Mediante a Resolución do 17 de outubro de 2024 (DOG núm. 202, do 18 de outubro), o tribunal cualificador do proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, para o ingreso, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso, en categorías do grupo III de persoal laboral da Xunta de Galicia, fixo pública a baremación provisional da fase de concurso da categoría operador/a de ordenador/programador/a (persoal Cixtec).
Ante as dúbidas xurdidas en relación coa interpretación da valoración da experiencia profesional nesta categoría respecto do resto de categorías convocadas, o tribunal cualificador acordou solicitar á Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal aclaración sobre a diferente valoración da experiencia profesional para a categoría citada entre o «órgano convocante» e «outra Administración distinta».
O informe recibido do 12 de novembro de 2024 conclúe «En virtude do acordo de colaboración entre a Amtega e a Dirección Xeral da Función Pública, e da ficción xurídica creada, a valoración da experiencia neste proceso selectivo deberá aterse aos criterios establecidos, considerando a experiencia no Cixtec como experiencia interna e a experiencia na Xunta de Galicia como experiencia externa».
Polo tanto, en vista do anterior, o tribunal nomeado pola Resolución do 29 de maio de 2024 (DOG núm. 108, do 5 de xuño) para cualificar o proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, para o ingreso, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso, nas categorías 3, 12, 15, 34, 36, 37, 43, 52, 54, 54B, 66, 71, 94, 98, 100, 101, 103 e 104 do grupo III de persoal laboral da Xunta de Galicia e do persoal laboral propio do Cixtec (grupo III), por Acordo do 13 de novembro de 2024,
RESOLVE:
Primeiro. Facer público novamente o baremo provisional do concurso de méritos da categoría profesional operador/a de ordenador/programador/a (persoal Cixtec). Esta resolución modifica a publicada pola Resolución deste tribunal do 17 de outubro de 2024 (DOG núm. 202, do 18 de outubro).
Segundo. De acordo co establecido na base III.3 da convocatoria, e atendendo ás razóns de urxencia declaradas conforme o artigo 33.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as persoas aspirantes poderán formular reclamación ante o tribunal contra as puntuacións provisionais no prazo de 5 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, nos termos recollidos na citada Resolución do 17 de outubro de 2024 (DOG núm. 202, do 18 de outubro).
Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2024
Concepción Moares Domínguez
Presidenta do tribunal
