DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 226 Venres, 22 de novembro de 2024 Páx. 61563

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 15 de novembro de 2024, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se dá publicidade da modificación da Resolución do 1 de setembro de 2023 pola que se exclúen persoas aspirantes do proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso no corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (subgrupo C2).

En virtude da Resolución do 1 de setembro de 2023 (DOG núm. 169, do 6 de setembro) fixéronse públicas as listaxes definitivas de persoas admitidas e excluídas no proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso no corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (subgrupo C2), convocado pola Resolución do 22 de decembro de 2022 (DOG núm. 245, do 27 de decembro), modificada polas resolucións do 20 de xaneiro de 2023 (DOG núm. 15, do 23 de xaneiro) e do 6 febreiro de 2023 (DOG núm. 26, do 7 de febreiro).

En vista das alegacións e dos recursos presentados contra a publicación das listaxes definitivas de persoas admitidas e excluídas.

Por non cumpriren os requisitos de acceso por causas sobrevidas,

DISPOÑO:

Excluír do proceso selectivo para o ingreso no corpo auxiliar da Administración xeral, polo motivo 44, as persoas que, como consecuencia da Resolución do 27 de xuño de 2024, foron nomeadas persoal funcionario de carreira (esta listaxe pódese consultar no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal).

Contra esta resolución poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou poderase interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, de conformidade co disposto no artigo 8.2 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, en relación co artigo 10.1 do mesmo texto legal.

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2024

Nuria Aguilar Vázquez
Directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal