DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Luns, 25 de novembro de 2024 Páx. 61789

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

ORDE do 30 de outubro de 2024 pola que se nomean membros do Consello Reitor da entidade pública empresarial Augas de Galicia.

O 13 de xaneiro de 2012 publicouse no Diario Oficial de Galicia o Decreto 32/2012, do 12 de xaneiro, polo que se aproba o Estatuto da entidade pública empresarial Augas de Galicia que, no seu artigo 5, configura o Consello Reitor como un dos seus órganos de goberno e, no seu artigo 7, indica que é o órgano colexiado de goberno de Augas de Galicia.

A composición do Consello Reitor fíxase no artigo 7 do Estatuto da entidade pública empresarial Augas de Galicia, en que se indica que está integrado pola Presidencia, que corresponde a quen desempeñe a de Augas de Galicia; a Vicepresidencia, que corresponde a quen desempeñe a Dirección da entidade, e que, ademais, formarán parte del, entre outros, tres vogais representantes das entidades locais propostos pola Federación Galega de Municipios e Provincias.

O 24 de xuño de 2021 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 3 de xuño de 2021 pola que se nomean os membros do Consello Reitor da entidade pública empresarial Augas de Galicia (corrección de erros no Diario Oficial de Galicia do 15 de xullo).

O artigo 7.5 do Estatuto da entidade pública empresarial Augas de Galicia prevé que os vogais cesarán automaticamente cando perdan a representación do órgano propoñente ou polo que foron designados. Tal é o suposto dun titular e do seu suplente, representantes das entidades locais, logo de que a Federación Galega de Municipios e Provincias comunicase a proposta de nomeamento dun novo titular e do seu suplente.

Por todo isto, en virtude do establecido no artigo 7.5 do Estatuto da entidade pública empresarial Augas de Galicia, e das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Primeiro. En substitución da persoa titular da Alcaldía de Cervo, vogal titular nomeado pola Orde do 3 de xuño de 2021, que cesou automaticamente, noméase vogal titular do Consello Reitor da entidade pública empresarial Augas de Galicia, en representación das entidades locais, a persoa titular da Vicepresidencia Primeira da Federación Galega de Municipios e Provincias.

Segundo. En substitución da persoa titular da Alcaldía de Padrón, vogal suplente nomeado pola Orde do 3 de xuño de 2021, que cesou automaticamente, noméase vogal suplente do Consello Reitor da entidade pública empresarial Augas de Galicia, en representación das entidades locais a persoa titular da Alcaldía do concello de Cartelle.

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2024

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático