DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Luns, 25 de novembro de 2024 Páx. 61829

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 21 de novembro de 2024, do tribunal designado para cualificar o proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, para o ingreso, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso, nas categorías 10B, 10C, 14 e 14A do grupo V de persoal laboral da Xunta de Galicia, pola que se fai pública a baremación definitiva da fase de concurso de determinados corpos, escalas e especialidades.

Mediante a Resolución do 22 de decembro de 2022 convocouse o proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso, para o ingreso na agrupación profesional de persoal funcionario da Xunta de Galicia, na escala de persoal subalterno da Xunta de Galicia e na escala de persoal de limpeza e recursos naturais e forestais da Xunta de Galicia e para o ingreso nas categorías 10B, 10C, 14 e 14A do grupo V do persoal laboral da Xunta de Galicia (DOG núm. 244, do 26 de decembro). Esta resolución foi modificada pola Resolución do 20 de xaneiro de 2023 (DOG núm. 15, do 23 de xaneiro) e pola Resolución do 6 de febreiro de 2023 (DOG núm. 26, do 7 de febreiro; corrección de erros DOG núm. 64, do 31 de marzo).

A base III.3 da Resolución do 22 de decembro de 2022 establece que, rematada a fase de baremación, o tribunal publicará no Diario Oficial de Galicia o baremo provisional da fase de concurso do proceso selectivo, con indicación das puntuacións obtidas polas persoas aspirantes que foron baremadas. Contra a baremación provisional, as persoas aspirantes que o consideren oportuno, poderán presentar reclamación ante o propio tribunal no prazo de dez días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da dita baremación.

Á vista das reclamacións presentadas e realizadas, de ser o caso, as oportunas correccións á baremación inicialmente asignada a cada aspirante, o tribunal publicará no Diario Oficial de Galicia a baremación definitiva da fase de concurso.

Mediante a Resolución deste tribunal do 3 de outubro de 2024 (DOG núm. 192, do 4 de outubro) publicouse a baremación provisional para o ingreso nas categorías 10B, 10C, 14 e 14A do grupo V de persoal laboral da Xunta de Galicia.

De conformidade co exposto, examinadas e resoltas as reclamacións das persoas aspirantes a determinados corpos, escalas ou especialidades, en sesión do 21 de novembro de 2024, o tribunal nomeado pola Resolución do 29 de maio de 2024 (DOG núm. 108, do 5 de xuño) para cualificar o proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, para o ingreso, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso, nas categorías 10B, 10C, 14 e 14A do grupo V de persoal laboral da Xunta de Galicia,

RESOLVE:

Primeiro. Facer pública a baremación definitiva do concurso de méritos nas categorías 10B, 10C, 14 e 14A do grupo V de persoal laboral da Xunta de Galicia, que se relacionan no anexo desta resolución, con indicación da puntuación obtida polas persoas aspirantes que foron baremadas de acordo coas regras contidas na base III.3 da convocatoria.

A puntuación definitiva obtida polas persoas baremadas reflíctese no portal web corporativo da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal: https://www.xunta.gal/funcion-publica/procesos-selectivos/consulta

As persoas aspirantes que formularon alegacións á baremación provisional a través de Fides poderán consultar en fides.xunta.gal as respostas motivadas as súas alegacións.

Segundo. De acordo co disposto na base IV.13 da resolución de convocatoria, contra este acordo poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro competente en materia de emprego público, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2024

José Luis Soto Campos
Presidente do tribunal

ANEXO

Categorías profesionais de persoal laboral das cales se publica o baremo definitivo

Agrupación profesional

Cat. 10B. Vixilante fixo de defensa contra incendios forestais

Cat. 10C. Emisorista de defensa contra incendios forestais. Escoita incendios

Cat. 14. Bombeiro forestal

Cat. 14A. Bombeiro forestal condutor