O artigo 28 do vixente Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu punto 2º a competencia da Comunidade Autónoma galega no desenvolvemento lexislativo e na execución da lexislación do Estado en materia de expropiación forzosa.
A aprobación definitiva do proxecto de trazado de glorieta na Intersección da LU-903 e LU-P-5903 en Doade (Sober) de clave LU/23/103.06, produciuse en data do 18 de xuño de 2024 por Acordo do Consello da Xunta de Galicia e foi publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 123, do 26 de xuño. Esta aprobación definitiva implica a declaración de utilidade pública, a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para a execución das obras, dos depósitos dos materiais sobrantes, dos préstamos necesarios para executalas e para reposición de servizos afectados, previstos no proxecto, así como para a reformulación do proxecto e as modificacións deste que, se é o caso, poidan aprobarse posteriormente, e a urxencia da ocupación, todo iso para os efectos de expropiación, ocupación temporal ou imposición ou modificación de servidumes, segundo o disposto no artigo 22.5 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia.
A tramitación do expediente expropiatorio debe axustarse ao disposto nos artigos 52 da vixente Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa, e 56 e seguintes do seu Regulamento do 26 de abril de 1957.
En consecuencia, este servizo, en virtude da competencia delegada mediante Orde do 7 de setembro de 2017 sobre delegación de competencias no secretario xeral técnico e noutros órganos e entidades públicas adscritos a esta consellería, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 179, do 20 de setembro, resolveu convocar os titulares de bens e dereitos afectados que figuran na relación exposta no taboleiro de anuncios do concello de Sober, para que comparezan nos lugares, data e horas que se detallan a seguir, co fin de proceder ao levantamento das actas previas á ocupación, nas cales se recollerán os datos necesarios para determinar os dereitos afectados, o valor destes e os prexuízos determinantes da rápida ocupación, sen prexuízo de se trasladaren ao lugar dos predios se o consideran necesario.
Concello de Sober.
Lugar: sala habilitada na 1ª planta do Concello de Sober (praza Campo da Feira, s/n, 27460 Sober, Lugo).
Data: 11 de decembro de 2024, das 9.40 ás 13.00 horas.
A relación de titulares cos bens e dereitos afectados, así como os planos parcelarios correspondentes estarán expostos no concello de Sober e no Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas de Lugo (Edificio Administrativo, rolda da muralla, nº 70, 27071 Lugo), e publicaranse no seguinte enlace da páxina web da Consellería:
https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/avisos?content=/Portal-Conselleria6/Avisos/resolucions/aviso_0358.html
Así mesmo, realizarase a convocatoria aos interesados ao levantamento das actas previas mediante notificación individual.
Ao dito acto deberán acudir os titulares afectados persoalmente, ou ben representados pola persoa debidamente autorizada para actuar no seu nome, xuntando os documentos acreditativos da súa titularidade, documento nacional de identidade (e, de ser o caso, outra documentación que se requira, xustificante do pagamento do IBI...), así como certificado de conta con códigos IBAN e BIC, co fin de realizar os sucesivos pagamentos que sexan procedentes mediante transferencia bancaria; poderán facerse acompañar pola súa conta, se o consideran oportuno, dos seus peritos e notarios.
Así mesmo, en cumprimento do disposto no artigo 49 do Regulamento do 26 de abril de 1957, de expropiación forzosa, este servizo, unha vez levantadas as actas previas á ocupación, e habilitado o crédito oportuno, realizará o pagamento, mediante transferencia bancaria, do importe dos depósitos previos e indemnizacións por rápida ocupación. No suposto de non ter presentado o certificado de titularidade da conta bancaria, con códigos IBAN e BIC, e a copia do DNI, consignarase o importe na Caixa Xeral de Depósitos, conforme o disposto no artigo 51 do Regulamento do 26 de abril de 1957, de expropiación forzosa.
En cumprimento do artigo 55 do Regulamento do 26 de abril de 1957, de expropiación forzosa, neste mesmo acto, convócase ao acto de formalización das actas de ocupación o cal terá lugar, logo de producirse o aboamento dos depósitos previos e indemnizacións por rápida ocupación, no lugar e na data que se indican:
Concello de Sober.
Lugar: sala habilitada na 1ª planta do Concello de Sober (praza Campo da Feira, s/n, 27460 Sober, Lugo).
Data: 6 de marzo de 2025, das 9.30 ás 12.00 horas.
No mesmo acto ofertaránselles aos propietarios as valoracións establecidas pola Administración para cada un dos predios en concepto de mutuo acordo.
Este acordo faise público, para xeral coñecemento, e advertirán aos titulares que na acta figurarán os donos da cousa ou titulares do dereito expropiado, e non se admitirá representación senón por medio de poder debidamente autorizado (notarial, xudicial ou do consulado), xa sexa xeral ou particular para este caso, e deberá achegar a documentación necesaria para acreditar a sucesión en caso de figurar o terreo a nome de herdeiros; e que se deberá identificar co documento nacional de identidade.
Lugo, 5 de novembro de 2024
Gerardo Pallares Sánchez
Xefe do Servizo Provincial de Lugo
