BDNS (Identif.): 794185.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):
Primeiro. Beneficiarios
1. Poderá ser candidato aos PISGa na modalidade de premios a proxectos de investigación sanitaria en atención primaria calquera profesional sanitario clínico e/ou de enfermaría do Sistema público de saúde de Galicia cunha proposta de proxecto de investigación que realizase unha parte significativa no Servizo Galego de Saúde e nas súas entidades instrumentais de investigación sanitaria de Galicia.
2. Poderán ser candidatas aos PISGa na modalidade de premio a traxectorias emerxentes de investigación en saúde as persoas investigadoras que estean realizando traballos científicos e de investigación de calidade demostrada nun grupo de investigación emerxente e cunha proxección de futuro nas súas respectivas áreas de investigación recoñecida nunha institución de investigación do Servizo Galego de Saúde a que no momento da presentación das candidaturas estean vinculados laboralmente. Para seren persoas candidatas deberán posuír o título de doutoramento (PhD ou equivalente) nunha disciplina relacionada co obxecto da investigación e ter máximo de corenta anos na data de finalización do prazo para a presentación de candidaturas.
Segundo. Obxecto
1. A finalidade dos Premios de investigación en saúde do Sistema público de saúde (PISGa) é difundir, promover e premiar o coñecemento e a investigación sanitaria translacional, de carácter preclínico e clínico, desenvolta polos profesionais do sector público da saúde de Galicia.
2. Os premios teñen o dobre obxectivo de, por unha parte, recoñecer e dar apoio a proxectos e liñas de investigación sanitaria en atención primaria dos/das profesionais que desenvolven a súa actividade no servizo galego de saúde e nas súas entidades pública de investigación e, por outra, impulsar e recoñecer aquelas traxectorias científicas emerxentes dos investigadores de ata corenta anos vinculados ao sector público sanitario de Galicia, para consolidar un ecosistema de investigación translacional no ámbito sanitario que propicie a transferencia do coñecemento á práctica asistencial.
Terceiro. Bases reguladoras
Resolución do 6 de novembro de 2024 pola que se aproban e se publican as bases reguladoras dos Premios de investigación en saúde (PISGa) para o ámbito de Galicia, no marco do proxecto Transfiresaúde do Programa de cooperación Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento SA304E).
Cuarto. Contía
1. A dotación económica máxima na modalidade de premio a proxectos de investigación sanitaria en atención primaria é de 3.000 euros para o proxecto gañador do segundo premio e 5.000 euros para a candidatura gañadora do primeiro premio.
2. A dotación económica máxima na modalidade de premio a traxectorias emerxentes de investigación en saúde é de 2.000 euros para o proxecto gañador do segundo premio e 3.000 euros para a candidatura gañadora do primeiro premio.
3. As persoas gañadoras recibirán o premio en especie.
4. O financiamento dos premios previstos nesta convocatoria realizaranse con cargo aos recursos económicos asignados á ACIS, aplicación orzamentaria 12.A1.561C.481.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025.
Quinto. Prazo de presentación de candidaturas
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes e comezará a contar o día seguinte ao da publicación das bases e convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2024
Antonio Gómez Caamaño
Presidente da Axencia Galega para a Xestión
do Coñecemento en Saúde
