DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Xoves, 21 de novembro de 2024 Páx. 61530

VI. Anuncios

b) Administración local

Deputación Provincial de Ourense

ANUNCIO da convocatoria e bases reguladoras para a provisión en propiedade das prazas vacantes correspondentes á oferta ordinaria de emprego público do ano 2021.

No BOP de Ourense do día 30 de outubro de 2024 publicáronse íntegras as bases reguladoras para a provisión das prazas vacantes correspondentes á oferta ordinaria de emprego público do ano 2021.

As prazas que se convocan son as seguintes:

I. Oferta ordinaria de emprego público 2021

A) Funcionarios/as de carreira:

Inclúense as seguintes prazas funcionariais de acceso libre:

• Unha praza (1) de tradutor/a de lingua galega; subgrupo A1, escala de Administración especial, subescala técnica. Clase técnico/a superior. Título universitario de grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios (galego e español), estudos de galego e español, galego e portugués: estudos lingüísticos e literarios, lingua e literatura galegas, en tradución e interpretación ou equivalentes, ou calquera outro título oficial universitario nivel 3 do Marco español de cualificacións para a educación superior (nivel 7 do Marco europeo de cualificacións) en calquera rama do coñecemento. Copia do diploma ou certificado Celga 4. Oposición libre.

• Unha (1) praza de técnico/a especialista en arquivo, subgrupo A2, escala de Administración especial, subescala técnica. Clase técnico/a medio/a. Título universitario de grao da rama de Artes e Humanidades ou da rama de Ciencias Sociais e Xurídicas ou calquera outro título oficial universitario con nivel como mínimo 2 do Marco español de cualificacións para a educación superior (nivel 6 do Marco europeo de cualificacións) en calquera rama do coñecemento. Copia do diploma ou certificado Celga 4. Oposición libre.

• Unha (1) praza de auxiliar de Administración xeral, subgrupo C2, escala de Administración xeral, subescala auxiliar. Título de graduado en educación secundaria obrigatoria ou equivalente. Copia do diploma ou certificado Celga 3. Oposición libre.

Resérvase para persoas con diversidade funcional a seguinte praza das incluídas no punto anterior:

• Unha (1) praza de auxiliar de Administración xeral, subgrupo C2, escala de Administración xeral, subescala auxiliar. Título de graduado en educación secundaria obrigatoria ou equivalente. Copia do diploma ou certificado Celga 3. Oposición libre.

No caso de que esta praza non sexa cuberta por unha persoa con discapacidade, acumularase ás da convocatoria ordinaria e poderá ser cuberta por persoas sen discapacidade que superen os procesos selectivos correspondentes.

O prazo para a presentación de solicitudes será de vinte (20) días naturais, seguintes ao da publicación do anuncio da convocatoria no BOE. As solicitudes poderanse presentar no Rexistro Xeral da Deputación ou en calquera dos lugares determinados no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

As modalidades de presentación son as seguintes:

a) De forma presencial, mediante a presentación en papel da solicitude e da documentación anexa na Oficina de Asistencia ao Cidadán en materia de Rexistro da Deputación Provincial ou en calquera dos lugares establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

b) De forma telemática, a través do Rexistro Electrónico Xeral da sede electrónica da Deputación Provincial, no enderezo https://sede.depourense.es

No mesmo prazo, xustificarase o aboamento dos dereitos de exame, polos seguintes importes, e presentarase xunto coa solicitude o xustificante correspondente: para a praza do grupo A1, 19 euros; para a praza do grupo A2, 17 euros, e para a praza do grupo C2, 13 euros.

Os sucesivos anuncios relativos a esta convocatoria publicaranse exclusivamente na sede electrónica, na páxina web www.depourense.es e no BOP de Ourense, cando proceda, de conformidade coas bases das probas selectivas.

Publícase isto de acordo co disposto no artigo 233.3 da Lei 5/1997, de administración local de Galicia.

Ourense, 4 de novembro de 2024

Luis Menor Pérez
Presidente da Deputación Provincial de Ourense