A Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (en diante, Lei 40/2015), integra as materias que demandaban unha regulación unitaria das relacións ad intra de cada Administración e das relacións entre elas, como a sinatura e as sedes electrónicas, o intercambio electrónico de datos en contornos pechados de comunicación e a actuación administrativa automatizada.
O artigo 41.1 da Lei 40/2015 define actuación administrativa automatizada como calquera acto ou actuación realizada integramente a través de medios electrónicos por unha Administración pública no marco dun procedemento administrativo e na cal non interviñese de forma directa un empregado público.
O artigo 41.2 da dita lei determina que «En caso de actuación administrativa automatizada deberase establecer previamente o órgano ou órganos competentes, segundo os casos, para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se for o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte. Así mesmo, indicarase o órgano que debe ser considerado responsable para os efectos de impugnación».
A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no artigo 76.4 que as actuacións administrativas automatizadas se deberán declarar mediante unha resolución conxunta do órgano competente para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, de ser o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte, así como do órgano responsable para os efectos de impugnación.
Nesta resolución especificaranse a identificación de tales órganos e os sistemas de sinatura utilizados, de ser o caso, para a actuación administrativa automatizada. Así mesmo, o artigo 76.5 indica que se publicará na sede electrónica da Xunta de Galicia e no Diario Oficial de Galicia o texto íntegro das resolucións indicadas no punto anterior.
A Consellería do Mar é o órgano da Administración galega ao cal, baixo a superior dirección da persoa titular do departamento, lle corresponde propor e executar as directrices xerais do Goberno en materia de ordenación pesqueira en augas interiores, marisqueo, acuicultura, confrarías de pescadores/as e demais organizacións e asociacións dos/das profesionais do sector, industrias pesqueiras e conserveiras, establecementos de almacenamento, manipulación, vendas e transformación do peixe e ensinanzas marítimo-pesqueiras, náutico-deportivas e mergullo, cooperación pesqueira interinstitucional e co exterior, salvamento marítimo, loita contra a contaminación e planificación e actuacións portuarias, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía para Galicia e segundo os termos sinalados pola Constitución española, sen prexuízo das competencias que lles poidan corresponder aos outros organismos da comunidade autónoma.
En concreto, a Orde do 17 de setembro de 2009 pola que se desenvolve o Decreto 211/1999, do 17 de xuño, polo que se regula a pesca marítima de recreo, estableceu no seu artigo 2 que o órgano competente para a expedición e renovación da licenza de pesca marítima de recreo lles correspondía ás xefaturas territoriais da consellería con competencias en materia de pesca; referencia que, na actualidade, tras múltiples cambios na estrutura orgánica das consellerías da Xunta, debe entenderse efectuada á dirección dos departamentos territoriais da consellería con competencias en materia de pesca, segundo o Decreto 149/2024, do 20 de maio, polo que se modifica o Decreto 50/2021, do 11 de marzo, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar.
A Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, na súa disposición adicional terceira autoriza a creación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, actualmente adscrita á Consellería de Facenda e Administración Pública, que ten como obxectivos básicos a definición, o desenvolvemento e a execución dos instrumentos da política da Xunta de Galicia no ámbito das tecnoloxías da información e a comunicación, e a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico.
Mediante o Decreto 252/2011, do 15 de decembro, desenvolveuse a dita autorización creando a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. Esta norma foi modificada polos decretos 149/2014, do 20 de novembro, polo que se modifica o Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos, e polo Decreto 9/2021, do 21 de xaneiro, polo que se suprime o Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (Cixtec) e se modifica o Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos.
Esta resolución facilita a interoperabilidade de accións xa automatizadas e aprobadas na Resolución do 25 de xuño de 2021, conxunta da Consellería de Mar e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se declaran actuacións administrativas automatizadas no ámbito da pesca recreativa.
Por todo o exposto,
RESOLVO:
Primeiro. Declarar a seguinte actuación administrativa automatizada a través de sistemas de información no ámbito da pesca marítima de recreo: a sinatura da comprobación da vixencia das licenzas para practicar a pesca marítima de recreo en calquera das modalidades indicadas na Resolución do 25 de xuño de 2021.
Segundo. Os órganos responsables en relación coa actuación administrativa automatizada relacionada no punto anterior serán:
a) A Consellería do Mar como órgano responsable da definición das especificacións destas actuacións administrativas automatizadas.
b) A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia como órgano responsable da programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se é o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte.
c) A Consellería do Mar como órgano responsable para os efectos de impugnación.
Terceiro. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para utilizar o selo electrónico denominado «Consellería do Mar» para asinar as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución e para realizar as tarefas técnicas precisas para a súa implantación efectiva nos sistemas automatizados que dan soporte ás actuacións e aos procedementos mencionados.
Cuarto. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para a renovación do selo electrónico «Consellería do Mar» sempre e cando continúen vixentes as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución.
Quinto. Esta resolución producirá efectos desde o día da súa sinatura e publicarase na sede electrónica da Xunta de Galicia e no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2024
|
Alfonso Villares Bermúdez |
Julián Cerviño Iglesia |
