DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 221 Venres, 15 de novembro de 2024 Páx. 60496

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda e Administración Pública

ORDE do 14 de novembro de 2024 pola que se establecen os servicios mínimos dirixidos a garantir os servicios esenciais nos centros e entidades dependentes da Xunta de Galicia e do sector público autonómico durante a folga estatal convocada no ámbito do grupo empresarial Indra, con carácter indefinido desde o 18 de novembro de 2024.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece, como dereito fundamental da persoa, o dereito á folga. O exercicio deste dereito queda condicionado ao mantemento dos servizos esenciais definidos no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG núm. 116, do 20 de xuño).

A Sección Sindical Estatal da Rede Sindicaltic (RSTIC) en Indra, así como a Federación de Sindicatos da Banca, Bolsa, Aforro, Entidades de Crédito, Seguros, Oficinas e Despachos, Empresas Consultoras y Planificación, Ingenierías y Oficinas de Estudios Técnicos de la CGT (FESIBAC-CGT), comunicou ao Ministerio de Traballo e Economía Social a convocatoria da folga que terá lugar a partir das 00.00 horas do día 18 de novembro de 2024 con carácter indefinido e que afectará as empresas Indra Soluciones Tecnoloxías da Información (CIF B88018098), Indra BPO Servicios (CIF B60096435), Indra BPO (CIF B84138296), Indra BMB (CIF B84138296), Indra Xestión de Usuarios (CIF B09932898), Indra Minsait Payments Systems (CIF B88403894) e Indra Produción de Software (CIF B88017660), e a totalidade dos seus traballadores e traballadoras, en todos os centros de traballo que teñan as ditas empresas en todo o Estado español.

A este respecto, o artigo 10 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo, sobre relacións de traballo, establece que, cando a folga se declare en empresas encargadas da prestación de calquera xénero de servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade e concorran circunstancias de especial gravidade, a autoridade gobernativa poderá adoptar as medidas necesarias para asegurar o funcionamento dos servizos.

Deste modo, a necesaria conciliación entre o exercicio do dereito constitucional de folga e o mantemento dos servizos esenciais obriga a esta Administración autonómica galega, de acordo coa normativa vixente, a fixar uns servizos mínimos indispensables para o funcionamento dos servizos esenciais que se concretan e xustifican nesta orde.

A xurisprudencia do Tribunal Constitucional, entre outras a STC 183/2006, do 19 de xuño, vén considerando como servizos esenciais aqueles que satisfán dereitos e intereses dos cidadáns vinculados aos dereitos fundamentais, liberdades públicas e bens constitucionalmente protexidos, como son os dereitos á protección da saúde y o dereito á seguridade e hixiene no traballo, de acordo cos seguintes criterios:

a) Proporcionalidade entre os sacrificios que se impoñan ás persoas que participen na folga e os que padezan os usuarios dos servicios.

b) Equilibrio entre os dereitos e intereses dos traballadores en folga dos cidadáns afectados.

c) Suficiencia na realización do traballo necesario que permita a cobertura mínima do servizo, aínda sen alcanzar os niveis normais de prestación.

Neste contexto estímase necesario o establecemento duns servizos mínimos que garantan o soporte adecuado nos sistemas de información corporativos de carácter esencial para a prestación de determinados servicios públicos da competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, especialmente en materias que afectan directamente a cidadanía.

Así, no ámbito da Administración de xustiza, a fixación da porcentaxe de servizos mínimos está xustificada pola necesidade de garantir o soporte e a resolución de incidencias ao expediente xudicial electrónico, crítico para o correcto funcionamento do servizo público de xustiza, así como a administración do sistema de xestión procesual e fiscal e dos medios TIC na realización de actos procesuais.

Do mesmo modo, resulta esencial garantir o correcto funcionamento daqueles sistemas de información que teñen unha incidencia directa non só no funcionamento da Administración, senón tamén no exercicio de dereitos por parte da cidadanía e empresas, como son, por exemplo, a sede electrónica da Xunta de Galicia, a Carpeta cidadá, o portal institucional da Xunta de Galicia, as publicacións do Diario Oficial de Galicia, os sistemas de información tributaria da Xunta de Galicia, o servizo de orientación laboral no ámbito do Servizo Público de Emprego de Galicia, ou os sistemas de información nucleares no ámbito de política social, como son aqueles vinculados aos ámbitos de inclusión, discapacidade, dependencia e conciliación familiar.

No ámbito do turismo fíxanse os servizos mínimos imprescindibles para o soporte adecuado da plataforma de servizos dixitais de turismo, sistema esencial nun sector crítico para a economía galega en atención ao impacto que teñen nos procesos de relación da Administración pública, nos portais orientados aos visitantes e nos medios nas oficinas de turismo.

Esenciais resultan igualmente os sistemas de información do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), na medida en que resultan fundamentais para a tramitación e xestión das axudas relacionadas co alugueiro, as fianzas, a eficiencia enerxética e as áreas supramunicipais, e cuxa falta de soporte causaría notables prexuízos á cidadanía e a outros organismos.

Polo que respecta ao ámbito de educación, os servizos mínimos fixáronse considerando a porcentaxe mínima imprescindible para o mantemento dos servicios de educación, dado o seu carácter de servizo esencial da comunidade, que afecta os 300.000 alumnos do sistema.

Finalmente, respecto dos restantes sistemas de información corporativos, a cuantificación dos servizos mínimos responde ao mínimo indispensable para garantir a súa operativa conciliándoa co exercicio do dereito fundamental de folga.

En consecuencia, de acordo coa normativa citada e cos argumentos expostos, en virtude das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia; o Decreto 141/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda y Administración Pública, o Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e o Decreto 155/1988, do 9 de xuño, sobre prestación de servizos esencias en caso de folga do persoal ao servizo da Administración autonómica, e oídos os comités de folga, por proposta da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia,

ACORDO:

Artigo 1

1. A convocatoria de folga estatal efectuada pola Sección Sindical Estatal da Rede Sindicaltic (RSTIC) en Indra, así como pola Federación de Sindicatos de Banca, Bolsa, Aforro, Entidades de Crédito, Seguros, Oficinas e Despachos, Empresas Consultoras e Planificación, Ingenierías y Oficinas de Estudios Técnicos de la CGT (FESIBAC-CGT), que terá lugar desde as 00.00 horas do día 18 de novembro de 2024 con carácter indefinido e afectará a todas as persoas traballadoras das empresas Indra Soluciones Tecnoloxías da Información (CIF B88018098), Indra BPO Servicios (CIF B60096435), Indra BPO (CIF B84138296), Indra BMB (CIF B84138296), Indra Xestión de Usuarios (CIF B09932898), Indra Minsait Payments Systems (CIF B88403894) e Indra Produción de Software (CIF B88017660), e que deberá entenderse condicionada ao mantemento dos servizos mínimos, segundo os criterios que se establecen nesta orde.

2. Terán a consideración de servizos mínimos os que se relacionan no anexo a esta orde.

Artigo 2

A designación nominal dos efectivos que deben cubrir os servicios mínimos será realizada polos empregadores e notificada a persoal designado.

Disposición final

Esta orde producirá efectos o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2024

Miguel Corgos López-Prado
Conselleiro de Facenda e Administración Pública

ANEXO

Na folga a que se fai referencia nesta orde terán a consideración de servizos mínimos os que se relacionan a seguir:

1. O persoal preciso para garantir o 100 % das presenzas e a prestación de servizos habituais nos ámbitos dos servizos de atención ás persoas usuarias dos sistemas e medios TIC da Xunta de Galicia e ámbitos dependentes, de soporte técnico especializado e xestión de aplicacións e servizos TIC na Administración de xustiza en Galicia e o soporte técnico especializado da plataforma de servizos dixitais da Axencia de Turismo de Galicia.

2. O persoal preciso para garantir o 100 % das presenzas e a prestación de servizos habituais nos servizos de evolución da plataforma de administración electrónica xudicial, evolución, mantemento e soporte técnico especializado de diversos portais e servizos institucionais na rede, incluído o portal institucional da Xunta de Galicia e a publicación do Diario Oficial de Galicia, o desenvolvemento e a implantación do sistema de información de historia social única electrónica de Galicia, a evolución da sede electrónica da Xunta de Galicia e o desenvolvemento de novas funcionalidades, soporte e mantemento de sistemas de información das áreas de prestacións de inclusión, discapacidade, dependencia e conciliación familiar do eido da política social.

3. O persoal preciso para garantir o 100 % das presenzas e a prestación de servizos habituais nos ámbitos dos sistemas de información de xestión de nómina da Xunta de Galicia, contratación e sistemas de información tributaria da Xunta de Galicia.

4. O persoal preciso para garantir o 60 % das presenzas e a prestación de servizos habituais no ámbito do soporte de sistemas de correo corporativos.

5. O persoal preciso para garantir o 50 % das presenzas e a prestación de servizos habituais no ámbito do servizos de evolución, mantemento e soporte técnico especializado nos sistemas de xestión administrativa da Axencia de Turismo de Galicia e sistemas de xestión de preitos, consultivo e resolucións.

6. O persoal preciso para garantir o 50 % das presenzas e a prestación de servizos habituais nos ámbitos dos sistemas corporativos en materia económico-financeira, contable, información analítica e xestión e control económico da Xunta de Galicia.

7. O persoal preciso para garantir o 30 % das presenzas e a prestación de servizos habituais nos ámbitos de desenvolvemento, evolución e administración, e subministración de infraestrutura cloud, para a conformación do espazo de datos de turismo de Galicia, desenvolvemento do novo sistema de xestión, edición e publicación do Diario Oficial de Galicia, o soporte e mantemento en sistemas do eido de traballo e emprego e orientación laboral do Servizo Público de Emprego de Galicia.

8. O persoal preciso para garantir o 30 % das presenzas e a prestación de servizos habituais nos ámbitos do soporte e mantemento dos sistemas de información do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS).

9. O persoal preciso para garantir o 20 % das presenzas e a prestación de servizos habituais no ámbito do desenvolvemento do mapa xeosocial interactivo e do desenvolvemento de sistemas de comunicación web en mobilidade no eido social.

10. O persoal preciso para garantir o 25 % das presenzas e a prestación de servizos habituais no ámbito dos restantes sistemas de información corporativos competencia da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.