DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Luns, 14 de outubro de 2024 Páx. 54473

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 1 de outubro de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 1 de outubro de 2024, relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común Zureira, Serriña e Aguallal, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Vilavella e A Canda, no concello da Mezquita.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do MVMC Zureira, Serriña e Aguallal, pertencente á CMVMC de Vilavella e A Canda, no concello da Mezquita, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 24.8.2022, a CMVMC de Vilavella e A Canda presentou unha proposta de revisión de esbozo da planimetría do seu MVMC Zureira, Serriña e Aguallal, do concello da Mezquita.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do Acordo da asemblea xeral do 21 de maio de 2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 11 de outubro de 2023 en relación coa citada solicitude. O expediente de revisión de esbozo limítase á estrema do monte coas propiedades particulares.

Consideracións legais e técnicas:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 11 de outubro de 2023, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade, o día 9 de setembro de 2024:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Zureira, Serriña e Aguallal, pertencente á CMVMC de Vilavella e A Canda, no concello da Mezquita.

Ourense, 1 de outubro de 2024

José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense