DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Xoves, 17 de outubro de 2024 Páx. 55235

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 25 de setembro de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción da infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica correspondente a unha nova posición de liña de 20 kV na subestación Lalín 132/66/20 kV, no concello de Lalín (Pontevedra), e que promove UFD Distribución Electricidad, S.A. (expediente IN407A 2024/175-4).

Feitos:

1. O 24.4.2024, UFD Distribución Electricidad, S.A. (en diante, UFD ou promotor) presentou, ante o Departamento Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía e Industria (en diante, departamento territorial), a solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción para a infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica correspondente a unha nova posición de liña de 20 kV na subestación Lalín 132/66/20 kV, no termo municipal de Lalín (Pontevedra), á cal se lle asignou o número de expediente IN407A 2024/175-4.

Esta solicitude acompañouse, ou completouse posteriormente, da seguinte documentación técnica:

• Proxecto de execución denominado subestación Lalín 132/66/20 kV-ampliación de posición MT (pos. 815-parque empresarial), asinado o 21.3.2024 pola enxeñeira industrial María Isabel López Ferrer (colexiada nº 17.566 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid) e visado por este colexio, co nº 202401293 e con data do 21.3.2024; e en que figura un orzamento total de 57.059,00 euros.

• Declaración responsable asinada o 21.3.2024 polo técnico proxectista e integrada no anexo II do proxecto (exixida no artigo 53.1.b) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico).

• Anexo ao proxecto de execución, asinado polo técnico proxectista con data do 8.8.2024, en que figuran os cálculos xustificativos da instalación eléctrica proxectada, así como a declaración responsable para o dito anexo (exixida no artigo 53.1.b) da Lei 24/2013).

2. O 20.9.2024, o departamento territorial, logo de rematada a instrución do referido expediente, deu traslado del á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas (en diante, DXPEM) para os efectos de ditar a oportuna resolución, e incorporou os seguintes informes:

• Informe favorable sobre o proxecto de execución, emitido o 16.9.2024 polos servizos técnicos do departamento territorial.

• Informe favorable para a resolución do expediente, emitido o 19.9.2024 polo Servizo de Enerxía e Minas do departamento territorial.

Consideracións legais e técnicas:

1. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

2. A competencia para resolver este expediente correspóndelle á DXPEM, ao tratarse dunha subestación cunha potencia superior aos 75 MVA (a referida subestación dispón dunha potencia de transformación de 80 MVA: dous trafos de 25 MVA e un de 30 MVA), de conformidade co disposto no artigo único (punto 1.b).2º para as autorizacións administrativas previa e de construción) do Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), así como no Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG núm. 73, do 14 de abril), no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellería da Xunta de Galicia (DOG núm. 81, do 24 de abril), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio).

De acordo con todo o anterior,

RESOLVO:

1. Outorgar a autorización administrativa previa para a infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica correspondente a unha nova posición de liña de 20 kV na subestación Lalín 132/66/20 kV, no termo municipal de Lalín (Pontevedra), e que promove UFD Distribución Electricidad, S.A.

2. Outorgar a autorización administrativa de construción para o proxecto de execución da citada infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica, denominado subestación Lalín 132/66/20 kV-ampliación de posición MT (pos. 815-parque empresarial), e o seu anexo (cos cálculos xustificativos da instalación eléctrica proxectada).

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución denominado subestación Lalín 132/66/20 kV-ampliación de posición MT (pos. 815-parque empresarial), asinado o 21.3.2024 pola enxeñeira industrial María Isabel López Ferrer (colexiada nº 17.566 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industrias de Madrid) e visado por este colexio, co nº 202401293 e con data do 21.3.2024, e en que figura un orzamento total de 57.059,00 euros; así como no seu anexo, asinado polo técnico proxectista con data do 8.8.2024, e no que figuran os cálculos xustificativos da instalación eléctrica proxectada.

2. O promotor asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manteñan as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade nas instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, aprobados polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio, e o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobados polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro.

3. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da DXPEM; non obstante, o departamento territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes e deberá comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que se diten en aplicación da citada facultade.

4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. Unha vez construídas estas instalacións, o promotor deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante o departamento territorial, quen deberá estendela logo das comprobacións técnicas que considere oportunas.

5. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos orzamentos que determinaron a súa adopción poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia ao promotor, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

6. Estas autorizacións adóptanse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da referida infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica, en especial, as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente, tal e como dispón o título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

7. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 48.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2024

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Minas