DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Luns, 14 de outubro de 2024 Páx. 54345

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 8 de outubro de 2024 pola que se acorda a ampliación da dotación orzamentaria e do prazo de xustificación para as axudas establecidas na Resolución do 29 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a mellora da capacidade de innovación das empresas en Galicia, a través do financiamento de bonos de innovación para pequenas e medianas empresas cuxa actividade se enmarca nas prioridades estratéxicas da RIS3, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento IN848F).

O 22 de xaneiro de 2024 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 29 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a mellora da capacidade de innovación das empresas en Galicia, a través do financiamento de bonos de innovación para pequenas e medianas empresas cuxa actividade se enmarca nas prioridades estratéxicas da RIS3, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento IN848F).

A citada resolución establece, no seu artigo 3, que poderán ampliarse os créditos destinados a esta convocatoria, logo da declaración de dispoñibilidade de crédito, como consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

En consecuencia, e dado que se cumpren os requisitos para a dita ampliación, e para corrixir os erros detectados durante a instrución do procedemento, cómpre ampliar o importe total dos créditos destinados á convocatoria.

Así mesmo, tendo en conta o atraso na resolución da convocatoria, considérase necesario ampliar o prazo de xustificación para garantir que as entidades beneficiarias destas axudas poidan executar e presentar en prazo a documentación xustificativa correspondente.

En consecuencia, no exercicio das facultades conferidas polo artigo 17.3 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación,

RESOLVO:

Primeiro. Increméntase en 15.422,80 € o importe total destinado á concesión das axudas ao abeiro da Resolución do 29 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a mellora da capacidade de innovación das empresas en Galicia, a través do financiamento de bonos de innovación para pequenas e medianas empresas cuxa actividade se enmarca nas prioridades estratéxicas da RIS3, e se convocan para o ano 2024.

Segundo. O artigo 26.1 queda redactado do seguinte xeito:

«1. Prazos de xustificación:

O período de emisión de facturas (comezo de execución da actividade e facturación do gasto) e pagamento bancario do servizo será desde a data de presentación da solicitude da subvención ata o 31 de outubro de 2024.

Poderá presentarse a documentación xustificativa ata o 31 de outubro de 2024.

En todo caso, só se considerará gasto realizado o que sexa efectivamente pagado durante o período de xustificación, sempre que se respecten os prazos de pagamento previstos na normativa sectorial que lle sexa de aplicación ou, na súa falta, os establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, en aplicación da Lei 18/2022, do 28 de setembro, de crecemento e creación de empresas.

Na liña 2A, o informe asinado emitido pola entidade acreditada pola ENAC poderá presentarse ata o 15 de novembro de 2024».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2024

Carmen Cotelo Queijo
Directora da Axencia Galega de Innovación