Unha vez examinada a solicitude de deslindamento formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Amiudal, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Amiudal, e do MVMC Comunal de San Xusto, pertencente á CMVMC da Parroquia de Avión, no concello de Avión, resultan os seguintes
Feitos:
Primeiro. O 30.1.2024 a CMVMC de Amiudal presentou un escrito (Rexel 2024/289877) en que solicitan a aprobación dun deslindamento coa CMVMC da Parroquia de Avión.
Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:
– Acta de deslindamento.
– Acta de conciliación levantada no Xulgado de Paz de Avión.
– Certificacións dos acordos das respectivas asembleas xerais.
– Memoria e planos do deslindamento.
– Informe de validación gráfica emitido pola Dirección Xeral do Catastro.
Segundo. O informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense do 14 de febreiro de 2024 fai constar que a documentación achegada se corresponde co deslindamento do perímetro estremeiro entre o MVMC Amiudal, pertencente á CMVMC de Amiudal, e mais o MVMC Comunal de San Xusto, pertencente á CMVMC da Parroquia de Avión, desde o vértice 1 (o situado máis ao NE) ata o vértice 210 (o situado máis ao SO).
Logo de analizar os vértices e a súa localización, obsérvase o seguinte:
O deslindamento baséase en seis vértices principais, identificados cos números 1 (río), 2 (estrada a Beresmo 1), 26 (estrada a Beresmo 2), 34 (punto intermedio), 37 (pista forestal) e 210 (vértice con propiedades particulares), complementados por un conxunto moito máis numeroso de puntos secundarios situados, na súa maior parte, no eixe da devasa que separa ambas as comunidades (vértices do 37 ao 210) e na estrada a Beresmo (vértices do 8 ao 26), os cales permiten definir a estrema con suficiente precisión.
Porén, cómpre sinalar a existencia dun erro na designación dos puntos por parte do enxeñeiro operador na súa memoria de deslindamento (a cal serve de base para a conciliación), consistente na identificación como punto principal do vértice 2 (estrada a Beresmo 1), cando realmente o dito vértice non está situado na estrada; esa consideración de punto principal debe corresponderlle ao vértice 8, ao ser este o punto onde a liña conciliada describe a variación singular definida polo encontro (e continuación ata o vértice 26) coa estrada a Beresmo.
O citado informe considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, polo que lle propón ao Xurado Provincial a súa aprobación coas consideracións indicadas.
Consideracións legais e técnicas:
Primeiro. A presente resolución dítase o abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se deberá seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o xurado provincial de montes veciñais en man común, logo do exame da documentación presentada, ditará unha resolución, que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.
De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 14 de febreiro de 2024, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou, por unanimidade, o día 9 de setembro de 2024:
Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras dos MVMC Amiudal, pertencente á CMVMC de Amiudal, e mais Comunal de San Xusto, pertencente á CMVMC da parroquia de Avión, no concello de Avión.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Ourense, 4 de outubro de 2024
José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense
