DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 221 Venres, 15 de novembro de 2024 Páx. 60501

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 14 de novembro de 2024 pola que se determinan os servizos mínimos durante a folga indefinida de ámbito estatal que afectará as empresas Indra Soluciones Tecnologías de la Información, Indra Gestión de Usuarios, Indra BPO Servicios, Indra BPO, Indra BMB, Minsait Payments Systems e Indra Producción de Software, que prestan servizo, mediante contratación externa, nesta consellería e no Servizo Galego de Saúde, e que se desenvolverá a partir do 18 de novembro de 2024.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa traballadora o dereito á folga.

Así mesmo, o artigo 10 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo, sobre relacións de traballo establece que cando a folga se declare en empresas encargadas da prestación de calquera xénero de servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade e concorran circunstancias de especial gravidade, a autoridade gobernativa poderá acordar as medidas necesarias para asegurar o funcionamento dos servizos.

Ademais, a xurisprudencia do Tribunal Constitucional, entre outras a STC 183/2006, do 19 de xuño, vén considerando como servizos esenciais aqueles que satisfagan dereitos e intereses dos cidadáns vinculados aos dereitos fundamentais, liberdades públicas e bens constitucionalmente protexidos, como son os dereitos á protección da saúde e o dereito á seguridade e hixiene no traballo.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que se ditan normas para garantir a prestación dos servizos esenciais no ámbito da Comunidade Autónoma (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os que se atopa a sanidade.

O exercicio público da prestación de asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo exercicio do dereito de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este, o que implica a necesidade de conxugar o citado exercicio cun axeitado establecemento dos servizos mínimos naquelas áreas e actividades que repercuten na xestión dos servizos sanitarios, en prol de preservar, en último termo, o propio dereito á vida e á integridade física das persoas usuarias dos devanditos servizos.

O artigo 3 do citado decreto faculta os/as conselleiros/as competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, establezan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para a determinación do persoal preciso para a súa prestación.

A Sección Sindical Estatal de Red Sindical TIC (RSTIC) e a Federación de Sindicatos de Banca, Bolsa, Ahorro, Entidades de Crédito, Seguros, Oficinas y Despachos, Empresas Consultoras y Planificación, Ingenierías y Oficinas de Estudios Técnicos de la CGT (FESIBAC-CGT) convocaron unha folga estatal indefinida que afectará os/as traballadores/as das empresas Indra Soluciones TI, Indra Gestión de Usuarios, Indra BPO Servicios, Indra BPO, Indra BMB, Minsait Payments Systems e Indra Producción de Software, que se desenvolverá a partir do día 18 de novembro de 2024.

A Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde teñen formalizados co grupo empresarial Indra varios contratos de servizos que dan soporte aos servizos de saúde e que poden verse afectados pola convocatoria da folga, polo que resulta procedente fixar os servizos mínimos.

Os devanditos contratos están identificados mediante os seguintes números de expediente: AB-SER1-20-057, AB-SER1-21-046, AB-SER1-22-007, AB-SER1-23-004, AB-SER1-23-025 e AB-SER1-22-034.

O obxecto e a fundamentación de cada un dos contratos, que xustifica o establecemento dos servizos mínimos, é o seguinte:

• Contrato AB-SER1-20-057.

Este contrato ten por obxecto o apoio á hora de verificar o correcto estado de todas as ferramentas, plataformas e produtos antes da súa posta en marcha. No caso de non dispoñer deste servizo, paralizaríase toda esa actividade con respecto a todos os produtos software e plataformas do Servizo Galego de Saúde, co consecuente impacto ao tratarse, moitos deles, de actualizacións por problemas de seguridade informática ou erros de funcionamento.

• Contratos AB-SER1-21-046, AB-SER1-22-007, AB-SER1-23-004 e AB-SER1-23-025.

Teñen como obxecto a xestión de citación nos centros de saúde (o primeiro), a xestión da inspección sanitaria: incapacidade temporal (o segundo) e os sistemas de historia clínica electrónica e eReceita (o terceiro e cuarto). Abarcando o seu alcance tanto o desenvolvemento como a instalación, o mantemento e o soporte.

A actividade de mantemento e o soporte resulta esencial para garantir o correcto funcionamento destas plataformas e a resolución de incidencias, nun volume diario moi elevado e con posible paralización da actividade asistencial en caso de indispoñibilidade das ferramentas.

• Contrato AB-SER1-22-034.

Mediante este contrato préstase servizo de atención telefónica a todos os centros de saúde e unidades administrativas da Consellería de Sanidade e ao Servizo Galego de Saúde.

No devandito contrato están asignadas 25 persoas, traballando en quendas de mañá, tarde e noite todos os días do ano, atendendo máis de 20.000 chamadas mensuais e resolvendo un número semellante de incidencias.

Do seu traballo depende a habilitación do acceso de usuarios, a atención a incidencias de todo tipo, a revisión do estado e o correcto funcionamento dos sistemas, aplicacións e plataformas utilizadas nestes ámbitos, así como as app postas ao dispor da cidadanía, entre outras moitas tarefas esenciais para a correcta actividade sanitaria e prestación de servizos en liña á cidadanía.

A través das infraestruturas citadas xestiónanse 30 millóns de citas anuais e a maior parte da prestación sanitaria (sistema Ianus) e prescrición en farmacia comunitaria (eReceita).

De acordo co anterior, debe garantirse a atención ás persoas usuarias que non se poida aprazar sen consecuencias negativas para a saúde.

Con base no que antecede e logo da audiencia ao Comité de Folga,

DISPOÑO:

Artigo 1

A folga convocada entenderase condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se establecen nesta orde.

Así pois, tendo en conta o obxecto dos devanditos contratos, a importancia que teñen na xestión dos distintos recursos do sector sanitario e o carácter indefinido da folga, os servizos mínimos que se fixan resultan imprescindibles para manter a idónea cobertura do servizo esencial de asistencia sanitaria, para os efectos de evitar que se produzan graves prexuízos á cidadanía.

Ao propio tempo, responden á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible do exercicio do dereito á folga coa atención á poboación, que baixo ningún concepto pode quedar desasistida, dadas as características do servizo dispensado, mediante os devanditos contratos.

Polo tanto, unha vez exposto o obxecto de cada un dos contratos e tendo en conta o grande impacto e a grande importancia que teñen estes na xestión da asistencia sanitaria, xa que dan soporte aos servizos de saúde na nosa Comunidade, establécense os seguintes servizos mínimos:

• Contratos: AB-SER1-20-057, AB-SER1-21-046, AB-SER1-22-007, AB-SER1-23-004 e AB-SER1-23-025.

Nos servizos de atención ás persoas usuarias, soporte á aplicación e administración de sistemas e redes, estímase que para o cumprimento destes contratos debe garantirse como servizos mínimos un 25 % dos recursos asignados habitualmente.

• Contrato AB-SER1-22-034.

Neste contrato, dado o elevado número de incidencias que xorden e tendo en conta que é necesario que se cubra o servizo as 24 horas dos 7 días da semana, considérase que deben garantirse polo menos uns servizos mínimos dun 50 % dos recursos asignados nunha xornada ordinaria.

Aplicando como mínimo un 50 % nas distintas quendas, o número de efectivos neste caso quedaría da seguinte maneira:

Mañá

Tarde

Noite

Laborais

5

2

1

Sábados

2

1

1

Festivos

1

1

1

Artigo 2

A designación nominal dos efectivos que deben cubrir os servizos mínimos será realizada pola empresa e notificada ao persoal designado, e debe publicarse nos medios que se consideren oportunos e coa suficiente antelación.

O persoal designado como servizo mínimo que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a substitución da súa designación por outro/a traballador/a que voluntariamente acepte o cambio de xeito expreso.

A empresa elaborará un expediente de determinación de efectivos de servizos mínimos, que estará dispoñible para xeral coñecemento do persoal interesado e no cal deberá quedar constancia da xustificación e dos criterios ponderados para determinar os devanditos efectivos.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2024

Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade