DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Mércores, 6 de novembro de 2024 Páx. 59081

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Láncara

ANUNCIO da aprobación inicial da modificación puntual número 1 do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Láncara.

Aprobado inicialmente mediante o Acordo do Pleno, do 26 de setembro de 2024, a modificación puntual nº 1 do Plan xeral de ordenación municipal de Láncara xunto con todos os documentos integrantes do expediente tramitado, de conformidade cos artigos 60.6 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, sométese a información pública polo prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia e no xornal El Progreso.

Durante o devandito prazo, poderá ser examinado por calquera interesado nas dependencias municipais, para que se formulen as alegacións que se consideren pertinentes.

Este acordo determina a suspensión automática do procedemento de outorgamento de licenzas de parcelamento de terreos, edificación e demolición nas áreas afectadas naqueles ámbitos en que as novas determinacións supoñan a modificación da ordenación urbanística vixente, de acordo co número 4 do artigo 86 do Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (RLSG). A dita suspensión, con efectos desde a publicación oficial do acordo, terá unha duración máxima de dous anos e non afectará os supostos previstos no artigo 86.3 do RLSG, e extinguirase, en todo caso, coa aprobación definitiva do planeamento (artigo 47.2 da LSG).

A documentación do expediente sometido a información pública poderá consultarse na seguinte ligazón de descarga https://ssweb.seap.minhap.es/almacen/descarga/envio/02e7fdc662cf3a5ed6f827e4fa30c2723e9b6c86 e presencialmente na casa do concello co seguinte horario: consulta cos funcionarios municipais luns, martes, mércores e venres das 10.00 ás 13.30 horas e consulta co equipo redactor os mércores das 16.30 ás 18.30 horas.

As alegacións poderán presentarse mediante calquera dos medios previstos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Láncara, 15 de outubro de 2024

Darío A. Piñeiro López
Alcalde