Mediante a Resolución da directora de Augas de Galicia, do 2 de novembro de 2022, outorgouse á sociedade Amadorio Energía, S.L. unha concesión de augas superficiais para derivar un caudal máximo de 154,79 m3/s do Lago das Pontes a través dunha central hidroeléctrica reversible.
O 29.12.2023 entrou en vigor o Real decreto lei 8/2023, do 27 de decembro, polo que se adoptan medidas para afrontar as consecuencias económicas e sociais derivadas dos conflitos en Ucraína e Oriente Próximo, así como para paliar os efectos da seca, real decreto lei que introduce unha nova disposición adicional décimo oitava no texto refundido da Lei de augas, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, e de conformidade coa cal, esta central hidroeléctrica reversible, con concesión previamente outorgada á entrada en vigor do citado real decreto lei é considerada, en canto ao seu uso, como unha instalación de almacenamento hidráulico de enerxía.
Con data do 30.8.2024 Amadorio Energía, S.L. solicitou a modificación desta concesión. Nesta solicitude inclúese a modificación do caudal concesional e solicítase unha diminución deste, pasando dos 154,79 m3/s outorgados a 131,84 m3/s como caudal máximo que se detrae do dominio público hidráulico, o que supón unha diminución do caudal concesional superior ao 10 %.
De conformidade co disposto no artigo 151 do Real decreto 849/1986, do 11 de abril, polo que se aproba o Regulamento do dominio público hidráulico (en diante, RDPH), o ente público empresarial Augas de Galicia mediante este anuncio somete a competencia de proxectos a petición de modificación concesional solicitada.
Nome e enderezo do peticionario:
Amadorio Energía, S.L. (NIF B01992072).
Arturo Buenaventura Pouyfaucon.
Rúa Gabriel Ramos Bejarano, 114, 14014 Córdoba.
Destino do aproveitamento: almacenamento hidráulico de enerxía.
Caudal de auga solicitado: 131,84 m3/s.
Corrente de onde derivarán as augas: Lago das Pontes.
Termo municipal onde radican as obras: As Pontes de García Rodríguez (A Coruña).
A antedita petición tramitarase de conformidade co disposto nos artigos 105 e 151 do RDPH, e deste modo ábrese o trámite de competencia de proxectos para que no prazo dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, o peticionario presente instancia concretando a correspondente petición e demais aspectos previstos no antedito artigo 105 do RDPH e achegue o proxecto e demais documentación prescrita no artigo 106 do citado regulamento; e admítense tamén, durante este prazo, outras peticións que teñan o mesmo obxecto que aquela ou sexan incompatibles con ela, podéndose presentar, xunto con estas, proxectos en competencia. Así mesmo, deberase achegar, de acordo co establecido no número 3 do artigo 106, o estudo ambiental que recolla e avalíe todas as afeccións ambientais do proxecto conforme a Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.
Denegarase a tramitación posterior de toda petición que supoña unha utilización de caudal superior ao dobre do que figura máis enriba como petición base do concurso, de acordo co artigo 105 do RDPH, sen prexuízo de que o peticionario que o pretenda poida, dentro do prazo fixado neste anuncio para a admisión de peticións, acollerse á tramitación indicada no número 3 do antedito artigo 105 do RDPH, remitindo a súa petición na forma prevista no artigo 104 e solicitando a paralización do trámite da solicitude publicada inicialmente. Neste caso, á petición xuntará resgardo acreditativo do ingreso na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda e Administración Pública dunha fianza pola cantidade de sesenta mil (60.000) euros por cada m3/s de caudal solicitado, para responder da presentación do documento técnico correspondente á súa petición.
A desprecintaxe dos documentos técnicos realizarase na forma sinalada no artigo 107 do RDPH e terá lugar transcorridos quince días desde a conclusión do prazo de presentación de peticións nas dependencias do Edificio Administrativo de Augas de Galicia, sitas na rúa Tomiño, 16, baixo, 15781 Santiago de Compostela.
As peticións presentaranse na sede electrónica da Xunta de Galicia, utilizando o modelo xenérico de presentación de escritos (https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=PR004A), indicando no destino a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, Augas de Galicia, e facendo referencia á clave do expediente que figura no encabezamento deste anuncio. Os documentos técnicos e ambientais presentaranse en sobre debidamente precintado e lacrado (catro exemplares: un en formato papel e tres en formato dixital), na forma indicada para a presentación de arquivos que superen os 50 MB, de xeito que se presentarán presencialmente nalgunha das oficinas de rexistro. No exterior deste sobre, indicarase tamén como destino a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia, Augas de Galicia, e farase referencia á clave do expediente que figura no encabezamento deste anuncio.
Alternativamente ao recollido no parágrafo anterior, o peticionario, se o desexa, poderá presentar, ao abeiro do disposto no artigo 106 do RDPH, a súa petición xunto cos catro exemplares da documentación técnica e ambiental (un en formato papel e tres en formato dixital), en sobre ou paquete pechado debidamente precintado e lacrado, perante o rexistro dos servicios centrais de Augas de Galicia, sito na praza Camilo Díaz Baliño, 7-9, 15781 Santiago de Compostela, á atención do director de Augas de Galicia, especificando no exterior do sobre ou paquete o expediente de solicitude da concesión de referencia e a súa clave, que figura no encabezamento deste anuncio. Nesta modalidade de presentación será necesario pedir cita previa para levar a termo a presentación, nalgún dos seguintes teléfonos: 981 54 53 45, 981 54 39 61, 981 54 54 76, 981 54 47 26.
Infórmase neste anuncio que na corrente onde derivan as augas (Lago das Pontes) se está a tramitar outra petición de solicitude de central hidroeléctrica reversible para almacenamento hidráulico de enerxía (expediente AC/13/179), petición presentada con anterioridade á solicitude de modificación concesional obxecto deste anuncio. Se se presenta nesta competencia de proxectos algún proxecto incompatible cos presentados no expediente AC/13/179 procederíase, de conformidade co disposto no artigo 121 do RDPH, á suspensión provisional da tramitación do expediente a que se refire este anuncio.
Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2024
José Ángel Someso Anguita
Xefe do Servizo de Tramitación de Autorizacións e Concesións
