DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 222 Luns, 18 de novembro de 2024 Páx. 60888

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2024, do Departamento Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita, e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Nigrán (expediente IN407A 2023/245-4).

Expediente: IN407A 2023/245-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: LMTS e CT Pombal.

Concello: Nigrán.

Feitos:

1. O 27.4.2023, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública da instalación eléctrica denominada LMTS e CT Pombal.

A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado polo enxeñeiro técnico industrial Victoriano González Lemos, colexiado 2980 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo, e en que figura un orzamento total de 91.957,02 euros.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade as seguintes actuacións situadas no lugar da Tarela, no concello de Nigrán (Pontevedra):

Instalación dun centro de transformación de 250 kVA de potencia, prefabricado 2L1P manobra exterior, situado na parcela con referencia catastral 54035A035001870000HK e alimentado pola liña de media tensión GON805 procedente da subestación Gondomar.

Instalación dunha liña de media tensión subterránea de 376 metros para alimentar o centro de transformación proxectado.

2. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Nigrán, Augas de Galicia, a Deputación Provincial de Pontevedra e o Servizo do Patrimonio Cultural. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos polo Concello de Nigrán e polo Servizo do Patrimonio Cultural.

Os demais organismos non emitiron os condicionados técnicos, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.

3. Como non foi posible efectuar a notificación á única persoa titular da parcela afectada pola declaración de utilidade pública solicitada pola empresa promotora, publicáronse os correspondentes anuncios no Diario Oficial de Galicia do 7.6.2023 e no taboleiro de edictos único do Boletín Oficial del Estado do 13.6.2023, co fin de realizar a notificación por comparecencia.

4. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a Resolución do 12.5.2023, publicada nos seguintes medios:

DOG (Diario Oficial de Galicia): 8.6.2023.

Xornal Faro de Vigo: 20.3.2024.

Taboleiro de anuncios do Concello de Nigrán, desde o 23.5.2023 ata o 26.7.2023, segundo o certificado emitido polo propio concello.

Portal da transparencia e Goberno aberto da Consellería de Economía e Industria.

Durante este trámite non se recibiron alegacións.

Consideracións legais e técnicas:

1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG nº 101, do 27 de maio), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 20 kV, con condutor RHZ1-20L 12/20 kV 1×240 mm2 AL, de 376 metros de lonxitude, coa orixe e final na LMT GON805, na estrada EP 2102 (Nigrán-Vincios) p.q. 0+180, facendo entrada e saída no centro de transformación proxectado.

Centro de transformación a 250 kVA, con relación de transformación 20 kV/400 V, situado na parcela con referencia catastral 54035A035001870000HK, xunto ao Camiño do Pombal.

A instalación está situada na Tarela, parroquia de Nigrán, no concello de Nigrán (Pontevedra).

Conforme o indicado,

RESOLVO:

1. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS e CT Pombal, expediente IN407A 2023/245-4, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

2. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

3. A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial acompañada da seguinte documentación:

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

– Un certificado de dirección final de obra en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

5. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

6. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 23 de outubro de 2024

Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra

ANEXO

Relación de bens e dereitos afectados, concello de Nigrán

Lugar

Terreo

Referencia catastral

Titular

CT (m2)

Afeccións

ml sub.

m2 sub.

1

Cm Pombal

Rústico

54035A035001870000HK

Descoñecido/a

16,81

2,40

4,40