Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Educativa Nites, con domicilio na avenida Alcalde Anxo López Pérez, s/n, en Lugo.
Feitos:
1. O 19 de xullo de 2024, Carlos Díez Menéndez, secretario do padroado da Fundación, presentou a solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.
2. A Fundación Educativa Nites constituíuna a Diocese de Lugo, representada polo seu bispo, Alfonso Antonio María Carrasco Rouco, mediante unha escritura pública outorgada o 10 de xullo de 2024, ante o notario de Lugo Manuel Ignacio Castro-Gil Iglesias, co número de protocolo 3.098.
3. A Fundación, consonte o artigo 4 dos seus estatutos, ten por obxecto «a educación integral da persoa, principalmente da infancia e mocidade, tendo en conta todas as súas dimensións: transcendente, moral, emocional, social, intelectual, académica, física e con proxección de futuro».
4. O padroado inicial da Fundación está formado por David Varela Vázquez, na súa condición de reitor do Seminario Diocesano de Lugo, como presidente; José Mario Vázquez Carballo, na súa condición de vicario xeral da Diocese de Lugo, como vicepresidente; Alberto Leiva Torreiro, na súa condición de responsable de Educación da Diocese de Lugo, Federico Pérez Morán e Raquel Pérez Sanjuan, como vogais; e Carlos Díez Menéndez, como secretario sen voto.
5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes proposta de clasificación como de interese educativo da Fundación Educativa Nites, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.
6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.
7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese educativo e a súa adscrición á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
Consideracións legais:
1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.
2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos esixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.
3. Consonte o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle a esta Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a clasificación da Fundación e a súa adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.
De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 29 de outubro de 2024,
DISPOÑO:
Clasificar de interese educativo a Fundación Educativa Nites, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse, no prazo de dous meses, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte o artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; podéndose interpoñer no prazo dun mes, previamente e con carácter potestativo, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, de conformidade co artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2024
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
