DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Martes, 29 de outubro de 2024 Páx. 57896

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

RESOLUCIÓN do 9 de outubro de 2024, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se anotan no Censo do patrimonio cultural de Galicia varias embarcacións tradicionais e un barco histórico clásico.

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución española e segundo o disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, asume a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural. En exercicio desta, apróbase a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (DOG núm. 92, do 16 de maio), en diante, LPCG.

O título V da LPCG regula o patrimonio cultural inmaterial de Galicia, co fin de salvagardalo mediante distintas medidas dirixidas a garantir a súa visibilidade, como a identificación, documentación, investigación, preservación, protección, promoción, valorización, transmisión e revitalización deste patrimonio nos seus distintos aspectos.

O Decreto 52/2019, do 9 de maio, polo que se declaran ben de interese cultural as técnicas construtivas da carpintaría de ribeira (DOG núm. 99, do 27 de maio), en diante, Decreto 52/2019, declara as técnicas construtivas da carpintaría de ribeira como unha manifestación inmaterial do patrimonio cultural de Galicia. Este decreto establece, no seu anexo II, as medidas de salvagarda para as técnicas construtivas da carpintaría de ribeira, entre as que se atopa o Censo de embarcacións tradicionais e barcos históricos de Galicia.

Antecedentes:

1. Na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural entraron catro solicitudes de anotación de embarcacións tradicionais no Censo de embarcacións tradicionais e barcos históricos de Galicia, como manifestación das técnicas construtivas da carpintaría de ribeira.

2. No Servizo de Inventario abríronse os correspondentes expedientes administrativos, que están completos e nos cales constan os informes dos mestres carpinteiros de ribeira e da Asociación Galega de Carpintaría de Ribeira que conclúen que tres embarcacións poden ser consideradas como embarcacións tradicionais galegas e unha como barco histórico clásico.

3. O 18.7.2024 reúnese o órgano de xestión para as medidas de salvagarda das técnicas construtivas da carpintaría de ribeira e acorda recoñecer como embarcacións tradicionais galegas as seguintes:

Nome da embarcación

Folio

Nº de expediente

Servizo de Inventario

A Uxoa

7ª VILL-4-4-22

SI-2024-0004.CLA

Pindirucha

7ª VILL-4-2-05

SI-2024-0168.CLA

Lobeira

7ª FE-1-27-94

SI-2024-0231.CLA

Así mesmo, na dita xuntanza, o órgano de xestión para as medidas de salvagarda das técnicas construtivas da carpintaría de ribeira, acorda recoñecer como barco histórico clásico o seguinte:

Nome da embarcación

Folio

Nº de expediente

Servizo de Inventario

Joaquín Vieta

7ª CO-7-8-19

SI-2024-0041.CLA

Consideracións xurídicas:

1. A competencia para resolver este expediente corresponde á directora xeral de Patrimonio Cultural, segundo o artigo 14 do Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude (DOG núm. 101, do 27 de maio).

2. O artigo 14 da LPCG regula o Censo do patrimonio cultural e o seu punto terceiro establece o seguinte: «A inclusión dun ben no Censo do patrimonio cultural non determinará a necesidade de autorización administrativa previa para as intervencións sobre o dito ben. O Censo servirá como elemento de referencia para a emisión dos informes que sexan competencia da consellería competente en materia de patrimonio cultural. Así mesmo, servirá como instrumento complementario para os responsables da xestión sustentable dos recursos culturais, a ordenación do territorio e o desenvolvemento económico».

3. O artigo 91.1 da LPCG define o patrimonio etnolóxico protexido legalmente do seguinte xeito: «Para os efectos desta lei, integran o patrimonio etnolóxico de Galicia os lugares, bens mobles ou inmobles, as expresións, así como as crenzas, coñecementos, actividades e técnicas transmitidas por tradición, que se consideren relevantes ou expresión testemuñal significativa da identidade, a cultura e as formas de vida do pobo galego ao longo da historia».

As técnicas construtivas da carpintaría de ribeira constitúen, pois, manifestacións inmateriais dese patrimonio etnolóxico obxecto de protección, e o seu réxime xurídico complétase co Decreto 52/2019 polo que se declaran ben de interese cultural.

4. O Decreto 52/2019 establece no número 2 do seu anexo II o seguinte: «Para o coñecemento e difusión das embarcacións que teñan a consideración de embarcación tradicional galega e dos barcos históricos de Galicia, así como para promover outras medidas de fomento para a súa conservación e protección, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural xestionará un Censo de embarcacións tradicionais e barcos históricos de Galicia, de rexistro voluntario, no cal as embarcacións serán anotadas, despois do informe do órgano de xestión ou os informes técnicos que correspondan, que avaliará a antigüidade, autoría ou correspondencia cos modelos tipolóxicos. O devandito censo, entendido como unha sección do Censo do patrimonio cultural, conterá información sobre a súa denominación, a súa tipoloxía, os datos descritivos e dimensionais básicos e a localización do seu porto habitual».

Así pois, as embarcacións tradicionais relacionadas no ordinal terceiro desta resolución, á vista dos informes que constan nos respectivos expedientes administrativos, e segundo o acordo acadado polo órgano de xestión para as medidas de salvagarda das técnicas construtivas da carpintaría de ribeira, na súa xuntanza do 18.7.2024, reúnen os requisitos para a súa inclusión no Censo do patrimonio cultural de Galicia.

Por todo o exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Anotar no Censo do patrimonio cultural de Galicia, na sección Censo de embarcacións tradicionais e barcos históricos de Galicia, as embarcacións relacionadas no ordinal terceiro desta resolución, cuxas descricións figuran no anexo I.

Segundo. Ordenar a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. Notificar esta resolución ás persoas interesadas.

Cuarto. Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude no prazo dun mes, de conformidade co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2024

Mª Carmen Martínez Ínsua
Directora xeral de Patrimonio Cultural

ANEXO I

Descrición dos bens:

Denominación embarcación

Indicativo de matrícula

Categoría

Tipoloxía

Datos descritivos e

dimensionais básicos

Ano de

construción

A Uxoa

7ª VILL-4-4-22

Embarcación tradicional galega

Dorna trasmalleira

Ten unha dimensión de 4,9 LH de eslora; 1,80 de manga e 0,90 de puntal. Así mesmo, posúe unha tonelaxe de 0,42 T.R.B.

2022

Pindirucha

7ª VILL-4-2-05

Embarcación tradicional galega

Dorna cordeleira

Ten unha dimensión de 4,65 L de eslora; 1,71 de manga e 0,69 de puntal. Así mesmo, posúe unha tonelaxe de 1,25 T.R.B.

2004

Lobeira

7ª FE-1-27-94

Embarcación tradicional galega

Bote

Ten unha dimensión de 5,3 de eslora; 1,92 de manga e 0,92 de puntal. Así mesmo, posúe unha tonelaxe de 1,95 T.R.B.

1988

Joaquín Vieta

7ª CO-7-8-19

Barco histórico clásico

Balandro

Ten unha dimensión de 19,67 LT de eslora; 5,00 de manga e 1,67 de puntal. Así mesmo, posúe unha tonelaxe de 31,15 T.R.B.

1916