O 31 de decembro de 2010 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral do sector público autonómico de Galicia. O artigo 52 desta lei crea na consellería competente en materia de facenda un rexistro de entidades do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia, no cal se inscribirán preceptivamente a constitución destas entidades e os demais actos relativos a elas que se determinen regulamentariamente.
Por outra banda, o 2 de outubro de 2015 publicouse no Boletín Oficial del Estado a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público. O artigo 82 desta lei configura, con carácter básico, para todas as administracións o Inventario de entidades do sector público estatal, autonómico e local como un rexistro público administrativo que garante a información pública e a ordenación de todas as entidades integrantes do sector público institucional, calquera que sexa a súa natureza xurídica.
Esta lei atribúe á Intervención Xeral da Administración do Estado a integración e xestión do Inventario e a súa publicación. A captación e o tratamento da información enviada polas comunidades autónomas e polas entidades locais para a formación e xestión do Inventario dependerá da Secretaría Xeral de Coordinación Autonómica e Local.
Cada entidade está obrigada a notificar a información necesaria para a inscrición definitiva no Inventario de entidades do sector público estatal, autonómico e local; a lei establece que esta notificación debe realizarse necesariamente a través da Intervención Xeral da Administración correspondente.
De acordo co anterior, respecto do sector público autonómico de Galicia, corresponde á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia recibir a información por parte das entidades do sector público autonómico que deban constar no Inventario e transmitir a información á Secretaría Xeral de Coordinación Autonómica e Local.
Coa aprobación deste decreto dáse cumprimento ao mandato realizado pola Lei 16/2010, do 17 de decembro, á vez que se proporcionan os medios para o cumprimento das obrigas da Lei 40/2015, do 1 de outubro.
Co obxecto de alcanzar a adecuada coherencia que debe existir co Inventario de entidades do sector público estatal, autonómico e local e outras bases de datos do sector público, e ao mesmo tempo que para a aplicación e seguimento da Lei orgánica 2/2012, do 27 de abril, de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira, e a súa normativa de desenvolvemento, créase adicionalmente unha sección específica onde deberán inscribirse aquelas entidades distintas das que integran o sector público autonómico de Galicia para efectos da Lei 16/2010, do 17 de decembro, e nas cales concorran os requisitos para seren clasificadas dentro do sector Administracións públicas (S.13) polas institucións competentes en materia de contabilidade nacional, de acordo coas definicións recollidas no Regulamento (UE) núm. 549/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de maio de 2013, relativo ao Sistema europeo de contas nacionais e rexionais da Unión Europea.
Deste xeito, coa incorporación da información relativa a estas entidades, dáse satisfacción ao principio de transparencia e publicidade, de conformidade coa Lei orgánica 2/2012, do 27 de abril, que é de aplicación á Comunidade Autónoma de Galicia e posibilita a dispoñibilidade pública da información económico-financeira das unidades integradas no ámbito de aplicación da lei, e coa Orde HAP/2105/2012, do 1 de outubro, pola que se desenvolven as obrigas de subministración de información previstas na citada lei orgánica.
O decreto estrutúrase en catro capítulos.
O capítulo I recolle as disposicións xerais: obxecto, competencia e ámbito de aplicación. A competencia para a xestión do Rexistro atribúese á consellería competente en materia de facenda, a través da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.
O capítulo II establece a estrutura e o contido do Rexistro. Respecto da estrutura, cabe destacar que o Rexistro se divide en seccións e subseccións, respectando a clasificación de entidades públicas establecida na Lei 16/2010, do 17 de decembro.
O capítulo III recolle o procedemento para a anotación de datos no Rexistro.
Por último, o capítulo IV establece o carácter público do Rexistro de entidades do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia e a coordinación con outros rexistros públicos, en particular co Inventario de entidades do sector público estatal, autonómico e local.
Este decreto axústase aos principios de boa regulación contidos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas: necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia.
Respecto ao principio de necesidade, a norma adecúase a un obxectivo de interese xeral como é o de configurar o Rexistro de entidades do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia como un rexistro público administrativo que garante a información pública relativa a todas as entidades integrantes, permitindo aos cidadáns dispor dunha información completa sobre os entes públicos autonómicos existentes e a súa actividade efectiva.
Respecto do principio de eficacia, a norma é o instrumento máis adecuado para aclarar o alcance das obrigacións previstas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, na Lei 40/2015, do 1 de outubro, na Lei orgánica 2/2012, do 27 de abril, e no Real decreto 749/2019, do 27 de decembro.
O decreto é coherente tamén co principio de proporcionalidade. Supón o medio necesario e suficiente para desenvolver o mandato legal e contén a regulación imprescindible para completar as previsións da lei que desenvolve, sen existiren outras medidas menos restritivas de dereitos ou que impoñan menos obrigacións aos destinatarios.
O principio de seguridade xurídica tamén se cumpre. O decreto concreta os trámites e prazos que deben seguir as entidades incluídas no sector público autonómico para inscribir os distintos actos no Rexistro, dotando de certeza e claridade a materia regulada, e é coherente co resto do ordenamento xurídico.
O decreto tamén supón unha mellora do principio de transparencia, ao inscribir no Rexistro, con carácter obrigatorio, a creación, transformación, fusión ou extinción das entidades do sector público autonómico.
Por último, o decreto axústase ao principio de eficiencia, a través da implantación dun rexistro con información coordinada co Inventario de entidades do sector público estatal, autonómico e local, coa consideración de rexistro público e xestionado por un único centro directivo.
De conformidade coa Lei 16/2010, do 17 de decembro, durante a tramitación do proxecto, o Portal de transparencia e goberno aberto publicou o texto do anteproxecto e emitiron o seu informe os órganos competentes en materia de orzamentos, estatística, función pública e igualdade, así como conxuntamente os órganos con competencias horizontais en materia de avaliación e reforma administrativa da Xunta de Galicia. O proxecto conta co informe da Asesoría Xurídica.
Na súa virtude, en uso das facultades atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro de Facenda e Administración Pública, de acordo co Consello Consultivo, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catorce de outubro de dous mil vinte e catro,
DISPOÑO:
CAPÍTULO I
Disposicións xerais
Artigo 1. Obxecto
1. Este decreto ten por obxecto regular a estrutura, o funcionamento e o contido do Rexistro de entidades do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia, creado no artigo 52 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público de Galicia.
2. Adicionalmente, créase unha sección no Rexistro na cal se recollerán aquelas entidades distintas das entidades que integran o sector público autonómico de Galicia, para efectos da Lei 16/2010, do 17 de decembro, e nas cales concorran os requisitos determinados de acordo coas definicións recollidas no Regulamento (UE) núm. 549/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de maio de 2013, relativo ao Sistema europeo de contas nacionais e rexionais da Unión Europea ou normativa que o substitúa, para seren clasificadas dentro do sector Administracións públicas (S.13).
Artigo 2. Competencia
Corresponden á consellería competente en materia de facenda, a través da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, a xestión e dirección do Rexistro de entidades do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 3. Ámbito subxectivo de aplicación
1. Este decreto é de aplicación a todas as entidades que integran o sector público autonómico, de conformidade co previsto nos artigos 5 e 45 da Lei 16/2010, do 17 de decembro.
2. Así mesmo, este decreto será de aplicación a aquelas entidades distintas das anteriores nas cales concorran os requisitos determinados polo Sistema europeo de contas para considerarse parte do sector Administracións públicas (S.13).
Artigo 4. Ámbito obxectivo
Serán obxecto de inscrición no Rexistro os actos de constitución, transformación, fusión, liquidación ou extinción das entidades descritas no artigo 5 do decreto. Así mesmo, inscribirase calquera modificación do contido dos datos recollidos no artigo 6.
CAPÍTULO II
Estrutura e contido do Rexistro
Artigo 5. Estrutura do Rexistro
1. O Rexistro de entidades do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia e doutras entidades do SEC (Sistema europeo de contas) estará dividido nas seguintes seccións:
Sección I: entidades do sector público autonómico (Lofaxga).
Estará dividida nas seguintes subseccións:
1ª) Subsección: organismos autónomos.
2ª) Subsección: axencias públicas autonómicas.
3ª) Subsección: entidades públicas empresariais.
4ª) Subsección: consorcios autonómicos.
5ª) Subsección: sociedades mercantís públicas autonómicas.
6ª) Subsección: fundacións do sector público autonómico.
Sección II: outras entidades SEC (Sistema europeo de contas).
Incluiranse nesta sección aquelas entidades que non deban incluírse na sección I e nas cales concorran os requisitos establecidos polo Sistema europeo de contas para seren clasificadas dentro do sector Administracións públicas (S.13), para os efectos do Regulamento (UE) núm. 549/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de maio de 2013, relativo ao Sistema europeo de contas nacionais e rexionais da Unión Europea.
2. Para determinar a sección ou, de ser o caso, subsección en que se inscribirán as distintas entidades, deberán terse en conta as previsións legais respecto da natureza de cada entidade que resulten de aplicación.
Artigo 6. Contido do Rexistro
1. Para cada entidade, incluiranse os seguintes datos:
a) Denominación, nome comercial ou abreviatura.
b) Número de identificación fiscal.
c) Código correspondente ao Inventario do sector público estatal, autonómico e local (Invente), código do Directorio común de unidades orgánicas e oficinas (DIR3).
d) Natureza xurídica.
e) Ámbito e adscrición ou tutela á consellería correspondente.
f) Datos postais, sitio web e, de ser o caso, sede electrónica.
g) Clasificación en termos de contabilidade nacional.
h) As datas de alta, baixa ou modificación, de ser o caso, así como a causa que o orixina.
i) Actividade que desenvolve, con indicación do código de Clasificación nacional de actividades económicas (CNAE).
j) O obxecto ou finalidade.
k) A estrutura de dominio, con indicación da porcentaxe de participación ou financiamento e do dereito de voto de cada un dos partícipes.
l) As fontes de financiamento.
m) O réxime orzamentario, contable e de control.
n) A condición de medio propio, de ser o caso.
2. Así mesmo, no Rexistro poderase consignar calquera outra información relativa ás citadas entidades que se considere de utilidade.
CAPÍTULO III
Procedemento de inscrición
Artigo 7. Inscrición no Rexistro
1. As inscricións serán realizadas de oficio pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ben por propia iniciativa ben por petición da entidade.
2. A remisión da información polas entidades realizarase no prazo de quince días contados desde a súa constitución, utilizando o formulario previsto no anexo I deste decreto.
3. A entidade achegará a documentación necesaria para a verificación da veracidade da información remitida, especialmente a norma de creación, as súas modificacións, transformación, fusión ou extinción e, de ser o caso, os acordos do Consello da Xunta de Galicia que autorizan a creación da entidade.
4. Unha vez verificada a información, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma realizará a inscrición no Rexistro no prazo de quince días desde a presentación da documentación.
Artigo 8. Actualización e modificación das inscricións
1. As entidades incluídas no ámbito de aplicación deste decreto serán responsables da exactitude dos datos que figuren no Rexistro. Para o efecto comunicarán á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma calquera modificación neles nun prazo máximo de quince días desde que tivese lugar a dita modificación, achegando a documentación que acredite a modificación.
2. Así mesmo, a Intervención Xeral, cando teña coñecemento de calquera modificación producida, poderá requirir da entidade a remisión da documentación correspondente para efectos da actualización do Rexistro.
3. Unha vez verificada a información, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma inscribirá a actualización ou a modificación no Rexistro no prazo de quince días desde a presentación da documentación.
Artigo 9. Depósito das contas anuais
1. Unha vez aprobadas, cada entidade remitirá á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma as súas contas anuais nun prazo máximo de quince días contado desde a súa aprobación.
2. No caso de que as contas anuais da entidade deban formar parte da Conta Xeral da Comunidade Autónoma, a entidade deberá remitir tales contas á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma dentro do prazo fixado na normativa reguladora da elaboración da Conta Xeral e, en calquera caso, antes do 30 de xuño do ano posterior ao exercicio a que se refiren as contas.
3. Depositaranse no Rexistro as contas anuais de todas as entidades.
Artigo 10. Obriga de subministración de información
1. Todas as entidades incluídas no ámbito de aplicación deste decreto están obrigadas a proporcionar á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma toda a información e documentación requirida dentro dos procedementos de inscrición de datos no Rexistro.
2. Todas as entidades dependentes ou aquelas en que participe a Administración xeral da Comunidade Autónoma ou o seu sector público non incluídas na sección I teñen a obriga de proporcionar a información e documentación requirida, para os efectos de realizar a análise que determine a súa inscrición na sección II do Rexistro.
3. Corresponde ao titular do máximo órgano de dirección da entidade a remisión da información e documentación solicitada.
4. As entidades deberán facilitar á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma a documentación e os datos solicitados no prazo de quince días contados desde a recepción da solicitude.
Artigo 11. Información dixitalizada
1. Toda a documentación que se remita será enviada a través de medios electrónicos, de conformidade coas disposicións da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
2. A Intervención Xeral da Comunidade Autónoma poderá admitir, con carácter excepcional, documentación noutros soportes.
CAPÍTULO IV
Carácter público do Rexistro e coordinación con outros rexistros
Artigo 12. Carácter público do Rexistro
1. O Rexistro de entidades do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia terá carácter público.
2. A consellería competente en materia de facenda facilitará o acceso ao Rexistro por medios telemáticos. Para ese efecto, a consulta dos datos públicos estará dispoñible na páxina web da consellería competente en materia de facenda, así como no Portal de transparencia e goberno aberto da Xunta de Galicia.
Artigo 13. Coordinación co Inventario de entidades do sector público estatal, autonómico e local
1. As entidades serán responsables de garantir a coherencia entre os datos que figuran neste rexistro e os que constan no Inventario de entidades do sector público estatal, autonómico e local previsto na Lei 40/2015, do 1 de outubro.
2. Así mesmo, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma procurará a máxima coordinación entre o Rexistro de entidades do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia e o Inventario de entidades do sector público estatal, autonómico e local.
Artigo 14. Coordinación con outros rexistros
A Administración autonómica garantirá a coordinación do Rexistro de entidades do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia con outros rexistros administrativos, no marco da normativa de accesibilidade e interoperabilidade dos rexistros e sistemas de información.
Disposición adicional primeira. Soporte técnico
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia proporcionará o soporte técnico que resulte necesario para o mantemento e o tratamento dos datos que deban constar no Rexistro de entidades do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia.
Disposición adicional segunda. Posta en marcha e funcionamento do Rexistro
1. Nos dez días seguintes á entrada en vigor deste decreto, as entidades incluídas no seu ámbito de aplicación deberán remitir os datos necesarios para a inscrición no Rexistro a través do formulario previsto no anexo I deste decreto.
2. A Intervención Xeral disporá dun prazo dun mes para incorporar os datos recibidos ao Rexistro.
3. No caso de que a información que se achegue xa estivese en poder da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, abondará con que a entidade comunique esta circunstancia ou, de ser o caso, actualice a correspondente información.
Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo
1. Habilítase a persoa titular da consellería con competencias en materia de facenda para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e a execución do establecido no presente decreto.
2. En virtude deste decreto aprobase o modelo inicial do formulario previsto no anexo I. Non obstante, habilítase a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma para actualizar tal modelo, para o que será suficiente a súa aprobación e posterior publicación na páxina web da consellería sen necesidade dunha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, catorce de outubro de dous mil vinte e catro
Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente
Miguel Corgos López-Prado
Conselleiro de Facenda e Administración Pública
ANEXO I
Datos xerais
|
Denominación: |
Nome comercial/abreviatura: |
|
NIF: |
Tipo de entidade: |
|
Código DIR3: |
Consellería / entidade de adscrición: |
Datos postais
|
Enderezo: |
Código postal: |
|
Localidade: |
Provincia: |
|
Teléfono: |
Correo electrónico: |
|
Sitio web: |
Sede electrónica: |
Estrutura de dominio
|
Denominación |
% participación |
% voto |
|
Administración xeral de Galicia |
||
|
Administración xeral do Estado |
||
|
Corporacións locais |
||
|
Outras entidades de dereito público |
|
Denominación |
% participación |
% voto |
|
Outras entidades de dereito privado |
Réxime económico-financeiro
|
Réxime de control |
Función interventora |
|
|
Control financeiro permanente |
||
|
Auditoría de contas |
||
|
Réxime contable |
Público |
|
|
Privado |
||
|
Réxime orzamentario |
Limitativo |
|
|
Estimativo |
Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público
Condición de medio propio
Datos da actividade económica
|
Sector |
|
|
Obxecto ou finalidade |
|
|
Código CNAE |
Fonte de ingresos
|
Venda de bens e prestación de servizos dentro do sector público |
Á Administración autonómica |
|
|
A outras administracións públicas |
||
|
A outras entidades do sector público |
||
|
Venda de bens e prestación de servizos dentro do sector privado |
Autonómico |
|
|
Nacional |
||
|
Internacional |
|
Transferencias e subvencións recibidas |
Da Administración autonómica |
|
|
Doutras administracións públicas |
||
|
Doutros entes do sector público |
||
|
Outros ingresos |
