
O día 1 de abril de 2022 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 30 de marzo de 2022 pola que se convocan subvencións para a transformación de frotas de transporte de viaxeiros e mercadorías de empresas privadas prestadoras de servizos de transporte por estrada, así como de empresas que realicen transporte privado complementario, no marco do compoñente 1 do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, xestionado polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para os anos 2022, 2023 e 2024 (códigos de procedemento IF318B, IF318C, IF318D, IF318E e IF318F).
A finalidade da dita orde é convocar as axudas na Comunidade Autónoma de Galicia, en desenvolvemento das bases reguladoras recollidas no Real decreto 983/2021, do 16 de novembro, que aproba a concesión directa ás comunidades autónomas e ás cidades de Ceuta e Melilla de axudas para a transformación de frotas de transporte de viaxeiros e mercadorías de empresas privadas prestadoras de servizos de transporte por estrada, así como de empresas que realicen transporte privado complementario, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (BOE núm. 275, do 17 de novembro).
Este programa de incentivos busca acelerar os investimentos claves para a sustentabilidade do transporte, co fin de impulsar melloras no sector. Desta maneira, pretende favorecer a descarbonización e a mellora do aire nas cidades mediante a renovación das frotas de vehículos.
As axudas obxecto desta están financiadas polo Mecanismo Europeo de Recuperación e Resiliencia establecido no Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro, a través das contías asignadas nos orzamentos xerais de cada ano ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, ao estar este programa incluído no compoñente 1 do PRTR.
De conformidade co anexo II do Real decreto 983/2021, do 16 de novembro, mediante a Resolución da Secretaría do Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana do 11 de decembro de 2021 concedeuse á Comunidade Autónoma de Galicia unha subvención por importe de 12.818.438 €, dos que se reservan 384.553,14 € para custos indirectos imputables segundo se prevé no artigo 7 do citado real decreto.
Ao financiamento destas actuacións destináronse 12.433.884,86 €, con cargo á aplicación orzamentaria 09.02.512A.770.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os exercicios 2022, 2023 e 2024, que podía ser ampliado mediante resolución da persoa titular da Secretaría de Estado do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, de acordo co previsto no artigo 7.8 do Real decreto 983/2021, do 16 de novembro.
Unha vez constatado que o importe das solicitudes presentadas superou amplamente a cobertura orzamentaria inicialmente disposta, solicitáronse para a Comunidade Autónoma de Galicia, mediante dous escritos da Dirección Xeral de Mobilidade, con datas do 8 de agosto de 2022 e 14 de marzo de 2023, respectivamente, dúas sucesivas ampliacións do crédito do Programa de axudas para a transformación de frotas por un importe total de 16.649.235,56 €.
Mediante a Resolución do 17 de novembro de 2022, da Secretaría de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, concedeuse á Comunidade Autónoma de Galicia a primeira ampliación da subvención regulada no Real decreto 983/2021, do 16 de novembro, por un importe de 7.574.288,47 €. A segunda ampliación, por valor de 9.074.947,09 €, aprobouse a través da Resolución do 17 de agosto de 2023, da Secretaría de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.
Unha vez efectuadas estas dúas ampliacións, o importe total destas axudas ascendeu a 29.467.673,56 €. Tendo en conta a previsión do artigo 6.2 do Real decreto 983/2021, do 16 de novembro, que prevé o destino de ata o 3 % do crédito a custos indirectos imputables ás actuacións subvencionables, o importe destinado ás axudas é de 28.583.643,36 €.
O artigo 4.3 da Orde do 30 de marzo de 2022 dispón que no caso de que o orzamento do programa sexa ampliado, publicarase o dito incremento do crédito polos mesmos medios que a convocatoria, isto é, no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade. De conformidade co exposto, as dúas ampliacións do orzamento foron publicadas, respectivamente, na Orde do 9 de xaneiro de 2023 (DOG núm. 10, do 16 de xaneiro) e na Orde do 19 de outubro de 2023 (DOG núm. 204, do 26 de outubro).
Posteriormente, e de conformidade co recollido no artigo 4.2 da orde reguladora das axudas, constatando que quedaban menos de tres meses para a finalización da vixencia da convocatoria (o 30 de abril de 2024) e que na actividade 1 (achatarramento) existía listaxe de agarda e o resto das partidas orzamentarias non esgotaron o crédito asignado, acordouse unha redistribución do orzamento a favor da liña de achatarramento, quedando sen efecto as porcentaxes establecidas no artigo 7.4 do Real decreto 983/2021, do 16 de novembro. Os criterios para esta redistribución recóllense na Orde do 6 de marzo de 2024 (DOG nº 54, do 15 de marzo) e a concreción do importe finalmente asignado á mesma na Resolución do 22 de marzo de 2024.
A citada redistribución do crédito realizouse atendendo ao importe correspondente ao conxunto de solicitudes formuladas para cada unha delas ata o día anterior ao de publicación da Orde do 6 de marzo de 2024, é dicir, ata o 14 de marzo de 2024. Deste xeito, tendo en conta que as solicitudes formuladas para a actividade 1 superaban o importe total dispoñible, aquelas que se presentaron con posterioridade ao 14 de marzo de 2024 para calquera das cinco actividades pasaron a unha listaxe de espera común.
Deste xeito, actualmente, a dotación orzamentaria distribúese da seguinte maneira entre as distintas actividades (detraído o importe correspondente ao 3 % dos custos indirectos):
|
Actividade |
Partida orzamentaria |
Crédito dispoñible (€) |
|
Actividade 1 |
08.02.512A.770.0 |
19.683.643,35 |
|
Actividade 2 |
08.02.512A.770.0 |
8.900.000,00 |
|
Actividade 3 |
08.02.512A.770.0 |
0,00 |
|
Actividade 4 |
08.02.512A.770.0 |
0,00 |
|
Actividade 5 |
08.02.512A.770.0 |
0,00 |
Finalmente, por medio da Resolución da Secretaría de Estado de Transportes e Mobilidade Sostible do 5 de abril de 2024 estableceuse un novo prazo para a solicitude de ampliación de orzamento por parte das comunidades autónomas e cidades de Ceuta e Melilla, logo de observar a existencia dun remanente do crédito a nivel estatal para estas axudas unha vez que finalizou o prazo inicial para as peticións de incremento orzamentario.
Logo da publicación do Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes (DOG núm. 101, do 27 de maio), na actualidade a partida orzamentaria é a 35.08.512A.770.0.
A Secretaría de Estado de Transportes e Mobilidade Sostible resolveu, con data do 14 de xuño de 2024, outorgar á Comunidade Autónoma de Galicia unha ampliación do orzamento dispoñible para estas axudas por valor de 1.358.883,13 €.
De acordo co exposto e de conformidade coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento,
DISPOÑO:
Artigo único. Ampliación de crédito
Ampliar o importe total do crédito das axudas establecidas na Orde do 30 de marzo de 2022 pola que se convocan subvencións para a transformación de frotas de transporte de viaxeiros e mercadorías de empresas privadas prestadoras de servizos de transporte por estrada, así como de empresas que realicen transporte privado complementario, no marco do compoñente 1 do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, xestionado polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para os anos 2022, 2023 e 2024 (códigos de procedemento IF318B, IF318C, IF318D, IF318E e IF318F), publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 64, do 1 de abril, por un importe de 1.358.883,13 €.
O 3 % do importe, 40.766,49 €, destinarase a custos indirectos, polo que o saldo restante, 1.318.116,64 €, xerarase na aplicación orzamentaria 35.08.512A.770.0 do orzamento de gastos da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes para o ano 2024.
O incremento orzamentario será destinado á cobertura da listaxe de agarda existente, que a partir das solicitudes presentadas desde o 15 de marzo de 2024 é conxunta para as cinco actividades de que se compón a convocatoria.
Unha vez efectuada esta ampliación, o importe total destas axudas ascende a 30.826.556,69 €.
Disposición derradeira. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día hábil seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2024
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
