DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Mércores, 16 de outubro de 2024 Páx. 54871

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 10 de outubro de 2024, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se modifican a Resolución do 21 de marzo de 2022 pola que se establecen criterios para a cobertura de postos de traballo mediante comisión de servizos no ámbito da Administración de xustiza na Comunidade Autónoma de Galicia e a Resolución do 18 de maio de 2022 pola que se regulan as substitucións entre persoal funcionario no ámbito da Administración de xustiza na Comunidade Autónoma de Galicia.

En virtude das sentenzas 00399/2023 e 00638/2024, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, e oídas as organizacións sindicais con representación na Mesa sectorial do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza en Galicia,

DISPOÑO:

Artigo primeiro. Modificación da Resolución do 21 de marzo de 2022, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se establecen criterios para a cobertura de postos de traballo mediante comisión de servizos no ámbito da Administración de xustiza na Comunidade Autónoma de Galicia

A Resolución do 21 de marzo de 2022, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se establecen criterios para a cobertura de postos de traballo mediante comisión de servizos no ámbito da Administración de xustiza na Comunidade Autónoma de Galicia, modifícase nos seguintes termos:

Primeiro. Anúlase o punto 1 do artigo 2.

Segundo. Modifícase o artigo 3, que queda redactado do seguinte xeito:

Considérase praza vacante, para os efectos do establecido na seguinte resolución, aquela que estea desocupada polas seguintes causas:

a) Perda da condición de funcionario/a.

b) Praza cuxo titular estea en servizos especiais.

c) Excedencia voluntaria por interese particular.

d) Excedencia voluntaria por agrupación familiar.

e) Excedencia voluntaria por prestación de servizos no sector público.

f) Praza de nova creación.

g) Prazas que quedasen vacantes ou desertas no concurso de traslados.

Terceiro. Modifícase o artigo 14, que queda redactado do seguinte xeito:

Serán causas de cesamento na comisión de servizo:

a) O transcurso do tempo máximo establecido no artigo 13 desta resolución.

b) A provisión definitiva do posto vacante por persoal funcionario de carreira.

c) A adscrición provisional dun/dunha funcionario/a de carreira.

d) A amortización da praza.

e) A obtención dun novo destino definitivo, cesando na comisión o mesmo día do cesamento no destino desde o que obtivo a comisión de servizos.

f) A renuncia da persoa adxudicataria da comisión de servizos.

Artigo segundo. Modificación da Resolución do 18 de maio de 2022, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se regulan as substitucións entre persoal funcionario no ámbito da Administración de xustiza na Comunidade Autónoma de Galicia

A Resolución do 18 de maio de 2022, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se regulan as substitucións entre persoal funcionario no ámbito da Administración de xustiza na Comunidade Autónoma de Galicia, modifícase nos seguintes termos:

Primeiro. Modifícase o punto 1 do artigo 1, que queda redactado como segue:

1. Esta resolución ten por obxecto regular a provisión de forma temporal, mediante substitucións, dos postos de traballo reservados ao persoal funcionario integrante dos corpos ou escalas xerais ao servizo de Administración de xustiza –corpos de xestión procesual e administrativa, de tramitación procesual e administrativa e mais de auxilio xudicial– que presten os seus servizos na Administración de xustiza en Galicia, cando estes postos se atopen vacantes ou o seu titular estea ausente en períodos de longa duración.

Para estes efectos, enténdese por longa duración un período de 61 días naturais ou máis.

Segundo. Derrógase o artigo 8.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2024

José Tronchoni Albert
Director xeral de Xustiza