante a modificación, respectivamente, do seu artigo 3, relativo ás persoas especialistas titulares dos comités, e 4, relativo ás persoas especialistas suplentes dos comités.
Tendo en conta que no artigo 6 da Orde do 21 de outubro de 2019, relativo ao prazo de actuación dos comités, establécese que a designación das persoas titulares e suplentes dos comités clínicos establécese para un prazo de dous anos. Transcorrido este prazo, os seus membros continuarán nas súas funcións ata que se produza un novo nomeamento, que poderá recaer nas mesmas persoas, e que o pasado 30 de outubro de 2023 rematou o prazo de dous anos polo que, mediante a Orde do 17 de setembro de 2021, foron designadas as persoas que integran os comités clínicos existentes na Comunidade Autónoma de Galicia, é necesario proceder á renovación dos devanditos comités.
En consecuencia, en virtude das facultades que me confire o artigo 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo único
Modifícase a Orde do 21 de outubro de 2019 pola que, ao abeiro do establecido no artigo 16.3 da Lei orgánica 2/2010, do 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo, se procede ao establecemento de dous comités clínicos na Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a súa composición, constitución, réxime de funcionamento e coordinación.
Un. O artigo 3 queda redactado como segue:
«Artigo 3. Especialistas titulares dos comités
1. Noméanse membros titulares do Comité Clínico número 1 as seguintes persoas:
– Susana Blanco Pérez, facultativa especialista en xinecoloxía e obstetricia. Área Sanitaria (A.S.) de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.
– Beatriz Alvar Mantiñán, facultativa especialista en xinecoloxía e obstetricia. A.S. da Coruña e Cee.
– José Luis Fernández Trisac, facultativo especialista en pediatría. A.S. da Coruña e Cee.
2. Noméanse membros titulares do Comité Clínico número 2 as seguintes persoas:
– Roberto González Boubeta, facultativo especialista en xinecoloxía e obstetricia. A.S. de Vigo.
– Sabela Iglesias Faustino, facultativa especialista en xinecoloxía e obstetricia. A.S. de Vigo.
– María Luisa González Durán, facultativa especialista en pediatría. A.S. de Vigo».
Dous. O artigo 4 queda redactado como segue:
«Artigo 4. Especialistas suplentes dos comités
1. Noméanse membros suplentes do Comité Clínico número 1 as seguintes persoas:
– Marta Vázquez Rodríguez, facultativa especialista en xinecoloxía e obstetricia. A.S. de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.
– Mariña Sánchez-Andrade Santiso, facultativa especialista en xinecoloxía e obstetricia. A.S. de Santiago e Barbanza.
– Eloy Moral Santamarina, facultativo especialista en xinecoloxía e obstetricia. A.S. de Pontevedra e O Salnés.
– Jesús Alberto Fuentes Carballal, facultativo especialista en pediatría. A.S. da Coruña e Cee.
– Natalia Mandía Rodríguez, facultativa especialista en pediatría. A.S. de Santiago e O Barbanza.
– Raquel Martínez Lorenzo, facultativa especialista en pediatría. A.S. de Pontevedra e O Salnés.
2. Noméanse membros suplentes do Comité Clínico número 2, as seguintes persoas:
– Laura González Rodríguez, facultativa especialista en xinecoloxía e obstetricia. A.S. de Vigo.
– Vanesa Buján Costas, facultativa especialista en xinecoloxía e obstetricia. A.S. de Vigo.
– María Vélez Castillo, facultativa especialista en xinecoloxía e obstetricia. A.S. de Vigo.
– Eva González Colmenero, facultativa especialista en pediatría. A.S. de Vigo.
– María Suárez Albo, facultativa especialista en pediatría. A.S. de Vigo».
Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa
Queda derrogada a Orde do 17 de setembro de 2021 mediante a que se modifica a Orde do 21 de outubro de 2019 pola que, ao abeiro do establecido no artigo 16.3 da Lei orgánica 2/2010, do 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo, se procede ao establecemento de dous comités clínicos na Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a súa composición, constitución, réxime de funcionamento e coordinación.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
A presente orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2024
Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade
