DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Mércores, 13 de novembro de 2024 Páx. 60095

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 6 de novembro de 2024 pola que se convoca o curso monográfico A Lei 40/2015 e o exercicio da competencia administrativa: manual para a desconcentración, delegación, avocación, encomenda e suplencia.

Tras ser aprobado polo Consello Reitor o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para o ano 2024, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo,

RESOLVO:

Convocar o curso monográfico A Lei 40/2015 e o exercicio da competencia administrativa: manual para a desconcentración, delegación, avocación, encomenda e suplencia, de acordo coas bases que se indican a continuación.

Primeira. Obxectivos

De acordo coa Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, as competencias exerceranas aqueles órganos que as teñan atribuídas como propias.

Con todo, esta mesma norma prevé, ao mesmo tempo, a posibilidade de acudir a técnicas de modulación competencial co fin de axilizar o funcionamento da Administración, incrementar a eficacia da súa actuación ou achegar a xestión pública á cidadanía. Estas figuras, que permiten flexibilizar este principio de irrenunciabilidade da competencia, son: a desconcentración, a delegación interorgánica, a avocación, a encomenda de xestión, a delegación de sinatura e a suplencia.

Poden destacarse como obxectivos xerais do curso os seguintes:

• Estudo dos elementos que integran a competencia administrativa.

• Análise das distintas figuras de modulación competencial e o seu réxime xurídico.

• Exame dos vicios que poden afectar o acto, derivados dun defecto competencial, e as súas consecuencias.

Como obxectivo específico estudaranse situacións concretas que pode xerar a actividade administrativa cotiá e que poden facer conveniente o uso destas técnicas, en especial, a delegación e a suplencia.

Segunda. Contidos

Os temas principais de estudo e análise deste curso clasifícanse nos seguintes módulos:

Módulo I. A competencia e os seus elementos. Vicios de competencia e efectos.

Módulo II. Desconcentración: natureza, suxeitos, requisitos e efectos.

Módulo III. Delegación: natureza, suxeitos, requisitos e efectos.

Módulo IV. Avocación: natureza, suxeitos, requisitos e efectos.

Módulo V. Encomenda de xestión: natureza, suxeitos, requisitos e efectos.

Módulo VI. Delegación de sinatura: natureza, suxeitos, requisitos e efectos.

Módulo VII. Suplencia: natureza, suxeitos, requisitos e efectos.

Terceira. Persoas destinatarias

Esta actividade está dirixida ao persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, dos subgrupos A1 e A2 da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, das súas entidades públicas instrumentais e da Administración institucional, así como das universidades do Sistema universitario de Galicia.

Cuarta. Desenvolvemento

Datas: 27 e 28 de novembro de 2024.

Modalidade de impartición: presencial.

Horario: de mañá e tarde o día 27 e só de mañá o día 28.

Horas lectivas: 12.

Lugar: EGAP; rúa de Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Quinta. Número de prazas

Setenta (70).

Sexta. Inscrición

1. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula>. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

2. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade, todas as persoas deberán introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo co requirido e establecido na base terceira desta resolución respecto das persoas destinatarias.

3. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área en que está integrada esta actividade (Réxime xurídico e actividade financeira das administracións públicas) e despois seleccionar no nome do curso: curso monográfico A Lei 40/2015 e o exercicio da competencia administrativa: manual para a desconcentración, delegación, avocación, encomenda e suplencia.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. O prazo para a inscrición permanecerá aberto desde as 9.00 horas do día seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.59 horas do día 21 de novembro de 2024.

Poderá obterse calquera outra información a través do correo electrónico <novas.egap@xunta.gal> ou, en horario das 9.00 ás 14.00 horas, nos teléfonos 981 54 62 39 e 981 54 62 41.

Sétima. Comprobación de datos

1. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para tramitar o procedemento de selección consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes desta acción formativa necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opoña a iso.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo expresamente e incluír os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e enviar os documentos que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración a través do correo electrónico <novas.egap@xunta.gal>.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

4. A EGAP poderá pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios recollidos nesta convocatoria.

Oitava. Criterios de selección

A admisión levarase a cabo de acordo co indicado na base terceira desta convocatoria respecto ás persoas destinatarias desta actividade. A orde de selección virá determinada pola data e hora de presentación das solicitudes ata completar o número de prazas.

Novena. Publicación das listaxes de persoas seleccionadas, en reserva e excluídas

A EGAP publicará no enderezo web https://egap.xunta.gal as relacións de persoas seleccionadas, en reserva, no caso de que o número de solicitudes recibidas sexa superior ao número de prazas e, de ser o caso, as persoas excluídas nesta actividade, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE número 236, do 2 de outubro).

Décima. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas poderán renunciar á actividade formativa. A renuncia deberá ser comunicada canto antes e, en todo caso, como máximo o día 25 de novembro, por correo electrónico dirixido a novas.egap@xunta.gal, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE número 236, do 2 de outubro). Na páxina web da Escola está dispoñible un modelo de renuncia.

b) As persoas que incumpran o prazo previsto pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade, agás que a renuncia teña algunha das seguintes causas:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/das responsables dos centros directivos.

– Por razóns de conciliación familiar.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

3. Asistencia e puntualidade:

a) É obrigatoria a asistencia a todas as sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia:

c.1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, estas faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días, contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado na actividade formativa.

c.2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte, contado a partir do día da finalización desta actividade.

Décimo primeira. Certificado oficial

Ao final desta actividade emitirase un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula), a aquelas persoas inscritas sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a modalidade de desenvolvemento, as datas e o lugar de realización desta actividade, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Décimo segunda. Facultades da EGAP

1. A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta actividade, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización; neste caso empregaranse os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

2. A EGAP garantirá, na acción derivada desta convocatoria, a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2024

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública