Expediente: IN407A 2022/419-1.
Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Denominación da instalación: modificado 1 para a renovación da LMTS MEI826 entre os CT 15C328 e 15CLGF.
Concello: Cerceda.
Feitos:
1. O día 17 de xuño de 2024, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción referente ao modificado do proxecto de execución da dita instalación de distribución eléctrica. Coa fin de mellorar a calidade de subministración e incrementar a capacidade da rede de distribución de media tensión na contorna das rúa Alcalde Tierno Galván, praza Campo da Feira, avenida de Galicia e avenida da Coruña, no concello de Cerceda, proxéctase o desmantelamento de dous tramos soterrados das liñas de distribución LMT MEI826 e MEI808, procedentes da subestación Meirama e a instalación de dúas novas liñas en novas canalizacións.
Achega o proxecto, que inclúe memoria, planos e orzamento xunto coa relación de bens e dereitos afectados de necesaria ocupación para a construción da liña, ao abeiro dos artigos 123 e 143 do Real decreto 1955/2000 e que abrangue os seguintes documentos:
• Proxecto de execución denominado: modificado 1 proxecto renovación LMTS MEI826 entre CT 15C328 e 15CLGF, asinado con data do 19 de xuño de 2024 por Victoriano González Lemos, enxeñeiro técnico industrial eléctrico e con número colexiado 2.980 de Vigo.
2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
3. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, déuselles traslado ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectadas dunha separata do proxecto, na parte en que a instalación poida afectar bens e dereitos ao seu cargo, que contén as características da instalación e a documentación cartográfica correspondente. Solicitóuselles o preceptivo informe á Deputación Provincial da Coruña e no Concello de Cerceda. No día desta resolución, non consta no expediente resposta dos organismos afectados á emisión dos condicionados solicitados.
4. Con data do 1.10.2024 emitiuse un informe técnico.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. O director territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio).
Segunda. Lexislación de aplicación:
– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
– Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.
– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
Terceira. Características técnicas:
As instalacións de alta tensión obxecto deste expediente están na rúa Alcalde Tierno Galván, praza Campo da Feira, avenida de Galicia e avenida da Coruña, no concello de Cerceda.
– LMTS (actuación 1) a 20 kV de 215 metros, condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 3×(1×240) mm2 Al, con orixe no CT Cerceda (Campo Feria) (15C328; expediente 51.214) existente e remate nos empalmes proxectados na LMT MEI826, procedente da subestación Meirama, na avenida da Coruña. Desmantelamento dun tramo comprendido entre o CT avenida da Coruña 26 (15CLGF, expediente IN407A 2015/009-1) e o CT Cerceda (Campo Feria) (15C328, expediente 51.214).
– LMTS (actuación 2) a 20 kV de 102 m, condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 3×(1×240) mm2 Al, con orixe nos empalmes proxectados na LMT MEI808, procedente da subestación Meirama, na intersección entre a rúa Alcalde Tierno Galván e a praza Campo da Feira e remate nos empalmes proxectados, en arqueta existente, na intersección entre a avenida Mesón e a avenida de Galicia. Desmantelamento dun tramo comprendido entre o CT Rosalía de Castro nº 10 (15CVX7, expediente IN407A 04/230) e o CT Tierno Galván (15CQA8, expediente IN407A 01/322), con condutor UNI-AL-150-RHV.
Cuarto. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos deste departamento territorial.
De acordo con todo o exposto,
RESOLVO:
1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción para a dita instalación de distribución eléctrica indicada.
2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
3. Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante este departamento territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:
• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.
• Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.
• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial, no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren axeitado.
Mediante este documento notifícaselles aos interesados esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da dita Lei 39/2015.
A Coruña, 2 de outubro de 2024
Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña
