Conforme os fins que a Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, lle asigna á Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), e financiado con fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero (Ministerio de Igualdade), convócanse catro edicións do curso Violencia de xénero no ámbito dixital, na modalidade de en liña/telepresenza, dirixido aos/ás policías locais de Galicia e demais persoal dos servizos de seguridade pública, cuxas bases e características se especifican nos anexos desta resolución.
A Estrada, 23 de outubro de 2024
Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública
ANEXO I
Bases
Primeira. Destinatarios/as
Poderán participar nas edicións deste curso en liña convocado por esta resolución os/as policías locais de Galicia e demais persoal da seguridade pública que traballa nesta comunidade autónoma (Garda Civil, Policía Nacional e Unidade da Policía Autonómica) que se encontren en situación de servizo activo ou excedencia por coidado de familiares.
A baixa laboral por incapacidade temporal impide a participación nas accións formativas convocadas, polo que, de se producir esta situación, os/as interesados/as deberán comunicarllo á Agasp de maneira inmediata. No caso de non o faceren, serán penalizados coa non participación en accións formativas da Agasp nun ano contado desde o día seguinte a aquel en que se teña coñecemento do feito, e, no caso de estaren a realizar efectivamente un curso, non se emitirá diploma deste.
Será revisable a admisión de persoas en baixa laboral por incapacidade temporal, cando esta veña producida por accidente de traballo recoñecido como tal e a asistencia ao curso non interfira na recuperación.
Con carácter xeral, reservarase o 20 % das prazas convocadas para persoal das forzas e corpos de seguridade do Estado que traballen en Galicia e poderá ser superada a dita porcentaxe no suposto de quedaren prazas vacantes.
Se as solicitudes para participar en cada unha das edicións do curso non supera as 10 persoas, a Agasp reserva para si a facultade de anular a actividade formativa.
Segunda. Solicitudes
1. O persoal que desexe participar no curso convocado nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (httpp://agasp.xunta.es). Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.
É preciso que todas as persoas que desexen participar en cursos da Agasp manteñan actualizados os seus datos persoais, especialmente a conta de correo electrónico e o teléfono móbil, co obxecto de posibles comunicacións. No suposto de non seren correctos ou exactos os ditos datos, a Agasp non é responsable dos posibles prexuízos causados aos/ás interesados/as.
2. A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas solicitantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano contado desde o momento en que se detecte o feito.
3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente todos os datos para realizar a selección do alumnado, non se axusten ao modelo normativizado ou se presenten fóra de prazo.
4. No caso de encontrarse nalgún dos supostos que a continuación se indican, o/a solicitante deberá remitir á Agasp, no mesmo prazo establecido para o envío da solicitude de inscrición, a certificación orixinal ou fotocopia legalizada que acredite tal situación (non será preciso se tal documentación xa consta en poder da Agasp. Neste caso, deberá comunicalo na propia solicitude):
a) Profesionais que estean desfrutando ou desfrutasen nos dous últimos anos dunha licenza de maternidade, dun permiso de paternidade, dunha redución de xornada ou dunha excedencia por coidado de familiares.
5. Cando o curso para o cal presenta solicitude requira a presentación de documentación complementaria co obxecto de acreditar circunstancias específicas de acordo cos criterios de selección, deberá remitir tal documentación por correo electrónico (formacion.agasp@xunta.gal) ou segundo o establecido no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas
6. O prazo de presentación de solicitudes será desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG ata as 14.00 horas do día 18 de novembro de 2024.
Terceira. Criterios xerais de selección
Os criterios xerais de selección son os que a seguir se indican:
1. Menor número de cursos realizados na Agasp nos dous últimos anos.
2. Por orde de inscrición.
Terán preferencia na selección os/as candidatos/as que estean desfrutando ou desfrutasen, nos dous últimos anos dunha licenza de maternidade, dun permiso de paternidade, dunha redución da xornada ou dunha excedencia para o coidado de familiares, sempre que cumpran cos requisitos obxectivos para seren destinatarios/as do curso.
Ademais, de conformidade co establecido no artigo 37.bis da Lei 7/2004, para a igualdade de homes e mulleres, nos cursos, xornadas ou outras actividades formativas organizadas ou financiadas pola Administración pública galega reservarase un 50 % das prazas a mulleres que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria.
Cuarta. Admisión
1. A Agasp publicará na súa páxina web a relación de persoas seleccionadas para participaren en cada unha das edicións do curso, así como un número adecuado de reservas con, polo menos, cinco (5) días de antelación ao do inicio de cada edición.
O alumnado seleccionado será informado da súa selección a través do correo electrónico e da mensaxaría telefónica.
A Agasp reserva para si o dereito de solicitarlles aos concellos de procedencia todos aqueles datos que considere necesarios para a adecuada realización da selección.
2. O alumnado seleccionado só poderá renunciar ao curso por causas de forza maior suficientemente xustificada ou necesidade do servizo, sempre que se acredite documentalmente o feito alegado polo/a xefe/a do corpo da Policía Local do concello en que traballe ou pola persoa responsable del.
No caso de cambios de cadrante ou quendas de traballo, deberán quedar acreditados suficientemente os motivos destes e que se coñeceron con posterioridade á solicitude de inscrición no curso.
A renuncia debe ser comunicada por escrito a través do modelo que figura na páxina web da Agasp e cunha antelación de tres (3) días hábiles ao do inicio do curso, co fin de poder cubrir a vacante.
A renuncia non xustificada ou a non acreditación documental da causa que a produce suporá a exclusión da persoa seleccionada nos seguintes dez (10) cursos que convoque o Servizo de Formación en Seguridade Pública da Agasp e nos cales a persoa figure como posible destinataria deles, sen contar edicións repetidas, cursos xa realizados e que, como mínimo, teñan a mesma carga horaria do curso polo cal foi penalizada.
Quinta. Asistencia ao curso
Todas as edicións do curso de teleformación que se convocan nesta resolución se desenvolverán da seguinte maneira:
• Lugar: a través da plataforma de formación en liña.
• Sesión de telepresenza: está programada unha sesión de videoconferencia ou clase en directo, de obrigada asistencia, e as súas datas aparecen no anexo II desta resolución. No suposto de non asistir, non se considerará realizado nin superado o curso.*
• Proba final: realizarase unha proba final de coñecementos a través da plataforma de teleformación. A súa realización é obrigatoria para poder superar este curso.
• Horario: segundo a disposición e necesidade do alumnado, agás a clase programada por videoconferencia ou en directo.
• Cuestionarios e tarefas: durante o desenvolvemento do curso, o alumnado participante deberá realizar unha serie de cuestionarios e tarefas de acordo cun calendario de presentación; a non realización dalgún deles no prazo establecido será sancionada coa baixa no curso. No caso de que os exercicios non acaden un nivel de exixencia mínimo segundo o criterio do/da profesor/a, farase unha primeira advertencia ao alumnado e, de non atender a indicación, poderá ser dado de baixa no curso.
Os cuestionarios, a proba final e a realización das tarefas faranse a través da plataforma de formación en liña.
*É obrigatorio conectarse na clase de telepresenza ou clase en directo con imaxe e son (é dicir, é obrigatorio para acceder a este curso dispor dunha cámara web e dun micrófono ou conectarse a través dun dispositivo móbil). De non o facer, considerarase non asistente.
Sexta. Certificación
O alumnado deberá realizar as tarefas que se propoñan no curso, asistir á clase de telepresenza programada nel e superar unha proba de avaliación que se levará a cabo ao remate do curso para obter o certificado de aproveitamento.
Sétima. Desenvolvemento do curso
1. A Agasp poderá suspender a realización da actividade formativa convocada cando sexa necesario, por motivos técnicos ou por insuficiencia de solicitudes de participación.
2. A Agasp poderá modificar as datas, os horarios, os contidos e o desenvolvemento do curso, así como resolver todas as continxencias e incidencias que poidan xurdir.
3. A Agasp poderá programar cursos diferentes cando así o exixan circunstancias que afecten a organización, xestión e docencia.
ANEXO II
|
Denominación actividade |
Nº prazas |
Datas |
Nº horas |
Datas e horario da sesión de telepresenza e do exame final |
|
Violencia de xénero no ámbito dixital. Edición 1 |
25 |
Do 2 ao 18 de decembro de 2024 |
15 |
3 de decembro, das 17.00 ás 18.30 horas Exame: 19 de decembro |
|
Violencia de xénero no ámbito dixital. Edición 2 |
25 |
Do 2 ao 18 de decembro de 2024 |
15 |
3 de decembro, das 19.00 ás 20.30 horas Exame: 19 de decembro |
|
Violencia de xénero no ámbito dixital. Edición 3 |
25 |
Do 2 ao 18 de decembro de 2024 |
15 |
10 de decembro, das 17.00 ás 18.30 horas Exame: 19 de decembro |
|
Violencia de xénero no ámbito dixital. Edición 4 |
25 |
Do 2 ao 18 de decembro de 2024 |
15 |
10 de decembro, das 19.00 ás 20.30 horas Exame: 19 de decembro |
