Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición da Fundación Amare Terra no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, dítase esta resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:
Feitos:
1. O 29 de decembro de 2023, Jesús Ángel Martínez Loira, presidente do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.
2. A Fundación Amare Terra constituíuna Jesús Ángel Martínez Loira, mediante escritura pública outorgada o 22 de decembro de 2023, ante o notario da Coruña Raúl Muñoz Maestre, co número de protocolo 8.129.
Tras os requirimentos do 7 de marzo e 1 de xullo de 2024, a Fundación achegou as escrituras outorgadas o 25 de xaneiro, 16 de maio (dúas escrituras) e 22 de xullo de 2024, na mesma cidade e ante o mesmo notario da anterior, cos números de protocolo 513, 3.264, 3.266 e 5.055, respectivamente, nas cales modifican os estatutos e a súa dotación consonte o indicado nos requirimentos.
3. A Fundación, consonte o artigo 3 dos seus estatutos, ten por obxecto a promoción, o fomento, o impulso, o apoio e a difusión de actividades deportivas.
4. Na escritura de constitución da Fundación constan os puntos relativos á identificación das persoas fundadoras, a súa capacidade e vontade de constituíla como de interese galego, conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, a dotación, os seus estatutos e a composición do padroado inicial.
5. Nos estatutos da Fundación consta a súa denominación e natureza, a súa finalidade e as principais actividades para o seu cumprimento, o seu domicilio e ámbito de actuación, as regras para a aplicación dos recursos para cumprir os fins fundacionais e para a determinación das persoas beneficiarias, a composición e as normas de funcionamento do padroado, e as causas de disolución e o destino dos bens e dereitos resultantes da súa liquidación.
6. O padroado inicial da Fundación está formado por Jesús Ángel Martínez Loira, como presidente, Mónica Ferreño Suárez, como secretaria, e Marcos Martínez Ramallo, como vogal.
7. A comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevoulle ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes a proposta de clasificación como de interese deportivo da Fundación Amare Terra, consonte os seus fins fundacionais, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006 e de conformidade co establecido nos artigos 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, o protectorado da Fundación sería exercido pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.
8. De conformidade con esta proposta, pola Orde do 23 de outubro de 2024, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, clasificouse de interese deportivo a Fundación Amare Terra e adscribiuse a esta mesma consellería, para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.
Fundamentos de dereito:
Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.
Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, correspóndelle a esta consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición da Fundación Amare Terra no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia, de conformidade co indicado no dito regulamento.
Terceiro. A vista do disposto na Lei 12/2006, e nos decretos 14/2009 e 15/2009, e logo da emisión do regulamentario informe de idoneidade dos fins e de adecuación e suficiencia da dotación, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Amare Terra, polo que
RESOLVO:
1. Declarar de interese galego a Fundación Amare Terra.
2. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.
3. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; ao Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego; e ao Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, así como á demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, a ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como a presentación anual da documentación contable e plan de actuación ante o protectorado, que será exercido pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.
Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, pódese interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, consonte os artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2024
Francisco Javier Abad Pardo
Secretario xeral técnico da Consellería de Presidencia,
Xustiza e Deportes
