DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Martes, 19 de novembro de 2024 Páx. 60991

IV. Oposicións e concursos

Universidade da Coruña

RESOLUCIÓN do 8 de novembro de 2024 pola que se convoca concurso de acceso a prazas de corpos docentes universitarios.

De conformidade co disposto na Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo (BOE do 23 de marzo), do sistema universitario (en diante, LOSU), no Real decreto 678/2023, do 18 de xullo, polo que se regula a acreditación estatal para o acceso aos corpos docentes universitarios e o réxime dos concursos de acceso a prazas dos ditos corpos, e a teor do establecido nos estatutos da Universidade da Coruña, aprobados polo Decreto 101/2004, do 13 de maio (DOG do 26 de maio) e modificados polo Decreto 194/2007, do 11 de outubro (DOG do 17 de outubro), da Xunta de Galicia (en diante, EUDC), e da oferta de emprego público (OPE) de persoal docente e investigador para o ano 2022, aprobada pola Resolución do 10 de marzo de 2022 (DOG do 21 de marzo).

Este reitoría, no exercicio das competencias que lle atribúe o artigo 36 dos EUDC, resolveu convocar os concursos de acceso das prazas que se relacionan no anexo I desta resolución, de acordo coas seguintes bases.

Bases da convocatoria

1. Normas xerais.

1.1. Este concurso rexerase pola LOSU, o Real decreto 678/2023, a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro), a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (BOE do 2 de outubro), o Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, os EUDC, a normativa reguladora dos concursos de acceso aos corpos docentes universitarios, aprobada polo Consello de Goberno o 10 de decembro de 2008 e modificada polo Acordo do 28 de febreiro de 2018, as Normas de adaptación dos procedementos de selección de persoal docente e investigador á Lei orgánica do sistema universitario e á súa normativa de desenvolvemento, as bases da convocatoria, as instrucións para a actuación telemática das comisións de selección de prazas de profesorado axudante doutor, permanente laboral, titular de universidade e catedrático/a de universidade (publicadas con data do 8.10.2024 e modificadas con data do 31.10.2024), e demais normativa que resulte de aplicación.

1.2. Os concursos de acceso terán procedemento independente para cada praza ou prazas convocadas.

1.3. O cómputo dos prazos establecidos nesta convocatoria axustarase ao disposto no artigo 3 da normativa desta universidade pola cal se regulan os concursos de acceso a corpos de funcionarios/as docentes universitarios.

Para o cómputo dos prazos, o mes de agosto será inhábil para todos os efectos.

2. Requisitos das persoas candidatas.

2.1. Requisitos xerais.

Para seren admitidas á realización destas probas selectivas, as persoas aspirantes deberán reunir os requisitos exixidos nesta base na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes e mantelos ata a toma de posesión:

a) Ter nacionalidade española ou ser nacional dun Estado membro da Unión Europea, ou nacional daqueles Estados aos cales, en virtude de tratados internacionais establecidos pola Unión Europea e ratificados por España, lles sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as.

Tamén poderá participar o cónxuxe dos españois e dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea sempre que non estean separados de dereito, e os seus descendentes e os de seu cónxuxe sempre que sexan menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade dependentes e non estean separados de dereito. Este último beneficio será igualmente de aplicación a familiares de nacionais doutros Estados cando así se prevexa nos tratados internacionais establecidos pola Unión Europea e ratificados por España.

b) Posuír a capacidade funcional para o desempeño das tarefas correspondentes a profesor/a de universidade.

c) Ter feito dezaseis anos e non exceder, de ser o caso, a idade máxima de xubilación forzosa.

d) Non ter sido separado, mediante expediente disciplinario, do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais o estatutarios das comunidades autónomas, nin encontrarse na situación de suspensión firme de funcións ou de inhabilitación absoluta ou especial para empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso a corpos ou escalas de funcionarios no prazo de presentación de solicitudes.

No caso de ser nacional doutro Estado, non encontrarse inhabilitado ou en situación equivalente, nin ter sido sometido a sanción disciplinaria ou equivalente que implique, no seu Estado, nos mesmos termos, o acceso ao emprego público.

e) Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das funcións correspondentes á praza.

2.2. Requisitos específicos.

a) Ser doutor/a e estar acreditado ou acreditada para o corpo docente de que se trate.

b) Ser investigador/a do Programa Ramón y Cajal e ter superado a avaliación do Programa de incentivo da incorporación e intensificación da actividade investigadora (I3), ou que obtivese o certificado como investigador/a establecido/a (R3).

2.3. Presentación dos requisitos.

Os requisitos establecidos nestas bases deberán cumprirse no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes e manterse ata o momento da toma de posesión.

3. Solicitudes.

3.1. As solicitudes para participar no concurso axustaranse ao modelo que figura como anexo III a esta convocatoria o en https://www.udc.es/gl/pdi/concursos/ –Concursos de acceso a corpos de funcionarios docentes universitarios– Modelo de solicitude PDI funcionario, e dirixiranse ao reitor da Universidade da Coruña no prazo de quince días, que comezarán a contar a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Boletín Oficial del Estado (BOE). Cando o último día do prazo sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, segundo o artigo 30.5 da Lei 39/2015.

3.2. As solicitudes presentaranse no Rexistro electrónico da Universidade da Coruña (https://sede.udc.gal) ou por calquera dos procedementos establecidos no artigo 16 da Lei 39/2015. As solicitudes que se presenten por medio das oficinas de Correos deberán ir en sobre aberto para que o persoal de Correos poida estampar nelas o selo de datas antes da súa certificación. As solicitudes que se fagan no estranxeiro poderán cursarse por medio das representacións diplomáticas e consulares españolas correspondentes.

Os dereitos de exame serán de 44,17 euros e ingresaranse na conta corrente ES76 0049-5030-15-2516011262, concursos-oposicións, no Banco Santander Central Hispano da Coruña. O pagamento realizarase directamente nas oficinas da dita entidade ou mediante transferencia bancaria na cal deberán constar obrigatoriamente o nome e os apelidos da persoa interesada e a referencia da praza a que concursa. En ningún caso a mera presentación da solicitude e o pagamentos na entidade bancaria suporá a substitución do trámite de presentación en tempo e forma da solicitude ante o órgano expresado na base 3.1.

3.3. Coa solicitude achegaranse necesariamente os seguintes documentos e será causa de exclusión a falta dalgún deles:

a) Fotocopia do documento nacional de identidade. As persoas aspirantes que non posúan a nacionalidade española e teñan dereito a participar deberán presentar unha fotocopia do documento que acredite a súa nacionalidade e, de ser o caso, os documentos que acrediten o vínculo de parentesco e o feito de vivir a expensas ou estar a cargo do nacional doutro Estado co cal teñan o dito vínculo. Así mesmo, deberán presentar declaración xurada ou promesa de non estar separados de dereito do seu cónxuxe e, se é o caso, do feito de que o/a aspirante vive ás súas expensas ou está ao seu cargo.

b) Copia compulsada dos documentos que acrediten o cumprimento dos requisitos que se sinalan na base 2.2.

c) Xustificante orixinal do pagamento dos dereitos de exame.

Estarán exentas do pagamento da taxa por dereitos de exame as persoas que teñan recoñecida unha discapacidade igual ou superior ao 33 %. Tamén estarán exentas do pagamento as persoas que sexan membros de familia numerosas clasificadas na categoría especial. Así mesmo, desfrutarán dunha bonificación do 50 % da taxa os membros de familias numerosas de categoría xeral. Estas circunstancias deberán ser acreditadas documentalmente xunto coa solicitude, para o cal se presentará copia orixinal ou compulsada da cualificación da minusvalidez ou do documento acreditativo de familia numerosa, segundo corresponda.

Así mesmo, terán unha bonificación do 50 % da taxa as persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, seis meses anteriores á data de publicación desta convocatoria e que non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego, aspectos que deberán ser certificados pola oficina dos servizos públicos de emprego.

3.4. As persoas aspirantes quedan vencelladas aos datos que fixeron constar nas solicitudes e poderán unicamente demandar a súa modificación mediante escrito motivado, dentro do prazo establecido na base 3.1 para a presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo non se admitirá ningunha petición desta natureza, agás causa excepcional sobrevida, xustificada e discrecionalmente apreciada pola Universidade.

4. Admisión dos/das aspirantes.

4.1. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, a Reitoría da Universidade da Coruña no prazo máximo de quince días ditará unha resolución en que aprobe a relación provisional de aspirantes admitidos/as e excluídos/as, con indicación das causas de exclusión, de ser o caso, que será publicada no taboleiro electrónico oficial da Universidade da Coruña (https://sede.udc.gal/services/electronic_board) e, a título divulgativo, no enderezo da internet: (https://www.udc.es/gl/pdi/concursos/concursos_funcionarios/index.html).

4.2. Contra a dita resolución, as persoas interesadas poderán presentar reclamación, ante o reitor, no prazo de dez días hábiles contados desde o día seguinte ao da súa publicación, ou ben emendar, no mesmo prazo, o motivo da exclusión. Resoltas as ditas reclamacións, no prazo máximo de quince días, publicarase unha nova resolución para aprobar a relación definitiva de aspirantes admitidos/as e excluídos/as, con indicación das causa de exclusión, na forma anteriormente establecida.

4.3. De acordo co previsto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, estas publicacións producirán os mesmos efectos que a notificación persoal ás persoas interesadas.

5. Comisión de Acceso.

5.1. A composición da Comisión é a que figura no anexo II desta convocatoria e terá a categoría primeira das recollidas no artigo 30 do Real decreto 462/2002, do 24 de maio, sobre indemnizacións por razón do servizo.

Conforme o establecido no artigo 34.3 do Real decreto 678/2023, os currículos dos membros das comisións de acceso serán públicos e poderán ser consultados no Servizo de Persoal Docente e Investigador da Universidade da Coruña (en diante, UDC).

5.2. O nomeamento como membro dunha comisión é irrenunciable, salvo cando concorra causa xustificada, debidamente alegada pola persoa interesada e así apreciada polo reitor.

De calquera xeito, os membros das comisións en que se dea algunha das causas sinaladas no artigo 23 da Lei 40/2015 ou presenten conflitos de intereses segundo o establecido no artigo 32.4 do Real decreto 678/2023 deberán absterse de intervir e comunicaranllo ao reitor para a designación do/da suplente.

5.3. A Comisión deberá constituírse no prazo máximo de tres meses desde o día seguinte ao da data de publicación no BOE da correspondente convocatoria. Transcorrido o dito prazo sen que se constitúa, o reitor procederá á substitución da Presidencia titular.

Previamente, o/a presidente/a da Comisión de Selección solicitará a todos os/as membros, tanto titulares como suplentes, que remitan ao Servizo de Persoal Docente e Investigador a declaración de que non incorren en motivos de abstención ou posibles conflitos de intereses coas persoas candidatas.

5.4. Dentro do dito prazo, o/a presidente/a, despois de consultar cos restantes membros, ditará unha resolución que se lles notificará a todas as persoas interesadas, cunha antelación mínima de quince días naturais respecto á data do acto para o cal son citadas, convocando a:

a) Todos os membros titulares da Comisión e, de ser o caso, os suplentes, para efectuar acto de constitución desta e fixar a continuación e facer públicos os criterios específicos de selección.

b) Todas as persoas aspirantes admitidas a participar no concurso, para realizar o acto de presentación, con indicación do día, o lugar e a hora para a realización do dito acto; para estes efectos, o prazo entre a data prevista para o acto de constitución da Comisión e a data sinalada para o acto de presentación non poderá exceder os dous días hábiles.

5.5. A constitución da Comisión exixirá a asistencia da totalidade dos seus membros. Os membros titulares que non concorran a este acto serán substituídos polos seus respectivos suplentes. Unha vez constituída a Comisión, no caso de ausencia da Presidencia, esta será substituída polo/a vogal de maior categoría e antigüidade. A Secretaría será substituída, de ser o caso, polo/a vogal de menor categoría e antigüidade.

5.6. A actuación dos membros alleos á UDC será, por defecto, por medios telemáticos institucionais, preferentemente a través da aplicación Teams de Microsoft 365, no grupo de reunións da Comisión de Selección correspondente, creado pola persoa a quen corresponda, segundo o establecido nas instrucións para a actuación telemática das comisións de selección de prazas de profesorado axudante doutor/a, permanente laboral, titular de universidade e catedrático/a de universidade.

5.7. Para que a Comisión poida actuar validamente, requirirase a asistencia de, polo menos, tres dos seus membros, entre os que figurarán obrigatoriamente o/a presidente/a e o/a secretario/a. Os membros da Comisión que estean ausentes da proba cesarán en tal condición, sen prexuízo das responsabilidades en que poidan ter incorrido.

Se, unha vez comezada a primeira proba, a Comisión queda con menos de tres membros, procederase ao nomeamento dunha nova comisión polo procedemento establecido no artigo 9 da normativa que regula os concursos, e non poderán formar parte dela os membros da primeira que cesasen nesta condición.

5.8. No acto de constitución, a Comisión establecerá e fará públicos, antes do acto de presentación, os criterios de valoración do concurso.

5.9. Durante o desenvolvemento do concurso, a Comisión resolverá as dúbidas que poidan xurdir na aplicación destas normas, así como o que proceda nos casos non previstos nelas. A súa actuación axustarase en todo momento ao disposto na Lei 39/2015.

6. Acto de presentación.

6.1. No acto de presentación, que será público, coa presenza dos/das candidatos/as, Presidencia e/ou Secretaría da Comisión ou Secretaría do departamento, de ser o caso, os/as concursantes entregaranlle á Comisión unha copia en formato dixital da seguinte documentación:

a) Curriculum vitae, no cal detallarán o seu historial académico, docente, investigador, transferencia e intercambio de coñecemento, de xestión e, de ser o caso, sanitario-asistencial, xunto cun exemplar das publicacións e dos documentos acreditativos dos seus méritos. O curriculum vitae deberá axustarse ao modelo que se achega como anexo IV.

b) Proxecto docente e investigador que a persoa candidata se propón desenvolver de lle ser adxudicada a praza a que concursa; o dito proxecto axustarase, de se fixar na convocatoria, ás especificacións establecidas.

6.2. No acto de presentación, as persoas concursantes recibirán cantas instrucións sobre a realización das probas deban serlles comunicadas; así mesmo, determinarase, mediante sorteo, a orde de actuación dos/das concursantes e fixaranse o lugar, a data e a hora de inicio das probas.

6.3. A Secretaría da Comisión de Acceso garantirá que a documentación que entreguen os concursantes poida ser consultada antes do inicio das probas polos candidatos.

7. Realización das probas.

7.1. Os concursos de acceso constarán das probas e axustaranse ao procedemento que establece o artigo 12 da normativa aprobada polo Acordo do Consello de Goberno, do 10 de decembro de 2008, pola que se regulan os concursos de acceso a corpos de funcionarios/as docentes universitarios na Universidade da Coruña.

7.2. As probas serán públicas e cada unha delas será eliminatoria.

7.3. Finalizada cada proba, cada membro da Comisión entregaralle ao/á presidente/a un informe razoado, axustado aos criterios previamente fixados, de cada unha das persoas concursantes, con expresión explícita de voto favorable ou desfavorable.

7.4. Para superar a proba é necesario obter, cando menos, tres votos favorables dos membros da Comisión de Acceso.

7.5. A proposta de provisión de prazas realizarase con base nos votos favorables recibidos dos membros da Comisión. No caso de empate, recorrerase á votación, sen que sexa posible a abstención. De persistir o empate, dirimirá o voto do/da presidente/a.

8. Proposta.

8.1. Nun prazo máximo de cinco días, contados desde o seguinte ao da finalización das probas, publicarase no taboleiro de anuncios do centro en que actúe a Comisión de Acceso a proposta motivada e vinculante de nomeamento para a provisión da praza, con expresión de todas as persoas candidatas propostas por orde de preferencia. Contra a dita proposta os/as concursantes poderán presentar reclamación, ante o reitor, no prazo de dez días.

8.2. Unha vez que se publique, a Presidencia da Comisión de Acceso ou, de ser o caso, a Secretaría entregará a proposta no Servizo de Persoal Docente e Investigador da Universidade da Coruña ou mediante o correo electrónico: servizo.pdi@udc.es, xunto coas actas e cos informes que compoñen o expediente, a documentación achegado por cada candidato/a e a certificación da Secretaría da Comisión en que se faga constar a data de publicación no taboleiro do centro.

8.3. Tras finalizar o procedemento, a documentación dos/das concursantes quedará no Servizo de Persoal Docente e Investigador da UDC.

9. Presentación de documentos e nomeamento.

9.1. A persoa candidata proposta en primeiro lugar deberá presentar no prazo de vinte días, contados desde o seguinte ao da publicación da proposta, nos lugares e conforme o procedemento previsto na base 3.2, os seguintes documentos:

a) Declaración xurada ou promesa de non ter sido separado/a de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario, nin encontrarse inhabilitado/a para o exercicio das funcións docentes e asistenciais.

Os/as concursantes que non teñan a nacionalidade española deberán acreditar non estar sometidos a sanción disciplinaria ou condena penal que impida no seu Estado, o acceso á función pública segundo o establecido na Lei 17/1993, do 23 de decembro (Boletín Oficial del Estado do 24 de decembro).

b) Certificado médico oficial de non padecer ningunha enfermidade nin defecto físico ou psíquico que o/a incapacite para o desempeño das funcións correspondentes a profesor/a de universidade.

c) Declaración xurada ou promesa de non incorrer en incompatibilidade segundo o establecido na Lei 53/1984, do 26 de setembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas (BOE do 4 de xaneiro de 1985).

9.2. O reitor da Universidade da Coruña efectuará o nomeamento como funcionario/a docente de carreira da persoa proposta pola Comisión, que especificará a denominación da praza: corpo e área de coñecemento. O dito nomeamento comunicaráselle ao correspondente rexistro para os efectos de outorgamento do número de rexistro de persoal e inscrición nos corpos respectivos, remitirase para a súa publicación ao Boletín Oficial del Estado e ao Diario Oficial de Galicia e comunicaráselle á Secretaría Xeral do Consello de Universidades.

9.3. No prazo máximo de vinte días hábiles, contados desde o seguinte ao da publicación do nomeamento no Boletín Oficial del Estado, a persoa candidata proposta deberá tomar posesión do seu destino, momento en que adquirirá a condición de funcionario/a docente universitario/a de carreira do corpo de que se trate cos deberes e dereitos que lle son propios.

10. Comisión de Reclamacións.

10.1. Contra as propostas das comisións dos concursos de acceso, as persoas concursantes poderán presentar reclamación, perante o reitor, no prazo de dez días. Admitida a trámite a reclamación, suspenderanse os nomeamentos ata a súa resolución.

A reclamación será valorada por unha comisión composta por sete catedráticos e/ou catedráticas de universidade pertencentes a diversos ámbitos do coñecemento, designados polo Claustro da Universidade, con ampla experiencia docente e investigadora.

10.2. A Comisión de Reclamacións oirá os membros da Comisión contra cuxa proposta se presentase a reclamación, e as persoas candidatas que participasen no concurso.

10.3. Esta comisión examinará o expediente relativo ao concurso para velar polas garantías establecidas e ratificará ou non a proposta reclamada no prazo máximo de tres meses, tras o cal o reitor ditará a resolución de acordo coa proposta da Comisión. O transcurso do prazo establecido sen resolver entenderase como rexeitamento da reclamación presentada.

10.4. As resolucións do reitor a que se refire o punto anterior deste artigo esgotan a vía administrativa e serán impugnables directamente, ante a xurisdición contencioso-administrativa, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

11. Protección de datos de carácter persoal.

11.1. De conformidade coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, os datos das persoas candidatas serán utilizados unicamente para a avaliación dos seus méritos e para a xestión e resolución do procedemento.

11.2. O órgano responsable do dito tratamento é a Secretaría Xeral, ante a cal se poden exercer os dereitos de acceso, rectificación, supresión, limitación de tratamento oposición e portabilidade, na Reitoría da UDC; rúa Maestranza, 9, 15001 A Coruña; correo electrónico: rpd@udc.gal, teléfono 881 01 11 61, ou tamén mediante a sede electrónica da UDC. A delegada de Protección de Datos é Luz María Puente Aba: dpd@udc.gal. Tamén se poden dirixir á Axencia Española de Protección de Datos para realizar a oportuna reclamación.

11.3. A base de xustificación deste tratamento é o exercicio de poderes públicos e a realización de funcións administrativas como consecuencia da prestación do servizo de educación superior (artigo 6.1.e) do Regulamento europeo de protección de datos, Lei orgánica do sistema universitario e Lei autonómica 6/2013, do sistema universitario de Galicia). 

11.4. Poderanse ceder datos a administracións públicas con competencias na materia e nos supostos de obrigas legais.

12. Norma derradeira.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpor recurso ante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial del Estado, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, poderase interpor recurso de reposición ante o reitor, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da dita publicación, de acordo co disposto no artigo 123 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A Coruña, 8 de novembro de 2024

O reitor da Universidade da Coruña
P.D. (Resolución do 10.7.2024)
María Teresa López Fernández
Vicerreitora de Profesorado da Universidade da Coruña

ANEXO I

Número de concurso: 24/019.

Número de prazas: 1.

OEP: 2022.

Corpo: profesor/a titular de universidade.

Área de coñecemento: Teoría da Literatura e Literatura Comparada.

Departamento: Letras.

Centro: Facultade de Filoloxía.

ANEXO II

Corpo: profesores/as titulares de universidade.

Área de coñecemento: Teoría da Literatura e Literatura Comparada.

Praza número: 24/019.

Comisión titular.

Presidente: Paz Gago, José María, catedrático de universidade, Universidade da Coruña.

Secretaria: Rodríguez González, Olivia Carmen, profesora titular de universidade, Universidade da Coruña.

Vogal 1ª: Sultana Wahnón Bensusan, catedrática de universidade, Universidade de Granada.

Vogal 2ª: María Ángeles Hermosilla Álvarez, catedrática de universidade, Universidade de Córdoba.

Vogal 3º: Miguel Ángel Muro Munilla, catedrático de universidade, Universidade de La Rioja.

Comisión suplente.

Presidente: Fernando Cabo Aseguinolaza, catedrático de universidade, Universidade de Santiago de Compostela.

Secretaria: María Teresa Vilariño Picos, profesora titular de universidade, Universidade de Santiago de Compostela.

Vogal 1º: Félix Juan Ríos Torres, profesor titular de universidade, Universidade de La Laguna.

Vogal 2ª: Rosa Eugenia Montes Doncel, profesora titular de universidade, Universidade de Extremadura.

Vogal 3ª: Natalia Álvarez Méndez, profesora titular de universidade, Universidade de León.

ANEXO III

SOLICITUDE DE PARTICIPACIÓN

DATOS DA CONVOCATORIA

Número de concurso:

Corpo docente:

Área de coñecemento:

Departamento:

Centro:

DATOS PERSOAIS E PROFESIONAIS

Primeiro apelido:

Segundo apelido:

Nome:

Data de nacemento:

Lugar de nacemento:

Provincia de Nacemento:

NIF:

Domicilio/Lugar para efectos de notificacións:

Código postal:

Municipio:

Provincia:

Enderezo electrónico e teléfono:

No caso de ser funcionario/a público de carreira:

Denominación do corpo ou praza:

Data de ingreso:

Organismo:

Número rexistro persoal:

Situación:

 Servizo activo

 Servizos especiais

 Excedente voluntario

 Outras:_________________________________________________________________________________________

DOCUMENTACIÓN QUE ACHEGA

 Copia do documento de identidade.

 Copia simple ou compulsada do título de doutor/a.

 Copia simple ou compulsada da resolución que acredite estar acreditado/habilitado para o acceso ao corpo da praza.

 Copia compulsada da adxudicación da selección do Programa Ramón y Cajal.

 Certificado I3/R3.

 Xustificante bancario orixinal do pagamento das taxas.

 Outros (especifíquense):

O/a abaixo asinante

SOLICITA: Ser admitido/a ao concurso da praza á cal se fai referencia, e comprométese, no caso de superalo, a formular o xuramento ou promesa de acordo co establecido no Real decreto 707/1979, do 5 de abril.

DECLARA: Que son certos todos e cada un dos datos consignados nesta solicitude, que reúne as condicións exixidas na convocatoria anteriormente referida e todas as necesarias para o acceso á función pública.

_________________ ,_____de_____________________ de 20___

(sinatura)

REITOR DA UNIVERSIDADE DA CORUÑA

ANEXO IV

Curriculum vitae

Datos persoais:

Apelidos e nome.

Número do documento nacional de identidade. Lugar e data de expedición.

Nacemento (data, localidade e provincia).

Residencia (enderezo, localidade e provincia).

Teléfono e enderezo electrónico.

Categoría actual como profesor/a, centro, departamento e área de docencia actual.

Datas de resolución da acreditación ou habilitación.

Datos académicos:

1. Títulos académicos (clase, organismo e centro de expedición, data de expedición, cualificación, se a houber).

2. Postos docentes desempeñados (categoría, organismo ou centro, réxime de dedicación, data do nomeamento ou contrato, data de cesamento ou remate).

3. Actividade docente desempeñada.

4. Actividade investigadora desempeñada.

5. Publicacións de libros e capítulos de libros (autor ou coautores, título, editor/es, editorial, data de publicación) (*).

6. Traballos científicos publicados en revistas españolas ou estranxeiras (autor ou coautores, título, revista, número de páxinas, data de publicación) (*).

7. Outras publicacións.

8. Outros traballos de investigación.

9. Proxectos de investigación subvencionados.

10. Comunicacións e relatorios presentados a congresos (título, entidade organizadora, carácter nacional ou internacional, lugar e data).

11. Patentes.

12. Cursos e seminarios impartidos (con indicación do centro, organismo, materia, actividade desenvolvida e data).

13. Cursos e seminarios recibidos (con indicación do centro ou organismo, materia e data de realización).

14. Bolsas, axudas e premios recibidos (con posterioridade á licenciatura).

15. Actividade en empresas e profesión libre.

16. Outros méritos docentes ou de investigación.

17. Outros méritos.

18. Cargos de xestión desempeñados (cargo, centro e período).

19. Coñecemento da lingua propia da UDC.

(*) Se están pendentes de publicación, xustifíquese a aceptación polo Consello Editorial.