De conformidade co disposto nos artigos 44, 45 e 46 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, por razóns de interese público que o aconsellan, faise público, mediante a publicación no Boletín Oficial del Estado, o seguinte requirimento emitido pola Dirección de Portos de Galicia o 26 de setembro de 2024, que foi rexeitado pola mercantil Peixes e Mariscos Recho, S.L. no sistema Notifica.gal.
Así mesmo, este anuncio publicarase no Diario Oficial de Galicia, ben que a eficacia do acto notificado quedará supeditada á súa publicación no Boletín Oficial del Estado.
Segundo informa o celador gardapeiraos xefe do porto de Ribeira, diversos remolques permanecen aparcados no mesmo lugar en zona de dominio público portuario do porto de Ribeira desde hai máis dun ano, e na actualidade todos eles carecen de permiso de circulación e das correspondentes revisións periódicas.
Entre os ditos vehículos identifícase o vehículo marca Mirofret, con matrícula R6276BBZ e número de bastidor VS9SA3NS96A013377, do que é titular a mercantil Peixes e Mariscos Recho, S.L.
Considerando o exposto, e toda vez que na zona onde se atopa o vehículo a entidade pública Portos de Galicia é a Administración competente en materia de tráfico de cara ao tratamento residual do vehículo segundo dispón o artigo 128 da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 106 do Real decreto lexislativo 6/2015, do 30 de outubro, que aproba o texto refundido da Lei sobre tráfico, circulación de vehículos de motor e seguridade viaria, requírese a titular para que, nun prazo máximo dun mes contado desde a publicación da presente cédula no Boletín Oficial del Estado, proceda a retirar o vehículo da zona de servizo do porto de Ribeira.
No caso de incumprirse o presente requirimento, Portos de Galicia, sen máis trámites, daralle ao vehículo tratamento de residuo, e procederá en consecuencia ao seu traslado a centro autorizado de tratamento de vehículos para a súa posterior destrución e descontaminación.
O anterior enténdese sen prexuízo das sancións administrativas que procedan en dereito.
Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2024
Juan Sanmartín Ferreiro
Director de Portos de Galicia
