DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Mércores, 16 de outubro de 2024 Páx. 54818

III. Outras disposicións

Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde

RESOLUCIÓN do 11 de outubro de 2024 pola que se aproban e se publican as bases reguladoras do Programa de desenvolvemento precomercial dos resultados de investigación do Sistema público de saúde transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal (PRIS-T) para o ámbito de Galicia, no marco do proxecto Transfiresaúde do Programa de cooperación Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento SA304D).

O envellecemento da poboación constitúe a principal tendencia demográfica a nivel mundial e, tanto Galicia como o norte de Portugal, reflicten unhas das cifras máis elevadas, nunha tendencia á alza e que afecta de maneira significativa os servizos de saúde, con especial incidencia na atención primaria. Esta similitude entre ambas as rexións permite abordar esta problemática de maneira conxunta a través de mecanismos que aseguren a sustentación do sistema sanitario á vez que promovan unha oportunidade de desenvolvemento económico como eurorrexión punteira e transformadora no que concirne ao envellecemento activo e saudable e á medicina personalizada.

Desta maneira, o proxecto Transfiresaúde, no marco do Programa de cooperación Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, aposta polo reforzo da integración do ecosistema de investigación e innovación en saúde eurorrexional para o desenvolvemento de actuacións conxuntas para abordar os retos vinculados ao envellecemento activo e saudable e á medicina personalizada, preferentemente no contorno da atención primaria.

Este obxectivo encádrase dentro da Estratexia galega de especialización intelixente (RIS3), concretamente no reto 3, relativo ao modelo de vida saudable baseado no envellecemento activo da poboación, para situar Galicia como a rexión líder do sur de Europa na oferta de servizos e produtos intensivos en coñecemento relacionados cun modelo de vida saudable e de envellecemento activo. Contextualízase na prioridade 3, definida como enfoque cara ás persoas, ao orientar os esforzos en I+D+i cara ás necesidades e ao benestar das persoas, e á consolidación de Galicia como un contorno de referencia mundial para o desenvolvemento e a testaxe de novas oportunidades e solucións innovadoras dirixidas a elas.

Un reto eurorrexional tan completo só se pode abordar con éxito de maneira agregada, conformando un consorcio transfronteirizo experto na materia, representativo respecto da problemática e equilibrado nos seus roles, que afronte a problemática mediante un enfoque holístico, executando actividades que ataquen o problema desde enfoques diferentes pero complementarios.

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (Acis) lidera o proxecto conformado por organismos de Galicia (Universidade de Vigo, Centro de Investigación en Tecnoloxías de Innovación -CITIUS- da Universidade de Santiago de Compostela, Servizo Galego de Saúde); Norte de Portugal (Instituto de Investigação e Inovação em Saúde da Universidade do Porto, Centro Clínico Académico-Braga Associação 2CA-Braga, Associação Centro de Medicina P5-ACMP5, Instituto de Engenharia de Sistemas e Computadores, Tecnologia e Ciência-INESC TEC), e a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Eurocidade Chaves-Verín.

O proxecto Transfiresaúde está financiado nun 75 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) dentro do Programa Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, que foi elaborado polos Estados membros de España e Portugal co fin de afrontar desafíos clave na área fronteiriza entre ambos os países.

Un dos obxectivos do proxecto Transfiresaúde é o impulso dos resultados de investigación próximos ao mercado e o fomento da innovación empresarial desde a perspectiva da demanda auspiciada polo sector público, e ten como propósito a aceleración das mellores investigacións biomédicas na materia para achegalas ao mercado. Para este fin establécese, no marco do proxecto Transfiresaúde, o desenvolvemento dun Programa de desenvolvemento precomercial dos resultados de investigación do Sistema público de saúde transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal (PRIS-T) en réxime de concorrencia competitiva; unha ferramenta deseñada para tender unha ponte entre o coñecemento xerado polos grupos de investigación e a creación de valor económico e asistencial a través de novos produtos e servizos.

O seu funcionamento baséase na identificación de proxectos de investigación en saúde que se están desenvolvendo en Galicia e Norte de Portugal e con posibles resultados con potencial comercial. Tras unha análise por parte do Comité de Selección a que se refire o artigo 15, que permita identificar os puntos fortes e febles de cada proxecto, enfocado ao seu potencial desenvolvemento comercial, seleccionaranse os máis relevantes e elaborarase un plan de desenvolvemento estratéxico detallado sobre eles. O reto que se presenta é o de transformar o coñecemento, o esforzo e os recursos da I+D+i biosanitaria en valor económico e social, orientando os esforzos cara a liñas de alta capacidade de transferencia que xeren retornos sustentables e de grande impacto.

O Programa PRIS-T do proxecto Transfiresaúde ten dous ámbitos de actuación: Galicia e Norte de Portugal, cunhas bases comúns para ambas as rexións publicadas no documento regulador do Programa de desenvolvemento precomercial dos resultados de investigación do Sistema público de saúde transfronteirizo (PRIS-T). Estas bases reguladoras e a convocatoria circunscríbense ao ámbito de actuación do Sistema público de saúde de Galicia.

A investigación no Sistema público de saúde de Galicia desenvólvese principalmente nos tres institutos públicos de investigación sanitaria (Instituto de Investigación Biomédica da Coruña-INIBIC, Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela-IDIS e Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur-IISGS), na Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e na Fundación Pública Instituto Galego de Oftalmoloxía. Os institutos de investigación sanitaria galegos son, pola súa vez, o resultado da asociación dos hospitais docentes e investigadores do Servizo Galego de Saúde co Sistema universitario galego e outras entidades públicas.

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha axencia pública autonómica que se encadra dentro das entidades públicas instrumentais reguladas no título III da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. A Acis foi creada polo Decreto 112/2015, do 31 de xullo, polo que se crea a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e se aproban os seus estatutos, como un instrumento para a xestión da formación no Sistema público de saúde de Galicia, así como para o fomento e a coordinación da investigación nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, a coordinación e o impulso da actividade innovadora da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde e a avaliación de tecnoloxías e servizos sanitarios, así como a formación continuada dos/das profesionais das institucións sanitarias.

No exercicio das funcións que ten encomendadas, compétenlle á Acis a execución e a xestión de proxectos de investigación e innovación sanitaria e o deseño e a execución da estratexia de valorización da Innovación Sanitaria desenvolvida no Sistema público de saúde de Galicia.

Por todo o exposto, e no uso das facultades atribuídas pola lexislación vixente,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto, ámbito de aplicación e finalidade

Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, do Programa de desenvolvemento precomercial dos resultados de investigación do Sistema público de saúde transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal (PRIS-T), no marco do proxecto Transfiresaúde do Programa de cooperación Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, para o financiamento de iniciativas xurdidas no ámbito do Sistema público de investigación e innovación en saúde de Galicia, e realizar a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, para o ano 2024 (código de procedemento SA304D).

A finalidade do Programa de desenvolvemento precomercial dos resultados de investigación do Sistema público de saúde transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal (PRIS-T) é transformar o coñecemento, o esforzo e os recursos da I+D+i biosanitaria en valor económico e social, orientando os esforzos cara a liñas de alta capacidade de transferencia que xeren retornos sustentables de alto impacto.

O Programa PRIS-T pretende impulsar a profesionalización da xestión da I+D+i biomédica dotándoa de servizos de alto valor engadido: protección de resultados de investigación e xestión da propiedade intelectual e industrial, valorización, estudos de prospectiva, avaliación das tecnoloxías, creación de empresas de base tecnolóxica (spin-off), procura de licenciatarios a nivel nacional e internacional, asesoramento xurídico en acordos de transferencia de tecnoloxías, captación de investimento privado (capital risco e businessangels).

Artigo 2. Entidades beneficiarias

Serán beneficiarios os institutos públicos de investigación sanitaria de Galicia, que poderán solicitar as axudas desta convocatoria a través das súas entidades de xestión, de acordo co disposto no artigo 4.c) do Real decreto 279/2016, do 24 de xuño, sobre acreditación de institutos de investigación biomédica ou sanitaria.

A través das fundacións públicas galegas de investigación biomédica dos respectivos institutos (Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica INIBIC, Fundación Pública Galega Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela e Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica Galicia Sur) poderá presentar proxectos de investigación calquera profesional sanitario do Sistema público de saúde de Galicia, investigador ou grupo de investigación do Sistema público de investigación e innovación de Galicia.

Artigo 3. Proxectos elixibles

1. O programa pretende valorizar resultados de investigación ou proxectos de innovación dos/das profesionais que traballan no Sistema público de saúde de Galicia, dando así resposta á necesidade de fomentar os resultados da investigación co fin de avanzar na cadea de valor, reducir o tempo de chegada ao mercado e incrementar o potencial comercial das tecnoloxías xeradas polo persoal investigador sanitario de Galicia. Exclúense aqueles proxectos que impliquen melloras asistenciais ou innovación en procesos con limitada marxe de comercialización a terceiros.

2. A través da Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica da súa área de influencia, calquera profesional sanitario do Sistema público de saúde de Galicia, investigador ou grupo de investigación do Sistema público de investigación e innovación de Galicia pode presentar unha proposta de proxecto ao Programa PRIS-T, actuando como promotor deste, e priorizaranse aquelas de maior impacto no sistema, potenciais retornos económicos e mellor relación tempo/custo de desenvolvemento.

3. Cada profesional ou grupo promotor poderá presentar, preferentemente, un máximo de tres (3) propostas de proxectos a través da Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica da súa área de influencia.

4. Os proxectos deberán contar cunha participación maioritaria de profesionais do Sistema público de saúde de Galicia (Consellería de Sanidade, Servizo Galego de Saúde e/ou demais entes instrumentais, incluídas as fundacións públicas galegas de investigación biomédica). Como excepción, para aqueles proxectos en colaboración con outras entidades, deberán contar cunha participación mínima do 20 % de profesionais do Sistema público de saúde de Galicia.

Artigo 4. Liñas de actuación e proxectos elixibles

Establécense dúas liñas de actuación no marco do Programa PRIS-T:

1. Liña de apoio á Valorización dos resultados da investigación sanitaria (PRIST-VAL), orientada a proxectos de desenvolvemento precomercial baseados nuns resultados de investigación ou experiencias preliminares xa contrastados e que mostren potencial de transferencia. Estes proxectos deberán cumprir con algún dos seguintes requisitos:

a) Os desenvolvementos do proxecto están en proceso de ser protexidos.

b) A investigación, xa sexa básica ou de desenvolvemento teórico, é susceptible de xerar modelos ou novidades dun proxecto de investigación translacional.

c) Os proxectos teñen como obxectivo demostrar a viabilidade dunha idea da cal aínda só se ten evidencia.

2. Liña de impulso á Transferencia dos resultados da investigación sanitaria (PRIST-TRANSF), dirixida a proxectos que requiran validación clínica dunha tecnoloxía sanitaria desenvolvida, entendida como o conxunto de dispositivos e procedementos médicos ou cirúrxicos usados na atención sanitaria, incluíndo os sistemas organizativos e de soporte. Estes proxectos deberán cumprir con algún dos seguintes requisitos:

a) Proxectos cun avanzado estado de investigación, aínda que non dispoñan de socios investidores ou comerciais.

b) Proxectos que teñan potencial de licenciar os resultados da investigación.

c) Proxectos que estean en proceso de constituír unha spin-off ou empresa de base tecnolóxica.

Artigo 5. Metodoloxía e organización e financiamento de actividades

1. Os proxectos seleccionados no Programa PRIS-T gozarán dun programa de acompañamento e seguimento mediante actividades de valorización e transferencia organizado polas fundacións públicas de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica INIBIC, Fundación Pública Galega Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela e Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica Galicia Sur) en función da súa área de influencia.

2. Cada fundación de investigación sanitaria subscribirá, pola súa vez, un convenio de colaboración coa Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde para o desenvolvemento, seguimento e financiamento das actividades necesarias para levar a cabo o proceso de valorización e transferencia dos proxectos seleccionados da súa área de influencia.

3. Serán obxecto de financiamento, a través do respectivo convenio de colaboración, as seguintes accións:

a) Custos de adquisición de material e pequenos equipos inventariables vinculados directamente ás actividades de valorización e transferencia do proxecto.

b) Custos de subcontratación de servizos de I+D+i e servizos de consultoría tecnolóxica destinados exclusivamente ás actividades do proxecto. Estes gastos considéranse obxecto de financiamento sempre que as actividades obxecto do contrato acheguen valor ao proxecto e non poidan ser asumidas directamente polas entidades beneficiarias.

c) Custos de subcontratación de servizos vinculados a un enfoque estratéxico de protección da tecnoloxía/produto.

d) Custos de subcontratación de servizos asociados á validación técnica e económica da funcionalidade da tecnoloxía/produto por parte de clientes potenciais, estratexia comercial, etc.

e) Custos de subcontratación de servizos de estudos de mercado detallados, que incluirán, entre outros:

1º. Identificación de líderes de opinión clave.

2º. Identificación e cuantificación de grupos de investigación que traballan nos mesmos produtos por mercado/país.

3º. Identificación dos principais distribuidores e comercializadores dos produtos por mercado.

f) Custos do persoal das fundacións públicas galegas de investigación biomédica que colaboren na execución das actividades necesarias para levar a cabo o proceso de valorización e transferencia dos proxectos seleccionados. Este importe non poderá superar o 10 % da contía máxima establecida por proxecto seleccionado.

Artigo 6. Financiamento

1. A contía máxima destinada a financiar o Programa PRIS-T será de cincocentos mil euros (500.000 €) que se imputarán ás aplicacións orzamentarias da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde para os anos 2024, 2025 e 2026, nas cales existe crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma galega, coa seguinte distribución:

Entidade

Aplicación

orzamentaria

Código

de proxecto

2024

2025

2026

Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde

12A1 561C 481.0

2024 00003

230.000 €

200.000 €

70.000 €

Total

500.000 €

2. Financiarase o 100 % do orzamento presentado para cada proxecto seleccionado, cun límite máximo de 50.000 € para o caso dos proxectos seleccionados na liña de apoio á Valorización dos resultados da investigación sanitaria (PRIST-VAL) e de 30.000 € para cada proxecto seleccionado na liña de impulso á Transferencia dos resultados da investigación sanitaria (PRIST-TRANSF).

3. O procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia competitiva ata esgotar o orzamento máximo dispoñible, mediante a avaliación das solicitudes en función dos criterios de valoración establecidos no artigo 16, e tendo en conta o límite máximo en función da tipoloxía de proxectos establecidos no punto anterior -50.000 € para proxectos de valorización e 30.000 € de transferencia- que determinarán a contía da axuda máxima asignada a cada proxecto.

En caso de se producir un empate nas puntuación de dous ou máis proxectos que completan o proceso de esgotamento do orzamento máximo dispoñible, priorizarase para ser financiado aquel proxecto que teña máis puntuación no criterio a) Calidade da memoria científico-técnica; no caso de persistir o empate, o que teña maior puntuación no criterio b) Experiencia e capacidade investigadora, e así sucesivamente por orde de criterios c), d) e) establecidos no artigo 16.1. No caso de se producir un empate en todos os criterios, seleccionarase o primeiro proxecto que presente a súa solicitude a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

4. Serán accións elixibles para financiar as incluídas no artigo 5 que estean comprendidas entre o 1 de xaneiro de 2024 ata a fin do programa, prevista para o 1 de maio de 2026, mediante o correspondente convenio de colaboración coas fundacións públicas de investigación sanitaria que establecerá as condicións de pagamento con carácter anual logo de comprobación por parte da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde da realización das actividades e documentación xustificativa.

5. En caso de subcontratacións, que se rexerá polo disposto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, motivaranse debidamente o obxecto, o alcance e a necesidade dela para a realización das actividades do proxecto de investigación.

6. Non se considerarán gastos financiables en ningún caso os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación. O imposto sobre o valor engadido (IVE) poderase considerar gasto subvencionable cando a entidade beneficiaria acredite, mediante a correspondente certificación, que se encontra acollida ao réxime de exención do IVE.

7. O financiamento obxecto dos convenios de colaboración coas fundacións ten como obxectivo a realización de actividades de I+D+i non económicas por parte de organismos de investigación sen ánimo de lucro, e a difusión dos resultados da actividade dos organismos de investigación e a súa posta ao dispor de todos de forma indiscriminada, de forma que non existe ningunha vantaxe económica para as entidades subvencionadas e cumpren cos requisitos establecidos pola Comisión Europea no número 2.1 do Marco sobre axudas estatais de investigación, desenvolvemento e innovación (DOUE C414/1, 28.10.2022).

Artigo 7. Forma e lugar de presentación das solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia http://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirira para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Só se admitirán aquelas solicitudes que estean debidamente asinadas. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

Artigo 8. Prazo de presentación das solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes e comezará a contar o seu cómputo o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Artigo 9. Documentación complementaria

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación, segundo a liña de actuación indicada no artigo 4 para a cal presentan o proxecto:

a)Anexo II. Memoria técnica do proxecto para a liña de apoio á valorización (PRIST-VAL) ou

b)Anexo III. Memoria técnica do proxecto para a liña de apoio á transferencia (PRIST-TRANSF).

2. A información que debe figurar no anexo II de memoria técnica do proxecto proposto para o caso de proxectos que opten á liña de Valorización dos resultados da investigación sanitaria (PRIST-VAL) é a seguinte:

1º. Mercado (necesidade identificada): problema que cómpre resolver e identificación do mercado.

2º. Tecnoloxía/resultados: descrición da tecnoloxía, nivel de desenvolvemento da tecnoloxía, e protección da tecnoloxía/resultados.

3º. Proba de valorización: obxecto da proba de valorización e impacto da proba de valorización.

4º. Plan de desenvolvemento: plan de traballo, orzamento e plan de continxencia.

3. A información que debe figurar no anexo III de memoria técnica do proxecto proposto para o caso de proxectos que opten á liña de impulso á Transferencia dos resultados da investigación sanitaria (PRIST-TRANSF) é a seguinte:

1º. Necesidade/solución: problema que cómpre resolver e descrición da tecnoloxía/resultados obtidos.

2º. Idea de negocio/explotación: resumo da idea de negocio/explotación dos resultados e posible impacto do Programa PRIS-T.

3º. Plan de difusión.

4º. Plan de desenvolvemento: plan de traballo, orzamento e plan de continxencia.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE persoa representante da entidade.

c) Certificado de estar ao día nas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

d) Certificado de estar ao día nas obrigas de pagamento á Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento de débedas á Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 12. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. As persoas interesadas poderán consultar, na aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) e na Carpeta cidadá A miña sede, o estado das súas solicitudes a medida que avanza a tramitación administrativa do expediente e a documentación presentada.

Artigo 13. Información ás persoas interesadas

1. Sobre este procedemento administrativo, que ten como código SA304D, poderase obter información adicional a través dos seguintes medios:

a) Páxina web do proxecto Transfiresaúde e da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (https://transfiresaude.eu / / http://Acis.sergas.es).

b) Nos teléfonos 981 55 51 03 e 981 56 80 55 da devandita axencia.

c) No enderezo electrónico op.transfiresaude@sergas.es

d) Persoalmente.

e) Na Guía de procedementos e servizos administrativos no enderezo http://sede.xunta.gal

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este procedemento poderá facerse uso do teléfono de Información xeral da Xunta de Galicia 012.

Artigo 14. Instrución e resolución do procedemento de concesión

1. A Área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión dos proxectos.

2. Se a documentación presentada é incompleta ou ten defectos emendables, as persoas interesadas serán requiridas para que no prazo de dez (10) días emenden o defecto ou acheguen os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fan, lles será denegada a participación nesta convocatoria, logo de resolución que será ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos ao Comité de Selección.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán ao dispor do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

5. Non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información serán causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto no artigo 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

6. Unha vez avaliadas as solicitudes, o Comité de Selección emitirá un informe no cal se concrete o resultado da avaliación efectuada. A Área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, en canto que órgano instrutor, elevará o informe xunto coa proposta de resolución ao órgano de resolución.

7. Correspóndelle ao titular da Presidencia da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde ditar a resolución de concesión, logo de ver a proposta de resolución. A resolución do procedemento pon fin á vía administrativa e poderá ser impugnada potestativamente en reposición, ante o mesmo órgano que a ditou, ou ser impugnada directamente, ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, de conformidade co establecido nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

8. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será dun mes, contado a partir do día seguinte ao do remate do prazo de presentación de candidaturas. Se transcorre o dito prazo sen ditarse resolución expresa, poderá entenderse desestimada a solicitude por silencio administrativo.

Artigo 15. Comité de Selección

1. A selección obxectiva dos proxectos levarase a cabo a través dun comité avaliador integrado por membros do Consorcio do proxecto Transfiresaúde. O Comité de Selección será o órgano colexiado encargado da avaliación das solicitudes conforme os criterios de valoración establecidos, e estará composto:

a) Pola persoa titular da Área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, quen exercerá a Presidencia.

b) Por unha persoa designada por cada un dos beneficiarios e socios galegos do proxecto Transfiresaúde:

1º. Axencia Galega de Coñecemento en Saúde - Dirección da Área de Planificación e Promoción da Investigación Sanitaria.

2º. Universidade de Vigo.

3º. Universidade de Santiago de Compostela - Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información (CITIUS).

4º. Servizo Galego de Saúde.

c) Por unha persoa empregada da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, que exercerá as funcións de secretaría, sen voto.

2. O Comité Avaliador, que poderá estar asistido por expertos/as externos/as, seleccionará as solicitudes ata esgotar o crédito dispoñible por orde decrecente de puntuación.

Poderanse solicitar cantos informes se consideren necesarios para resolver o procedemento de concesión. A este respecto, as solicitudes poderán ser obxecto de informes técnicos de valoración científico-técnica, que poderán realizar persoas expertas, comisións técnicas de persoas expertas ou axencias de avaliación con competencias técnicas acordes coa materia obxecto do financiamento. Nestas comisións ou grupos de asesoramento procurarase unha representación equilibrada de homes e mulleres, e potenciarase a presenza do xénero infrarrepresentado.

Os membros portugueses do partenariado do proxecto Transfiresaúde (Agrupación Europea de Cooperación Territorial Eurocidade Chaves-Verín (AECT Chaves-Verín); i3S-Instituto de Investigação e Inovação em Saúde dá Universidade do Porto; Centro Clínico Académico-Braga Associação (2CA-Braga); ACMP5-Associação Centro de Medicina P5; Instituto de Engheneria de Sistemas e Computadores, Tecnoloxía e Ciẽncia (INESC TEC)) actuarán, en todo caso, como expertos externos de apoio aos membros do Comité de Selección.

3. Quedarán, en todo caso, como suplentes aquelas solicitudes para as cales non se dispoña de crédito suficiente, coa condición de que cumpran os requisitos exixidos nesta convocatoria.

4. O Comité de Selección emitirá un informe final no cal figurarán, de maneira individualizada, as solicitudes propostas para obter o financiamento, especificándose a avaliación que lles corresponde. Así mesmo, indicarase o importe do financiamento para cada unha delas sen superar o crédito dispoñible.

5. Na composición do Comité de Selección procurarase acadar unha presenza equilibrada de homes e mulleres, e potenciarase a presenza do xénero infrarrepresentado, establecendo as medidas de conciliación necesarias para fomentar a dita participación.

Artigo 16. Criterios de valoración

1. No valoración das candidaturas presentadas teranse en conta os seguintes criterios:

a) Calidade da memoria científico-técnica: ata 50 puntos. Valoraranse o axuste da proposta ás características da convocatoria e a idoneidade da memoria do proxecto que se vai realizar, considerando o compoñente científico-tecnolóxico das tarefas específicas e tendo en conta a coherencia, adecuación e funcionalidade global do proxecto.

b) Experiencia e capacidade investigadora do/da solicitante profesional sanitario/a, investigador/a ou equipo investigador: ata 20 puntos. Avaliaranse a traxectoria e a calidade científico-técnica do equipo relativa ao ámbito de especialización do proxecto, valorización e transferencia que concorra a esta convocatoria.

c) Prioridade estratéxica de investigación no Sistema público galego de saúde: valorarase o grao de idoneidade para desenvolver de acordo con Plan de prioridades sanitarias do Servizo Galego de Saúde e a Estratexia galega de saúde 2030: ata 15 puntos.

d) Beneficios e rápida aplicabilidade para o Sistema sanitario público galego ou persoas usuarias do sistema: ata 10 puntos.

e) Avaliarase o emprego da lingua galega na realización das actividades para as cales se solicita axuda: ata 5 puntos.

2. Establécese unha puntuación mínima de 50 puntos para ser seleccionado.

3. A ausencia de descrición detallada do orzamento do proxecto implicará, en función da súa natureza, a redución do orzamento daqueles gastos previstos que non se xustifiquen debidamente ou mesmo a exclusión do proxecto.

Artigo 17. Período de execución do proxecto e réxime de xustificación

1. As entidades beneficiarias terán de prazo para executar o proxecto financiado ata o 1 de maio de 2026 desde a sinatura do correspondente convenio de colaboración. Con todo, serán elixibles para financiar accións previas incluídas no artigo 5 desde o 1 de xaneiro de 2024 que resultasen necesarias para a posta en marcha dos proxectos seleccionados.

2. A xustificación das axudas percibidas deberá ser eficaz, transparente e baseada na calidade e no impacto científico-técnico e socioeconómico das actuacións financiadas, mediante unha xustificación económica e unha xustificación científico-técnica. Para tales efectos, deberán achegar:

2.1. Unha memoria científico-técnica de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da axuda, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos. Deberán conter, como mínimo, a seguinte información: desenvolvemento das actividades, cumprimento do obxectivo proposto na actuación, actividades realizadas e resultados acadados.

2.2. Unha memoria económica xustificativa do custo das actividades realizadas, que conterá:

2.2.1. Relación detallada dos gastos en que se incorreu na realización das actividades subvencionadas, debidamente agrupados, con identificación do acredor e do documento, do seu importe, data de emisión e data de pagamento.

2.2.2. As facturas ou os documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa, incorporados na relación a que se fai referencia no paragrafo anterior, e a documentación acreditativa do pagamento. Os gastos xustificados deberanse axustar aos conceptos incluídos no orzamento inicial. Non se aboará máis que o importe xustificado co límite da subvención concedida.

2.2.3. Facturas, conformadas pola persoa responsable da entidade beneficiaria ou por quen actúe en representación desta, con indicación do DNI. As facturas que se presenten como xustificación dos gastos realizados deberán detallar unidades e os prezos unitarios. De non vir correctamente tipificado o gasto, as facturas non se admitirán a trámite, o que dará lugar á perda da subvención concedida.

2.2.4. Documento bancario acreditativo do pagamento das facturas presentadas, debidamente identificado. Non se admitirán pagamentos en efectivo nin mediante cheque bancario.

2.2.5. De ser o caso, acreditación do reintegro de remanentes non aplicados.

2.2.6. Cando a xustificación comprenda gastos de persoal, a documentación xustificativa consistirá en contrato de traballo, nóminas, documentos de cotización á Seguridade Social, documento de ingreso das retencións á conta do IRPF (modelo 111) e xustificantes bancarios de pagamento das retribucións, correspondentes á persoa contratada. Nos xustificantes bancarios deberán constar claramente a persoa emisora e perceptora e o concepto do gasto.

2.2.6.1. Partes de traballo asinados pola empresa e a persoa traballadora, en que consten as horas dedicadas ao proxecto ou actividade subvencionada, con descrición das tarefas realizadas.

2.2.6.2. Declaración responsable da persoa que ten a representación da entidade, da adecuación do custo salarial das persoas traballadoras ao convenio colectivo aplicable, especificando este e a categoría profesional das persoas traballadoras para os efectos da súa verificación.

2.3. Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas ou concedidas para a actuación subvencionada ao abeiro destas bases, das distintas administracións públicas competentes ou doutros entes públicos, e o compromiso de comunicar inmediatamente cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración, segundo o modelo do anexo I. Esta declaración deberá vir asinada electronicamente pola persoa responsable da entidade beneficiaria ou por quen actúe en representación desta.

2.4. Declaración asinada electronicamente pola persoa responsable da entidade, ou por quen actúe en representación desta, de que se cumpriu a finalidade da subvención.

3. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas para o contrato menor na normativa básica de contratación do sector público vixente (contías iguais ou superiores a 40.000 € cando se trate de contratos de obras, ou 15.000 € no caso de contratos de subministracións ou servizos, segundo o artigo 118.1 da Lei 9/2017, do 8 de novembro), a entidade beneficiaria deberá presentar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contracción do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que o presten ou subministren.

No caso de que, polas súas especiais características, non exista no mercado suficiente número de entidades que o presten ou subministren, deberá achegarse un informe que motive as especiais características que impliquen que non hai no mercado suficiente número de entidades que prestan ou subministran o ben ou servizo.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. Non exime da obriga da solicitude das tres ofertas o feito de dispor de provedores homologados, o feito de que se trate de provedores habituais ou a proximidade do provedor.

Malia o anterior, cando a entidade beneficiaria sexa un organismo sometido á lexislación sobre contratos do sector público e o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas para o contrato menor na normativa básica de contratación do sector público vixente, a entidade beneficiaria rexerase polo disposto nesta normativa e deberá axustar a súa contratación aos procedementos que se establecen e, especialmente, á disposición adicional 54ª da Lei 9/2017, do 8 de novembro.

Artigo 18. Xustificación e pagamento

1. O citado convenio de colaboración do artigo 5 establecerá as condicións de pagamento previstas con carácter anual, logo de comprobación por parte da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde da realización das actividades e documentación xustificativa, cuxos modelos de xustificación se establecerán no convenio atendendo ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Para os pagamentos previstos con carácter anual, terase en conta a distribución por anualidades atendendo ao ritmo de execución dos proxectos financiados, establecida no artigo 6, con 230.000 € para 2024, 200.000 € para 2025 e 70.000 € para 2026.

En todo caso, a liquidación do importe final das subvencións concedidas calcularase en función das facturas e demais xustificantes que se presenten ao respecto. No caso de que os gastos totais xustificados e admitidos sexan inferiores ao importe da subvención concedida, efectuarase a redución proporcional correspondente, sempre que se cumprisen os obxectivos previstos. Entenderase que queda por conta da persoa beneficiaria a diferenza de financiamento necesario para a total execución da actividade subvencionada. O aboamento da subvención efectuaráselle directamente á entidade beneficiaria na conta bancaria indicada por esta, que deberá ser da súa titularidade.

2. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado ante a Área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, esta requiriralle á entidade ou persoa beneficiaria que no prazo improrrogable de dez (10) días a presente para os efectos previstos neste artigo. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá a entidade ou persoa beneficiaria das sancións que, conforme a lei, correspondan.

Así mesmo, cando a Área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde aprecie a existencia de defectos emendables na xustificación presentada pola entidade ou persoa beneficiaria, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez (10) días para a súa corrección.

3. A xustificación do pagamento dos gastos obxecto das subvencións desta orde deberase acreditar a través de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario de pagamento. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo. Así mesmo, non se admitirán como xustificantes os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria.

4. O prazo máximo para efectuar a xustificación final por parte dos beneficiarios das axudas concedidas será dun mes contado desde a fin do prazo máximo para a execución dos proxectos, isto é, o 1 de xuño de 2026.

5. A comprobación económica das axudas efectuarase a través das actuacións por parte da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, de obrigado cumprimento tal e como se recolle no artigo 21, que verificarán que o gasto declarado é real e ten relación coa actuación subvencionada, que os bens se entregaron ou os servizos se prestaron de conformidade coa resolución de concesión, que as xustificacións son correctas e que as operacións e gastos cumpren as normas aplicables, así como que a entidade beneficiaria non incorre no suposto de dobre financiamento.

A comprobación incluirá os procedementos seguintes:

6.1. Comprobación administrativa. Realizarase sobre o 100 % das axudas concedidas, e levarase a cabo a revisión do contido económico da xustificación electrónica realizada polas entidades beneficiarias sobre o 100 % dos gastos presentados.

Estas verificacións administrativas son controis documentais baseados no exame da propia xustificación e dos oportunos xustificantes. O alcance mínimo da dita comprobación é o seguinte:

a) Correspondencia do gasto ao período de execución da actuación.

b) Correspondencia do gasto coa actuación aprobada.

c) Cumprimento das condicións da convocatoria.

d) Cumprimento das normas de subvencionabilidade.

e) Adecuación dos xustificantes achegados e a existencia dunha pista de auditoría adecuada.

f) Conformidade coa normativa aplicable.

6.2. Poderanse realizar verificacións sobre o terreo in situ sobre unha mostra representativa das axudas, que terán por obxecto comprobar, entre outros, os seguintes elementos:

a) Situación real das actuacións do proxecto subvencionado.

b) Verificación documental e física de activos inventariables.

c) Observación de cumprimento da normativa de publicidade.

d) Plena conformidade dos procedementos de adxudicación de contratos públicos.

Artigo 19. Anticipos de pagamento

Poderase realizar un pagamento anticipado á sinatura do convenio de colaboración, que suporá unha entrega de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións seleccionadas nos casos en que o gasto aínda non estea realizado. Este pagamento quedará suxeito ás seguintes condicións:

a) Anticiparase ata o 50 % do importe do financiamento concedido mediante resolución motivada sen que se supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

b) De acordo co establecido no artigo 65.4.c) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en relación cos artigos 62.3 e 67 do mesmo corpo legal, quedan exonerados da constitución de garantías as administracións públicas, os seus organismos vinculados ou dependentes e as sociedades mercantís estatais e as fundacións do sector público estatal, así como análogas entidades doutras comunidades autónomas e das entidades locais.

c) O pagamento do anticipo realizarase, no momento da sinatura do convenio de colaboración, á entidade beneficiaria na conta bancaria indicada por esta, que deberá ser da súa titularidade.

Artigo 20. Réxime de compatibilidade

O financiamento para a execución dos proxectos será compatible con calquera subvención ou axuda para a mesma finalidade, que deberá ser comunicada ao órgano concedente. O importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada.

Artigo 21. Obrigas das entidades beneficiarias

1. As entidades beneficiarias das axudas quedan obrigadas:

a) Ao reintegro, total ou parcial, da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos regulados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) A someterse ás actuacións de comprobación que poida efectuar o órgano competente en materia de medios, así como a calquera outra de comprobación e control financeiro que poidan realizar a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, para o cal presentarán canta información lles sexa requirida.

c) A dar unha adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que poidan derivar da execución no ano da convocatoria das actividades subvencionadas:

As entidades beneficiarias deberán dar publicidade na súa páxina web, publicacións, relatorios, equipamentos, material inventariable e actividades de difusión dos resultados do proxecto, e deberán mencionar expresamente que a actuación foi financiada no marco do proxecto Transfiresaúde do Programa Interreg POCTEP 2021-2027.

Nos documentos de traballo, así como nos informes e en calquera tipo de soporte que se utilice nas actuacións necesarias para o obxecto do proxecto, o emblema do Programa Interreg España-Portugal aparecerá de forma visible e destacada de conformidade co Manual de identidade gráfica para proxectos aprobados no marco do POCTEP 2021-2027.

Os materiais de difusión dos resultados da actuación evitarán calquera imaxe discriminatoria da muller e fomentarán a igualdade e a pluralidade dos roles. Así mesmo, deberase evitar o uso dunha linguaxe sexista.

d) Se é o caso, a acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes da correspondente proposta de pagamento, que está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma. En caso de que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, conforme o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dean como resultado que o solicitante ou o beneficiario ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requiriráselle ao solicitante ou beneficiario que regularice a situación e presente o correspondente certificado.

e) A non estar incursas en ningunha das circunstancias ou causas de prohibición para a obtención de axudas, previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nin en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

f) A comunicarlle ao órgano competente en materia de medios no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos subvencionados, a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as publicacións subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da axuda.

g) A cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamente a concesión da subvención.

h) A xustificar, ante o órgano concedente, o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención. Para tal fin, estarán así mesmo obrigadas a someterse ás actuacións de comprobación que efecturará a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, para o cal se achegará canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións de comprobación.

i) A dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan exixidos polas bases reguladoras das subvencións, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

j) A conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

Artigo 22. Modificación da resolución e reintegro das subvencións

1. Toda alteración nas condicións tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora producidos desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde o reintegro nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Ao abeiro do disposto no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se vai minorar serán os seguintes:

a) O incumprimento total dos fins para os cales se concedeu a axuda ou da obriga de xustificación dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda concedida.

b) Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os cales se concedeu a axuda e dará lugar á perda parcial do dereito ao cobramento ou, se é o caso, na porcentaxe correspondente ao gasto non efectuado ou non xustificado.

4. A tramitación do expediente de reintegro realizarase de acordo co procedemento establecido no capítulo II do título II da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 23. Réxime xurídico aplicable

1. As solicitudes, a súa tramitación e a resolución axustaranse ao previsto nesta resolución.

Aos aspectos non contidos nesta resolución aplicaráselles o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento; os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e os do seu regulamento de execución, así como a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normativa de aplicación.

2. Así mesmo, a Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, e a Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, da tecnoloxía e da innovación, serán de aplicación a esta convocatoria, así como a súa normativa concordante.

3. Ademais, esta convocatoria está cofinanciada con fondos europeos, polo que é de aplicación e se dá debido cumprimento ao previsto nos seguintes:

a) Regulamento (UE) nº 2021/1058 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e ao Fondo de Cohesión.

b) Regulamento (UE) nº 2021/1059 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, sobre disposicións específicas para o obxectivo de cooperación territorial europea (Interreg) que recibe apoio do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e dos instrumentos de financiamento exterior.

c) Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e á Política de Visados.

Artigo 24. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Disposición adicional primeira. Información básica a persoas interesadas sobre protección de datos persoais

De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas, cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, da existencia do rexistro público de subvencións e dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Disposición adicional segunda. Actualización de modelos normalizados

De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, o/os modelo/s normalizado/s aplicable/s na tramitación do/dos procedemento/s regulado/s nesta disposición poderá/n ser actualizado/s co fin de mantelo/s adaptado/s á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación do/dos modelo/s actualizado/s na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estará/n permanentemente accesible/s para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional terceira. Información ás persoas interesadas

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Xerencia da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde para que leve a cabo as actuacións que sexan necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta actuación.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2024

Antonio Gómez Caamaño
Presidente da Axencia Galega
para a Xestión do Coñecemento en Saúde

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file