DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Luns, 25 de novembro de 2024 Páx. 61791

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

ORDE do 15 de novembro de 2024 pola que se dispón o nomeamento dun membro do Consello Galego de Universidades.

Mediante a Orde do 21 de outubro de 2022 nomeáronse os representantes do Parlamento de Galicia no Consello Galego de Universidades por expiración do mandato dos representantes nomeados mediante a Orde do 19 de febreiro de 2018.

O Decreto 98/2014, do 17 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do Consello Galego de Universidades, regula a composición deste órgano colexiado e, no seu artigo 5.1.h), establece que formarán parte do del catro membros designados pola comisión do Parlamento de Galicia competente en materia universitaria, en proporción á súa representación no Pleno do Parlamento.

O artigo 8 do Regulamento do Consello Galego de Universidades dispón que a duración do mandato dos membros de designación parlamentaria será de catro anos. Transcorrido o período indicado, expira o período de mandato dos catro membros designados polo Parlamento de Galicia.

Segundo establece o artigo 9.2 do citado Decreto 98/2014, no caso de renuncia, a persoa substituta será designada polo tempo que falte para a conclusión do correspondente mandato.

Así mesmo, a alínea a) do número 3 do citado artigo 9 establece que, no caso de renuncia, esta deberá presentarse por escrito á persoa titular da presidencia da comisión parlamentaria competente en materia universitaria, quen a comunicará á persoa titular da consellería competente en materia de universidades para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e producirá efectos a partir desta data.

Con data do 12 de novembro de 2024 a Presidencia da Comisión 4ª, Educación e Cultura, comunicou á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional que o día 7 de novembro de 2024 designou como representante do Parlamento no Consello Galego de Universidades a Ana Isabel García Arias, en substitución por renuncia de Montserrat Valcárcel Armesto.

O artigo 9.3.b) do Decreto 98/2014 establece que as vacantes que se produzan entre os membros elixidos polo Parlamento, antes da finalización do seu mandato, cubriranse polo mesmo procedemento empregado para a súa designación, no prazo máximo de tres meses, e entenderase nomeado o membro substituto polo período que reste do anterior mandato.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo único

O nomeamento de Ana Isabel García Arias como membro do Consello Galego de Universidades designada pola Comisión 4ª do Pleno do Parlamento de Galicia, en substitución por renuncia de Montserrat Valcárcel Armesto, e polo tempo que resta para a finalización do seu mandato.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2024

Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional