BDNS (Identif.): 789620.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).
Primeiro. Obxecto
Establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, do Programa de desenvolvemento precomercial dos resultados de investigación do Sistema público de saúde transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal (PRIS-T), no marco do proxecto Transfiresaúde do Programa de cooperación Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, para o financiamento de iniciativas xurdidas no ámbito do Sistema público de investigación e innovación en saúde de Galicia, e realizar a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, para o ano 2024.
Segundo. Entidades beneficiarias
Serán beneficiarios os institutos públicos de investigación sanitaria de Galicia, que poderán solicitar as axudas desta convocatoria a través das súas entidades de xestión, de acordo co disposto no artigo 4.c) do Real decreto 279/2016, do 24 de xuño, sobre acreditación de institutos de investigación biomédica ou sanitaria. A través das fundacións públicas galegas de investigación biomédica dos respectivos institutos poderá presentar proxectos de investigación calquera profesional sanitario do Sistema público de saúde de Galicia, investigador ou grupo de investigación do Sistema público de investigación e innovación de Galicia.
Terceiro. Liñas de actuación
1. Liña de apoio á Valorización dos resultados da investigación sanitaria (PRIST-VAL), orientada a proxectos de desenvolvemento precomercial baseados nuns resultados de investigación ou experiencias preliminares xa contrastados e que mostren potencial de transferencia.
2. Liña de impulso á Transferencia dos resultados da investigación sanitaria (PRIST-TRANSF), dirixida a proxectos que requiran validación clínica dunha tecnoloxía sanitaria desenvolvida, entendida como o conxunto de dispositivos e procedementos médicos ou cirúrxicos usados na atención sanitaria, incluíndo os sistemas organizativos e de soporte.
Cuarto. Bases reguladoras
Resolución do 8 de outubro de 2024 pola que se aproban e se publican as bases reguladoras do Programa de desenvolvemento precomercial dos resultados de investigación do Sistema público de saúde transfronteirizo Galicia–Norte de Portugal (PRIS-T) para o ámbito de Galicia, no marco do proxecto Transfiresaúde do Programa de cooperación Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento SA304D).
Quinto. Financiamento
1. A contía máxima destinada a financiar o Programa PRIS-T será de cincocentos mil euros (500.000 €) que se imputarán ás aplicacións orzamentarias da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde para os anos 2024, 2025 e 2026, coa seguinte distribución:
| Entidade | 2024 | 2025 | 2026 | 
| Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde | 230.000 € | 200.000 € | 70.000 € | 
| Total | 500.000 € | ||
2. O financiamento para o ano 2024 será o seguinte:
• Para o caso de proxectos seleccionados na liña de apoio á Valorización dos resultados da investigación sanitaria (PRIST-VAL), terá un límite máximo de 50.000 euros.
• Para o caso de proxectos seleccionados na liña de impulso á Transferencia dos resultados da investigación sanitaria (PRIST-TRANSF), terá un límite máximo de 30.000 euros.
3. O financiamento dos premios referidos nos anteriores puntos 1 e 2 imputarase á aplicación orzamentaria 12.A1.561C.481.0 (proxecto 2024 00003) dos orzamentos da Comunidade Autónoma galega.
Sexto. Prazo de presentación de candidaturas
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes e comezará a contar o seu cómputo o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2024
Antonio Gómez Caamaño
Presidente da Axencia Galega 
para a Xestión do Coñecemento en Saúde

