DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Luns, 11 de novembro de 2024 Páx. 59501

III. Outras disposicións

Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde

RESOLUCIÓN do 6 de novembro de 2024 pola que se aproban e se publican as bases reguladoras dos Premios de investigación en saúde (PISGa) para o ámbito de Galicia, no marco do proxecto Transfiresaúde do Programa de cooperación Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento SA304E).

A investigación biomédica, clínica ou en servizos sanitarios é un piar básico e por iso o Servizo Galego de Saúde, a través da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde quere poñer en valor a actividade investigadora dos/das profesionais do Sistema público de saúde de Galicia.

A investigación translacional en saúde, definida como o proceso polo cal os coñecementos xerados en investigación básica son aplicados para mellorar o diagnóstico, o tratamento e a prevención de enfermidades, desempeña un papel crucial na mellora continua dos servizos de saúde.

No contexto do Servizo Galego de Saúde e dentro dos marcos establecidos polos plans de saúde da Comunidade Autónoma de Galicia, a investigación translacional representa un piar fundamental para garantir a excelencia na atención sanitaria, aliñándose coas necesidades específicas da poboación galega. Os plans de saúde de Galicia destacan a importancia de incorporar a investigación como un elemento chave para a toma de decisións baseada na evidencia, permitindo que as políticas públicas en saúde sexan máis eficaces e adaptadas ás realidades locais. Neste sentido, a investigación translacional facilita a transferencia rápida e eficiente dos avances científicos á práctica clínica, promovendo unha atención máis personalizada, segura e eficiente para a cidadanía.

Unha área de especial relevancia é o impulso da investigación en atención primaria, considerada a base do Sistema sanitario galego. A atención primaria non só representa a porta de entrada ao Sistema de saúde, senón que tamén é o ámbito onde se poden identificar as necesidades reais da poboación e aplicar solucións innovadoras que melloren a saúde pública.

Neste senso, o proxecto Transfiresaúde, no marco do Programa de cooperación Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, aposta polo reforzo da integración do ecosistema de investigación e innovación en saúde eurorrexional para o desenvolvemento de actuacións conxuntas para abordar os retos vinculados ao envellecemento activo e saudable e a medicina personalizada, preferentemente na contorna da atención primaria.

Este obxectivo encádrase dentro da Estratexia galega de especialización intelixente (RIS3), concretamente no reto 3 relativo ao modelo de vida saudable baseado no envellecemento activo da poboación, para situar a Galicia como a rexión líder do sur de Europa na oferta de servizos e produtos intensivos en coñecemento relacionados cun modelo de vida saudable e de envellecemento activo. Contextualízase na prioridade 3, definida como enfoque cara ás persoas, ao orientar os esforzos en I+D+i cara ás necesidades e o benestar das persoas, e consolidación de Galicia como unha contorna de referencia mundial para o desenvolvemento e tesaxe de novas oportunidades e solucións innovadoras dirixidas a elas.

No marco do proxecto Transfiresaúde, cuxo obxectivo primordial é a promoción e impulso dos resultados de investigación biosanitaria con potencial de transferencia ao mercado, preséntase a convocatoria dos Premios de investigación en saúde de Galicia (PISGa).

Os PISGa xorden como unha ferramenta estratéxica deseñada para recoñecer e visibilizar a investigación translacional de excelencia no eido sanitario, cuns obxectivos claramente definidos:

1. Fomento da investigación en atención primaria a través do apoio e impulso do desenvolvemento de proxectos de investigación orientados a acadar solucións innovadoras prácticas e efectivas para dar respostas ás necesidades dos/das pacientes e profesionais que desenvolven a súa actividade no ámbito da atención primaria dentro do Sistema público de saúde de Galicia.

2. Impulso da investigación translacional a través do incentivo e recoñecemento á xeración de coñecemento de alta calidade por parte dos/das profesionais pertencentes a grupos de investigación emerxentes dunha institución de investigación dentro do Sistema público de saúde de Galicia, potenciando aqueles traballos que demostren unha aplicabilidade na práctica asistencial.

A investigación no Sistema público de saúde de Galicia desenvólvese principalmente nos tres institutos públicos de investigación sanitaria (Instituto de Investigación Biomédica da Coruña-INIBIC, Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela-IDIS, e Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur-IISGS), na Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e na Fundación Pública Instituto Galego de Oftalmoloxía. Os institutos de investigación sanitaria galegos son, pola súa vez, o resultado da asociación dos hospitais docentes e investigadores do Servizo Galego de Saúde co Sistema universitario galego e outras entidades públicas.

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha axencia pública autonómica que se encadra dentro das entidades públicas instrumentais reguladas no título III da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. A ACIS foi creada polo Decreto 112/2015, do 31 de xullo, polo que se crea a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e se aproban os seus estatutos, como un instrumento para a xestión da formación no Sistema público de saúde de Galicia, así como para o fomento e a coordinación da investigación nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, a coordinación e o impulso da actividade innovadora da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde e a avaliación de tecnoloxías e servizos sanitarios, así como a formación continuada dos/das profesionais das institucións sanitarias.

No exercicio das funcións que ten encomendadas, compételle á ACIS a execución e xestión de proxectos de investigación e innovación sanitaria e o deseño e execución da estratexia de valorización da innovación sanitaria desenvolta no Sistema público de saúde de Galicia.

Segundo o artigo 3 relativo o desenvolvemento dos seus fins, e dentro do marco global da política pública e da planificación da investigación e innovación que determine a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde terá, entre outros, os seguintes obxectivos estratéxicos:

c) Xestionar e coordinar proxectos e programas de investigación en materia sanitaria desenvolvidos pola Consellería de Sanidade, o Servizo Galego de Saúde e outras institucións.

d) Potenciar a investigación sanitaria coordinada e multicéntrica e a difusión da actividade investigadora, incluíndo a protección, valorización e transferencia de resultados de investigación e/ou innovación no ámbito sanitario.

e) Apoiar a execución dos programas derivados das prioridades de investigación sanitaria da Comunidade Autónoma, definidas pola Consellería de Sanidade, dentro da estratexia marcada pola consellería competente en materia de I+D+i.

En particular, entre as funcións asignadas no artigo 19, á Área de Planificación e Promoción da Investigación Sanitaria correspóndelle a planificación, promoción, coordinación, execución e avaliación da investigación sanitaria do Sistema público de saúde de Galicia, a través do desempeño, entre outras, das seguintes funcións:

j) Propoñer a convocatoria de bolsas, axudas e premios, e outras medidas de fomento da investigación sanitaria, así como o seguimento, asesoramento, difusión de resultados e apoio a investigadores.

Co obxectivo de facilitar o desenvolvemento das anteditas competencias, a primeira edición dos Premios de investigación en saúde de Galicia (PISGa) pretenden incentivar aqueles proxectos e liñas de investigación en saúde translacional presentados directamente por persoas físicas que desenvolven a súa actividade no ámbito da atención primaria e que poidan ser postas en marcha dentro do Sistema sanitario público de Galicia e premiar aquelas traxectorias emerxentes dos/das profesionais do Sistema público de saúde de Galicia que permitan contribuír ao avance do coñecemento en saúde.

Por todo o exposto, e no uso das facultades atribuídas pola lexislación vixente,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

Convócanse os Premios de investigación en saúde de Galicia (PISGa) para o ano 2024, no marco do proxecto Transfiresaúde do Programa de cooperación Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, para o desenvolvemento de iniciativas xurdidas no ámbito do Sistema público de investigación en saúde de Galicia, e establécense as bases reguladoras polas que rexerá a súa concesión (código de procedemento SA304E).

Artigo 2. Finalidade

1. A finalidade dos Premios de investigación en saúde do Sistema público de saúde (PISGa) é difundir, promover e premiar o coñecemento e a investigación sanitaria translacional, de carácter preclínico e clínico, desenvolta polos profesionais do sector público da saúde de Galicia.

2. Os premios teñen o dobre obxectivo de, por unha parte, recoñecer e dar apoio a proxectos e liñas de investigación sanitaria en atención primaria dos/das profesionais que desenvolven a súa actividade no Servizo Galego de Saúde e nas súas entidades pública de investigación e, por outra, impulsar e recoñecer aquelas traxectorias científicas emerxentes dos investigadores de ata corenta anos vinculados ao sector público sanitario de Galicia, para consolidar un ecosistema de investigación translacional no ámbito sanitario que propicie a transferencia do coñecemento á práctica asistencial.

Artigo 3. Procedemento e normativa reguladora aplicable

1. A concesión dos premios efectuarase en réxime de concorrencia competitiva, segundo o procedemento baseado no artigo 19 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de acordo cos principios de publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, así como os de eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e de eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.

2. O procedemento iniciarase de oficio coa publicación no Diario Oficial de Galicia da correspondente convocatoria pública, segundo o establecido no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As solicitudes destes premios, a súa tramitación e a concesión axustaranse a estas bases e con suxeición ao previsto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no que poida ser aplicable na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Artigo 4. Modalidades, características e financiamento dos premios

1. Establécense dúas modalidades con dous premios económicos por modalidade, que serán outorgados ao proxecto ou persoa que obteña a máxima puntuación de acordo cos criterios establecidos no artigo 17 destas bases.

2. As modalidades son as seguintes:

a) Modalidade: premio a proxectos de investigación sanitaria en atención primaria, dirixida ao apoio e impulso de proxectos de investigación sanitaria en atención primaria orientados a acadar beneficios e impacto nos resultados en saúde relacionados coa práctica clínica e enfermaría. Valorarase positivamente a cooperación entre diferentes ámbitos de desenvolvemento profesional que acheguen a investigación á práctica asistencial, formando equipos con persoal investigador de perfís académicos e clínicos. Os premios consistirán na:

• Adquisición de material e pequeno equipamento non inventariable, subcontratación de servizos de I+D+i ou gastos similares vencellados ás actividades das ideas seleccionadas, e/ou

• Asistencia a cursos de formación, a congresos relacionados coa liña de investigación, a un centro de investigación de ámbito internacional ou nacional ou actividades relacionadas.

A dotación económica máxima na modalidade de premio a proxectos de investigación sanitaria en atención primaria é de 3.000 euros para o proxecto gañador do segundo premio e 5.000 euros para a candidatura gañadora do primeiro premio.

b) Modalidade: premio a traxectorias emerxentes de investigación en saúde, dirixida a recoñecer o mérito de persoas investigadoras do Sistema público de saúde de Galicia cunha idade máxima de 40 anos na data de envío e sinatura da solicitude, con obxectivo de impulsar as traxectorias emerxentes mediante o apoio aos mellores traballos científicos e de investigación de calidade demostrada, realizados en calquera ámbito relacionado coa práctica profesional en investigación translacional preclínica e clínica. Os premios consistirán na:

• Asistencia a cursos de formación, congresos científicos internacionais ou nacionais, artigos ou publicacións en revistas científicas especializadas ou actividades relacionadas.

A dotación económica máxima na modalidade de premio a traxectorias emerxentes de investigación en saúde é de 2.000 euros para o proxecto gañador do segundo premio e 3.000 euros para a candidatura gañadora do primeiro premio.

3. As persoas gañadoras recibirán o premio en especie e a ACIS encargarase de contratar e/ou pagar os gastos correspondentes ao premios concedidos de cada modalidade.

En ambas as dúas modalidades, ademais farase entrega dun trofeo e un diploma de recoñecemento investigador que acredite como gañador dos Premios de investigación en saúde de Galicia (PISGa).

Todas as persoas gañadoras poderán facer uso de tal circunstancia no material promocional da súa actividade, sempre que nel se faga constar o ano e os organismos que convocan os premios.

O Servizo Galego de Saúde poderá promover, de acordo coas persoas gañadoras dos premios, o desenvolvemento posterior das súas ideas nas súas instalacións e coa súa colaboración. No caso de que no marco destes desenvolvementos posteriores xurda un resultado susceptible de protección mediante un título de propiedade industrial ou intelectual, o Servizo Galego de Saúde tería o dereito, pero non a obriga, de protexelo, e o Servizo Galego de Saúde sería o único titular deste, respectándolles a todas as persoas participantes o dereito a seren recoñecidas como autoras intelectuais e inventoras para os efectos recollidos no Decreto 141/2018, do 25 de outubro, polo que se regula a protección, valorización e transferencia dos resultados de investigación, desenvolvemento e innovación no ámbito do Sistema público de saúde de Galicia.

Artigo 5. Financiamento

O financiamento dos premios previstos nesta convocatoria realizaranse con cargo aos recursos económicos asignados á ACIS, aplicación orzamentaria 12.A1.561C.481.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025.

Artigo 6. Participantes e requisitos de participación

1. Poderá ser candidato aos PISGa na modalidade de premio a proxectos de investigación sanitaria en atención primaria calquera profesional sanitario clínico e/o de enfermaría do Sistema público de saúde de Galicia cunha proposta de proxecto de investigación que realizase unha parte significativa no Servizo Galego de Saúde e nas súas entidades instrumentais de investigación sanitaria de Galicia.

2. Poderán ser candidatas aos PISGa na modalidade de premio a traxectorias emerxentes de investigación en saúde as persoas investigadoras que estean realizando traballos científicos e de investigación de calidade demostrada nun grupo de investigación emerxente e cunha proxección de futuro nas súas respectivas áreas de investigación recoñecida nunha institución de investigación do Servizo Galego de Saúde a que no momento da presentación das candidaturas estean vinculados laboralmente. Para seren persoas candidatas deberán posuír o título de doutoramento (PhD ou equivalente) nunha disciplina relacionada co obxecto da investigación e ter máximo de corenta anos na data de finalización do prazo para a presentación de candidaturas.

O límite de idade máxima establecido no parágrafo anterior poderá ampliarse cando, durante a traxectoria profesional e ata a data de finalización do prazo de presentación de candidaturas, concorran situacións de incapacidade temporal e/ou períodos de tempo relativos a permisos, licenzas, flexibilidade horaria e excedencias.

No caso de que a persoa candidata sexa unha persoa con discapacidade, a idade máxima será de 42 anos, e poderán aplicarse tamén as ampliacións recollidas nesta epígrafe cando concorran as situacións citadas.

3. Non poderán optar ao premio os membros do xurado, nin as persoas vinculadas a eles por parentesco de consanguinidade ata o cuarto grao ou por afinidade ata o segundo grao.

4. Non poderán resultar premiadas as persoas participantes, nas cales concorra algunha das circunstancias recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Ningunha persoa candidata poderá ser premiada en máis dunha modalidade dos PISGa.

Artigo 7. Forma e lugar de presentación de solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Só se admitirán aquelas solicitudes que estean debidamente asinadas. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación destas bases reguladoras.

Artigo 8. Prazo de presentación das solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes e comezará a contar o seu cómputo o día seguinte ao da publicación destas bases e convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Artigo 9. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación, segundo a modalidade de premio indicada no artigo 4 para a cal se presentan, que deberá incluír:

a) Para a modalidade de premios a proxectos de investigación sanitaria en atención primaria:

1º. Debe achegarse o formulario de descrición do equipo de traballo (anexo II) no caso de proxectos que representen un equipo, cos datos de cada membro. Pode anexarse, de forma opcional, unha memoria en formato libre que achegue máis información sobre a candidatura e un breve currículo (CV) dos membros do equipo.

2º. Documentación específica dos proxectos que deberá figurar no anexo III da memoria técnica, onde se incluirá:

• Título do proxecto/liña de investigación.

• Centro onde se leva a cabo o proxecto.

• Resumo onde se recollan:

– Antecedentes: ámbito do proxecto e xustificación do interese práctico e/ou científico deste.

– Obxectivos do proxecto.

– Metodoloxía (deseño, suxeitos de estudo, variables, recollida e análise de datos, e limitacións do estudo).

– Resultados máis relevantes (impacto do proxecto, valoración do beneficio obtido desde a implantación do proxecto, número de pacientes incluídos, resultados en saúde, etc.).

– Bibliografía.

b) Para a modalidade de premios a traxectorias emerxentes de investigación en saúde:

1º. Debe achegarse a seguinte documentación:

• Título de doutor/a.

• Currículum vítae da persoa candidata, que inclúa os seus datos persoais e profesionais completos e a súa situación profesional actual, con indicación do grupo de investigación emerxente a que pertenza e institución de investigación a que está adscrito.

• Memoria descritiva de méritos e resumo da traxectoria profesional, que especificará a situación profesional da persoa candidata no momento de presentación da candidatura, e as actividades de carácter científico ou investigador que estea desenvolvendo na actualidade.

• Breve resumo en formato PDF do traballo/tese presentado, non superior a 8 páxinas (300 palabras como máximo)

• Publicacións científicas en revistas indexadas como mínimo no primeiro cuartil (Q1), indicando se é de primeiro autor ou non. No caso de que estas fosen demasiado extensas, presentarase un resumo ou índice delas indicando unha ligazón para poder acceder ao seu contido.

• Relatorios, artigos ou pósters en congresos científicos.

• Certificado de discapacidade non emitido pola Xunta de Galicia, se é o caso.

2º. Documentación acreditativa da representación da persoa que asina como solicitante, de ser o caso.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación destes de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Condicións xerais de participación

1. A participación neste premio supón a aceptación incondicional destas bases que teñen carácter administrativo. Os seus efectos réxense polo establecido no seu articulado e, na súa falta, pola normativa xeral que sexa de aplicación.

2. A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde reserva para si o dereito a difundir o nome e/ou imaxes da persoa polos medios e formas de comunicación que considere convenientes durante todo o tempo que considere necesario, e sen obriga de realizar ningunha compensación. Considérase que as persoas participantes prestaron o seu consentimento ao presentar os traballos.

Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, no caso das persoas vítimas de delito e, en concreto, de vítimas de violencia de xénero, poderán acollerse á non aplicabilidade da difusión do seu nome e/ou imaxes polos medios de comunicación.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade representante.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

g) Certificado de non estar inhabilitado para obter subvencións e axudas.

h) Certificado de discapacidade emitido pola Xunta de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 13. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorran dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Información ás persoas interesadas

1. Sobre este procedemento administrativo, que ten como código SA304E, poderase obter información adicional a través dos seguintes medios:

a) Páxina web do proxecto Transfiresaúde e da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (https://transfiresaude.eu/, http://acis.sergas.es).

b) Nos teléfonos 981 55 51 03 e 981 56 80 55 da devandita axencia.

c) No enderezo electrónico investigación.acis@sergas.es ou op.transfiresaude@sergas.es

d) Persoalmente.

e) Na Guía de procedementos e servizos administrativos no enderezo http://sede.xunta.gal

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este procedemento poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012.

Artigo 15. Instrución e resolución do procedemento de concesión

1. O órgano instrutor dos expedientes será a Área de Planificación e Promoción da Investigación Sanitaria da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, que se encargará de comprobar que as solicitudes ou a documentación presentada reúnen os requisitos exixidos nesta convocatoria.

2. Se a documentación presentada é incompleta ou ten defectos emendables, requiriranse as persoas interesadas para que no prazo máximo e improrrogable de dez (10) días emenden o defecto ou acheguen os documentos preceptivos. Se non o fai, terase por desistida da súa solicitude logo de resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 en relación co artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos ao xurado de selección.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán ao dispor do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

5. Non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, serán causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto no artigo 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

6. Unha vez avaliadas as solicitudes, o xurado relacionará as presentadas por orde de prelación na acta correspondente e proporá as persoas premiadas en cada unha das modalidades. A Área de Planificación e Promoción da Investigación Sanitaria da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, como órgano instrutor, elevará un informe xunto coa proposta de resolución ao órgano de resolución.

7. Corresponde ao titular da Presidencia da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde ditar a resolución de concesión, logo de ver a proposta das candidaturas seleccionadas polo xurado. A resolución do procedemento pon fin á vía administrativa e poderá ser impugnada potestativamente en reposición ante o mesmo órgano que a ditou ou ser impugnada directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, de conformidade co establecido nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

8. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de dous (2) meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se transcorre o devandito prazo sen ditarse resolución expresa, poderá entenderse desestimada a solicitude por silencio administrativo.

9. Unha vez notificada a resolución definitiva, conforme o previsto no artigo 13 destas bases, a persoa premiada disporá dun prazo de dez (10) días para a súa aceptación; transcorrido este sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Xurado

1. A selección obxectiva dos premios levarase a cabo a través dun xurado encargado de avaliar as candidaturas finalistas, de acordo cos criterios de selección establecidos, e estará formado por un máximo de 5 membros, de acordo coa seguinte composición:

a) Presidente/a: a persoa titular da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) ou persoa en quen delegue.

b) Vogais: unha persoa designada por cada un dos institutos de investigación sanitaria de Galicia:

• IISGS-Directora científica ou persoa en quen delegue.

• IDIS-Directora científica ou persoa en quen delegue.

• INIBIC-Directora científica ou persoa en quen delegue.

c) Un/unha secretario/a, con voz e sen voto, elixido/a entre o persoal ao servizo da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde.

2. Os membros do xurado serán designados pola persoa titular da Presidencia da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde no prazo máximo de vinte (20) días desde a publicación destas bases na páxina web da ACIS (http://acis.sergas.es).

3. O xurado, que poderá estar asistido por persoas expertas externas, valorará a información recibida das candidaturas de acordo cos criterios establecidos.

4. Só serán premiadas dúas candidaturas por categoría. A presidencia do xurado terá voto de calidade en caso de empate. Resultará elixido o traballo que obteña a maior puntuación.

5. O xurado pode declarar deserta a concesión do premio se ningunha candidatura reúne a calidade suficiente.

6. A decisión final do xurado sobre as persoas premiadas en cada una das categorías realizarase por maioría simple.

7. O xurado axustará o seu funcionamento ao sinalado nestas bases e ao disposto na sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 17. Proceso de selección

Unha vez pechado o prazo de presentación de candidaturas, o titular da Área de Planificación e Promoción da Investigación Sanitaria revisará as solicitudes e a documentación presentada.

Un comité de selección constituído polo titular da Área de Planificación e Promoción da Investigación Sanitaria e dous socios representantes por cada unha das rexións, Galicia e Norte de Portugal, do proxecto Transfiresaúde, que seleccionarán un máximo de cinco candidaturas por cada modalidade de premio, en calidade de finalistas, para a súa valoración polo xurado.

Na composición do Comité de Selección procurarase acadar unha presenza equilibrada de homes e mulleres, potenciando a presenza do xénero infrarrepresentado, e estableceranse as medidas de conciliación necesarias para fomentar a dita participación.

O citado comité de selección aplicará os criterios de valoración recollidos no artigo 18 destas bases.

Artigo 18. Criterios de valoración

1. O xurado, tendo en conta os criterios de valoración que se especifican a seguir, relacionará as candidaturas presentadas por orde de prelación na acta correspondente e proporá as premiadas por cada modalidade.

2. O xurado, á hora de avaliar as candidaturas presentadas, terá en conta os seguintes criterios de valoración:

a) Modalidade de premios a proxectos de investigación sanitaria en atención primaria:

1º. Investigación translacional, recoñecemento de patentes desenvolvidas e transferencia de resultados de investigación (ata un máximo de 30 puntos).

2º. Experiencia e capacidade investigadora do/da solicitante profesional sanitario/a, investigador/a ou equipo investigador (ata un máximo de 25 puntos).

3º. Prioridade estratéxica de investigación no Sistema público galego de saúde: valorarase o grao de idoneidade para desenvolver de acordo co Plan de prioridades sanitarias do Servizo Galego de Saúde e a Estratexia galega de saúde 2030 (ata un máximo de 25 puntos).

4º. Beneficios e rápida aplicabilidade para o Sistema sanitario público galego ou usuarios/as do sistema (ata un máximo de 20 puntos).

Establécese unha puntuación mínima de 60 puntos para ser seleccionado.

b) Modalidade de premios a traxectorias emerxentes de investigación en saúde:

As solicitudes presentadas polas persoas candidatas serán valoradas individualmente e non polo grupo emerxente a que pertenza, atendendo varios criterios:

1º. Calidade científico-técnica do traballo, orixinalidade e potencial da investigación realizada. Entre outros aspectos, terase en conta a calidade e o grao de innovación e orixinalidade da investigación desenvolvida, así como a creación de novas liñas e equipos de investigación, ou a potencialidade para a súa creación (ata un máximo de 40 puntos).

2º. Liderado e independencia científica. Valorarase o liderado e o grao de independencia investigadora adquirido pola persoa candidata ao longo da súa traxectoria investigadora, reflectido no liderado das súas contribucións científicas, na súa capacidade para liderar liñas e grupos de investigación ou a participación en proxectos de investigación como investigador/a principal, a dirección de teses de doutoramento e calquera outra experiencia científica e profesional de relevancia (ata un máximo de 40 puntos).

3º. Beneficios, aplicabilidade e repercusión da investigación na práctica asistencial para o Sistema sanitario público galego ou usuarios/as do sistema. A cualificación deste apartado deberá valorar a relevancia e o impacto no Sistema sanitario público galego das contribucións científicas e tecnolóxicas realizadas e a súa capacidade para dar resposta aos retos do Sistema sanitario (ata un máximo de 20 puntos).

Establécese unha puntuación mínima de calidade de 60 puntos para ser seleccionado.

Artigo 19. Entrega de premios

1. Os premios entregaranse nun acto público organizado pola Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde a través da ACIS, no marco das actuacións previstas no proxecto Transfiresaúde do Programa Interreg POCTEP 2021-2027.

2. A aceptación do premio implica o consentimento para a difusión das persoas gañadoras nos medios de comunicación. Ademais, comprométense a participar nas actividades paralelas organizadas arredor do dito evento e autorizan a ACIS a difundir toda a información relativa a estes premios.

3. As persoas galardoadas deberán estar presentes na cerimonia de entrega dos premios. No caso de que o premio recaia en equipos, estes estarán representados por un máximo de tres dos/das seus/súas integrantes.

Artigo 20. Obrigas das persoas premiadas, compatibilidade e reintegro

1. A persoa beneficiaria queda obrigada a someterse ás accións de control, comprobación e inspección que efectuará a ACIS, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado, a achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, e demais obrigas establecidas no artigo 11 da citada Lei 9/2007.

2. O premio será compatible con calquera outra subvención ou axuda para a mesma finalidade.

3. Procederá a revogación da axuda, así como o reintegro total ou parcial da cantidade percibida e a exixencia dos xuros de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Artigo 21. Xustificación e pagamento

O premio outorgado por estas bases será aboado dentro do exercicio económico 2025, unha vez que quede debidamente acreditada a identidade da persoa premiada. Así mesmo, ao resultar que o requisito da achega de documentación necesaria para a xustificación e cobramento do premio xa foi cumprido mediante a presentación da solicitude de participación, non será necesario achegar ningunha outra documentación complementaria para a súa liquidación.

Artigo 22. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 23. Recursos contra a convocatoria

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo no prazo de dous (2) meses, contados desde o día seguinte ao da súa publicación perante o xulgado do contencioso-administrativo competente, de acordo co establecido nos artigos 8.3 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ou potestativamente recurso de reposición ante este mesmo órgano no prazo dun (1) mes, de conformidade co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. Todo iso sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan presentar calquera outro recurso que consideren pertinente.

Artigo 24. Inclusión no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios

O premio outorgado ao abeiro destas bases figurará no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios. En todo caso, a presentación da solicitude implica que a persoa solicitante consente na inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no dito rexistro, feito que terá lugar, agás nos casos legalmente establecidos, de acordo co regulado no artigo 16.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional primeira. Información básica a persoas interesadas sobre protección de datos persoais

De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Xerencia da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde para que leve a cabo as actuacións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta actuación.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2024

Antonio Gómez Caamaño
Presidente da Axencia Galega para a Xestión
do Coñecemento en Saúde

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file