Antecedentes legais e normativos
Os artigos 109.1 e 113.1 do Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidos para a extracción profesional dos recursos mariños vivos en augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 31, do 15 de febreiro), establecen que tanto a utilización da arte do bou de vara como a arte da rapeta ou bou de man soamente poderán autorizarse a través do oportuno plan de xestión. As devanditas artes son de arrastre multiespecíficas, dirixidas a determinadas pesqueiras en función do momento do ano ou da zona de traballo onde se utilizan.
Segundo a descrición dada polo artigo 106 do citado Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, o bou de vara caracterízase por que a apertura da arte se mantén polo efecto dunha vara transversal e a acción de remolque exercida polo motor da embarcación.
Así mesmo, o artigo 110 establece que a rapeta ou bou de man é unha arte mixta de remolque e cerco, en que a acción de remolque se efectúa por medio de halador ou á man.
Por outra banda, cómpre subliñar que o bou de vara soamente poderá autorizarse no ámbito da ría de Arousa, tal como establece o número 2 do artigo 109 do devandito Decreto 15/2011. No entanto, o bou de man poderá autorizarse nas rías de Arousa, Pontevedra e Vigo (artigo 113.2).
Polo exposto, esta consellería
RESOLVE:
Autorizar a citada pesqueira baixo os seguintes termos e condicións:
1. Participantes.
Unicamente participarán no plan as embarcacións que teñan no seu permiso de explotación autorizada a arte de bou de vara ou a de bou de man.
2. Período.
O período autorizado será desde o 1 de novembro de 2024 ata o 31 de marzo de 2025, ambos os dous incluídos.
3. Horario.
O emprego das artes de bou de vara e bou de man realizarase de luns a venres, entre as 8.00 e as 14.30 horas.
Non obstante, o uso desta arte para a captura da nécora francesa ou conguito (Liocarcinus corrugatus) terá horario nocturno, desde o ocaso ata o orto, e deberase rexistrar a actividade expresamente para este recurso.
Os horarios diúrno e nocturno serán excluíntes entre si.
4. Arte.
As artes que se usarán serán:
a) O bou de vara, segundo as seguintes características técnicas:
1º. Lonxitude do calón: 6 metros como máximo.
2º. Lonxitude do cope: 6 metros como máximo.
3º. Lonxitude de vara: 6 metros como máximo.
4º. Chumbada: 10 kg como máximo.
5º. Altura: 3,5 metros como máximo.
6º. Dimensión de malla mínima: calón, 60 milímetros; cope, 50 milímetros.
b) O bou de man, segundo as seguintes características técnicas:
1º. Lonxitude das ás: 30 metros como máximo.
2º. Lonxitude do cope: 6 metros como máximo.
3º. Chumbada: chumbos de 1 kg como máximo cada 4 metros.
4º. Dimensión de malla mínima: calón de 80 milímetros; cope de 50 milímetros.
5. Limitacións de uso (para ambas as dúas artes).
Cando se empreguen as citadas artes de bou de vara e bou de man en polígonos de cultivos mariños, terá que manterse a distancia suficiente para evitar afectar as cordas das bateas.
Nas canles de navegación só se permitirá pescar nas súas beiras, considerando a posición onde está a arte correspondente e non onde está a embarcación.
Nas zonas de libre marisqueo soamente poderán utilizarse en profundidades superiores a 10 metros. Esta profundidade corresponderá á posición onde traballa a arte correspondente e non onde está a embarcación.
A potencia máxima das embarcacións que faenen con estas artes será de 50 CV.
6. Zonas de pesca.
As zonas autorizadas de traballo, segundo a arte que se utilice, son:
– Para a arte de bou de vara:
Ría de Arousa.
– Para a arte de bou de man:
1º. Ría de Arousa.
2º. Ría de Pontevedra.
3º. Ría de Vigo.
As embarcacións que faenen nas devanditas zonas de traballo deberán adecuarse ao establecido no número 5 desta resolución.
7. Especies.
O obxecto da captura serán a voandeira e a zamburiña, así como outras especies demersais.
Cando unha especie mariña teña asignada cotas ou topes máximos de captura e desembarco no marco dun plan de xestión ou de outra norma en vigor, as ditas cotas ou topes serán de aplicación para a mesma especie capturada polas artes de bou de vara e rapeta ou bou de man. No caso da voandeira será de 50 quilos por tripulante debidamente enrolado e a bordo/día, ata un máximo de 150 quilos por embarcación/día. Estas cantidades poderán ser modificadas segundo avance a campaña tendo en conta o estado do recurso.
Todas as especies deberán cumprir cos tamaños mínimos exixidos segundo o disposto na Orde do 27 de xullo de 2012 pola que se regulan os tamaños mínimos de diversos produtos pesqueiros na Comunidade Autónoma de Galicia, non estar en veda e cumprir coas disposicións legais que lle sexan de aplicación. Os individuos que non acaden o tamaño legal deberán ser devoltos ao mar inmediatamente.
8. Punto de control e venda.
Zonas de pesca, lonxas e puntos de venda autorizados.
9. Control e seguimento da actividade pesqueira.
a) Despachos telemáticos.
Deberán despachar as embarcacións na epígrafe de adhesión a plan de explotación: [«BOU DE VARA (RÍA DE AROUSA) (19A); BOU DE MAN (RÍA DE AROUSA) (20A); BOU DE MAN (RÍA DE PONTEVEDRA) (20B); BOU DE MAN (RÍA DE VIGO) (20C) // PLAN BOU DE VARA + BOU DE MAN 2024-2025 (RÍAS DE AROUSA, PONTEVEDRA E VIGO)»]. Polo tanto, as embarcacións que despachen a un plan de explotación só poderán faenar no mesmo día no ámbito do correspondente plan e non poderán usar ningunha outra arte que teñan no seu permiso de explotación.
Por outra banda, advírtese que, ao rematar a vixencia deste plan, se non se realiza un novo rexistro de actividade pesqueira, a embarcación pasaría á situación de «pendente rexistro actividade».
b) Remisión de datos de capturas.
Con periodicidade mensual a confraría deberá remitir datos de extracción por especie, utilizando como modelo o que como anexo se xunta, ao Servizo de Pesca da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, por correo electrónico ao enderezo serviciopesca@xunta.gal. A non inclusión de datos dalgunha das embarcacións no período estipulado terá como consecuencia a súa baixa definitiva do plan.
c) Mostraxes.
Durante o período de vixencia do plan, técnicos da Consellería poderán realizar, en calquera das embarcacións autorizadas, mostraxes para control, seguimento e avaliación do plan; os armadores deben colaborar de tal xeito que se permita acadar os obxectivos propostos. A falta de colaboración neste eido ocasionará a baixa definitiva do plan.
10. Extracción e comercialización.
Esta resolución queda condicionada ao estrito cumprimento da normativa vixente en materia de extracción e comercialización de produtos da pesca fresca.
11. Infraccións e sancións.
O incumprimento das condicións establecidas neste plan poderá ser sancionado segundo o establecido na Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro.
Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de reposición no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación, ante o conselleiro do Mar, de conformidade co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2024
O conselleiro do Mar
P.D. (Orde do 21.2.2022; DOG núm. 41, do 1 de marzo)
Antonio Basanta Fernández
Director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica
ANEXO
DECLARACIÓN DE CAPTURAS DE EMBARCACIÓNS
NOME DO PLAN: ________________________________ ANO: _______ MES: _______________ HORARIO: ________
|
Nº CFPO |
NOME EMBARCACIÓN |
MATRÍCULA E FOLIO |
T.R.B |
NASAS (1) |
Nº TRIPULANTES |
Nº DÍAS TRABALLADOS |
ZONA EXTRACCIÓN |
ESPECIE (2) |
KG |
(1) PARA CUBRIR UNICAMENTE NAQUELES PLANS EN QUE SE EMPREGA ESTA ARTE.
(2) CANDO UNHA EMBARCACIÓN CAPTURE VARIAS ESPECIES NO MESMO MES DEBERÁ CUBRIRSE UN RECADRO POR CADA ESPECIE.
