En sesión que tivo lugar o 29 de outubro de 2024, o tribunal nomeado pola Resolución do 26 de setembro de 2024 (DOG núm. 191, do 3 de outubro de 2024) para cualificar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre, na agrupación profesional de persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de persoal de limpeza e recursos naturais e forestais, especialidade de persoal de recursos naturais e forestais, convocado mediante a Resolución do 16 de novembro de 2023 (DOG núm. 221, do 21 de novembro) acordou, de conformidade co disposto na base II.1.1 da convocatoria, que o primeiro exercicio da oposición terá lugar o día 16 de novembro de 2024, en chamamento único que se iniciará ás 9.00 horas, no pavillón 2 da Feira Internacional de Galicia Abanca en Silleda.
As persoas aspirantes deberán ir provistas de DNI ou de documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal, lapis do número 2 e goma de borrar.
Non se permitirá o acceso ás aulas nas que se realice o exercicio con teléfonos móbiles, axendas electrónicas, reloxos intelixentes ou calquera outro material ou instrumento do que se poidan valer as persoas aspirantes para auxiliarse na realización do exercicio. Non se habilitará ningún servizo de recollida de móbiles.
Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2024
Bran Casal Pereira
Presidente do tribunal
