En sesión que tivo lugar o 27 de setembro de 2024, o tribunal nomeado pola Resolución do 21 de decembro de 2023 (DOG do 2 de xaneiro de 2024), para cualificar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre e de promoción interna, no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de sistemas e tecnoloxía da información (DOG do 7 de xullo de 2023),
ACORDA:
Primeiro. De conformidade co disposto na base II.1.1.3 e na II.1.2.3 da convocatoria, o terceiro exercicio cualificarase de 0 a 40 puntos e, para superalo, será necesario obter un mínimo de vinte (20) puntos. Corresponderalle ao tribunal determinar o nivel de coñecementos exixido para acadar esta puntuación mínima.
Para estes efectos, nos criterios de corrección, de valoración e de superación do terceiro exercicio aprobados polo tribunal, na sesión do día 27 de xuño de 2024, en cumprimento da potestade de determinación dos criterios de corrección, de valoración e de superación do terceiro exercicio indicado, e de conformidade co previsto nas bases do proceso selectivo, e publicados no portal web corporativo da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal, o tribunal acordou que o exercicio se cualificará valorando os coñecementos, a claridade, a orde de ideas e a calidade da expresión escrita. No exercicio, cada unha das preguntas propostas mostra a súa cualificación e o total da suma de todas as puntuacións será de 40 puntos.
Para a valoración dos coñecementos avaliarase o axuste ao contido do suposto práctico e ás súas preguntas, a exhaustividade do seu tratamento, e a corrección e a exactitude das respostas da persoa aspirante, tanto na resolución escrita como nas que realice ante as preguntas, que, se é o caso, faga o tribunal. En particular, valorarase a eficacia, a eficiencia e a calidade técnica e funcional da solución proposta. En canto á valoración da expresión escrita, teranse en conta, ademais da claridade e da orde de ideas, a sintaxe, a ortografía e a caligrafía lexible. Así mesmo, tratándose dun proceso selectivo para o acceso ao corpo superior da Administración pública autonómica, valorarase, cando proceda, a correcta descrición dos procedementos administrativos que poida integrar o contido do suposto práctico.
Finalmente, para a cualificación global do exercicio da persoa aspirante, tivéronse en conta todas as valoracións globais do tribunal referidas ao exercicio en cuestión, e elimináronse, de entre as outorgadas, a cualificación máis alta e a máis baixa, co fin de obter a media aritmética das cualificacións dos outros/as membros do tribunal. Se a puntuación que se vaia eliminar é asignada por dous/dúas ou máis membros do tribunal, a dita eliminación aplicarase unha soa vez. A media aritmética será considerada a cualificación final do exercicio da persoa aspirante.
Segundo. Feita a corrección e consonte os criterios anteriores, superaron o exercicio un total de dúas (2) persoas aspirantes, no acceso por promoción interna, e de quince (15) aspirantes, por acceso libre.
Terceiro. Publicar no portal web corporativo da Xunta de Galicia, funcionpublica.xunta.gal, as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes presentadas ao terceiro exercicio do proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre e de promoción interna, no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de sistemas e tecnoloxía da información, convocado pola Resolución do 5 de xullo de 2023.
Cuarto. De acordo co disposto na base II.1.2.8 da convocatoria, as persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Quinto. De conformidade co disposto na base III.13 da convocatoria, contra esta resolución poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2024
Alfonso Pereira Martínez
Presidente do tribunal
