De conformidade co disposto nos artigos 44, 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, por non ser posible a notificación aos herdeiros de José Ramón Vázquez López no domicilio que consta no expediente, e pola posible existencia doutros interesados no procedemento que sexan descoñecidos, faise pública, mediante a publicación no Boletín Oficial del Estado, a Resolución do 7 de outubro de 2024, da Presidencia da entidade pública Portos de Galicia, que declara en situación de abandono a embarcación de nome Susana, con folio 7ª-CO-67-91, depositada na zona de varada do porto de Burela.
Así mesmo, este anuncio publicarase no Diario Oficial de Galicia, ben que a eficacia do acto notificado quedará supeditada á súa publicación no Boletín Oficial del Estado.
A embarcación en cuestión estaba atracada no porto de Burela en estado de abandono e con perigo de afundimento, o que fixo necesario a súa posta en seco o día 27 de xaneiro de 2023.
Desde dita data a embarcación está na zona de varada do porto de Burela sen actividade e en estado de abandono.
Esta resolución emítese con base no establecido no artigo 128 da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia, unha vez que no Boletín Oficial del Estado número 229, do 21 de setembro de 2024, se fixo público o acordo de iniciación, e dentro do prazo concedido no trámite de audiencia nin o suposto propietario nin ningunha outra persoa física ou xurídica que acreditase dereitos e/ou intereses lexítimos sobre a embarcación formulase alegacións ou comparecese no procedemento.
De acordo coa normativa que se cita, Portos de Galicia vai proceder á venda do buque e, de resultar esta fallida, ao seu despezamento e traslado a vertedoiro autorizado.
Esta resolución emítea o presidente de Portos de Galicia en virtude das competencias conferidas polo artigo 12.3, alíneas a) e l), da Lei 6/2017, de portos de Galicia.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa e é executiva, poderase interpor recurso contencioso-administrativo nun prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio, ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela que corresponda.
Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2024
José Antonio Álvarez Vidal
Presidente de Portos de Galicia
