DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Venres, 29 de novembro de 2024 Páx. 62866

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 4 de novembro de 2024, do Departamento Territorial de Lugo, pola que se ordena a publicación no Diario Oficial de Galicia do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 28 de outubro de 2024, polo que se outorga a autorización administrativa previa e de construción, se declara a utilidade pública, en concreto, e a prevalencia sobre un monte veciñal en man común, da infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica denominada Nova LMTA para peche da LMTA LUG801 e SAR813, que discorre polo concello do Corgo (Lugo), e promove UFD Distribución Eléctrica, S.A. (expediente IN407A 2023/58-2).

En cumprimento do disposto no artigo 48.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, o Departamento Territorial de Lugo dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 28 de outubro de 2024, polo que se outorga a autorización administrativa previa e de construción, se declara a utilidade pública, en concreto, e a prevalencia sobre un monte veciñal en man común, da infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica denominada Nova LMTA para peche da LMTA LUG801 e SAR813, que discorre polo termo municipal do Corgo (Lugo), e promove UFD Distribución Eléctrica, S.A. (expediente IN407A 2023/58-2), que se recolle como anexo desta resolución.

Contra o dito Acordo do Consello da Xunta de Galicia, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Lugo, 4 de novembro de 2024

O director territorial de Lugo
P.A. (Artigo 40.3 do Decreto 140/2024, do 20 de maio)
Juan Carlos Morán del Pozo
Xefe do Servizo de Industria

ANEXO

Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 4 de novembro de 2024,
polo que se outorga a autorización administrativa previa e de construción,
se declara a utilidade pública, en concreto, e a prevalencia sobre un monte
veciñal en man común, da infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica
denominada Nova LMTA para peche da LMTA LUG801 e SAR813, que discorre
polo concello do Corgo (Lugo), e promove UFD Distribución Eléctrica, S.A.
(expediente IN407A 2023/58-2)

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 21.2.2023, UFD Distribución Eléctrica, S.A. (en diante, UFD) presentou as solicitudes de autorización administrativa previa, de construción e de declaración de utilidade pública da infraestrutura eléctrica denominada Nova LMTA para peche da LMTA LUG801 e SAR813, coa que se pretende dar subministración para o servizo de iluminación público ao núcleo rural do Corgo, acompañada da seguinte documentación técnica:

1. Proxecto de execución da referida infraestrutura eléctrica do 29.8.2022, asinado polo enxeñeiro industrial David Núñez Fernández o 8.2.2023.

2. Declaración responsable do técnico proxectista (incorporada no proxecto), segundo o exixido no artigo 53.1.b) da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

3. Separatas técnicas para as entidades afectadas pola infraestrutura eléctrica proxectada: Concello do Corgo, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Deputación de Lugo, Consellería de Infraestruturas e Mobilidade (AXI) e Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal.

4. Relación de bens e dereitos afectados (RBDA) do 13.2.2023.

Segundo consta no proxecto de execución presentado, as características máis salientables da instalación son as seguintes:

5. Centro de transformación intemperie (CTI) de 100 kVA de potencia e relación de transformación 20.000/400-230 V, que se instalará sobre o apoio proxectado núm. 116-5-1. Desmantelamento do CT Sabarei-27AL67 100 kVA, existente no apoio 116-5 da LMTA SAR813, no cal se instalarán seccionadores XS.

6. Liña eléctrica de media tensión aérea, a 20 kV, de 10 metros de lonxitude en condutor tipo LA-56, con orixe no apoio existente núm. 116-5 da LMTA SAR 813 e remate no apoio núm. 116-5-1 proxectado.

7. Liña eléctrica de media tensión aérea, a 20 kV, de 2.049 metros de lonxitude en condutor tipo LA-56, con orixe no apoio existente núm. 141-36 da LMTA LUG801 e remate no apoio núm. 116-5 da LMTA SAR 813. Instalación dun interruptor telecontrolado no apoio núm. 14 desta liña.

8. Desmantelamento do reconectador telecontrolado existente no apoio núm. 141-4 da LMTA LUG801, no que se instalará un interruptor telecontrolado.

9. Desmontaxe dos seccionadores XS existentes no apoio núm. 141-44 da LMTA LUG801 e instalación dun reconectador telecontrolado.

10. Orzamento de execución material: 108.156.43 €.

Segundo. O 12.6.2023, o Departamento Territorial de Lugo (en diante, DT Lugo) ditou o acordo polo que se someteron a información pública as solicitudes feitas por UFD, de autorización administrativa previa, de construción e de declaración, en concreto, de utilidade pública, da instalación eléctrica denominada Nova LMTA para peche da LMTA LUG801 e SAR813, que se publicou en varios diarios (DOG núm. 125, do 3 de xuño e La Voz de Galicia do 19 de xuño) e foi exposto no taboleiro de anuncios do concello afectado. Simultaneamente, practicou as notificacións individuais da solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, aos titulares dos predios afectados que figuran na RBDA publicada, con enderezo coñecido. Así mesmo:

– Para aqueles afectados aos cales non se lles puido practicar a notificación, ditou un anuncio, o 27.6.2023, para os efectos da súa notificación, que se publicou no DOG núm. 130, do 10 de xullo, e no taboleiro de edictos único (TEU) do BOE núm. 166, do 13 de xullo.

Durante o período de información pública presentáronse alegacións, que se comunicaron a UFD para que presentase a súa contestación. A continuación recóllese un resumo do contido dos escritos de alegacións:

• María del Carmen Arias Abuín, en representación dos herdeiros de José Castro Castro, alega que o trazado proxectado, no predio núm. 16, afecta a nave de gando pertencente á explotación gandeira da que é titular, e no predio núm. 15 reduce de forma drástica as posibilidades de aproveitamento agropecuario do predio. UFD, en contestación a esta alegación, indica que a liña se proxectou segundo o disposto no Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, seguindo o trazado que o autor do proxecto considerou máis conveniente no seu intento de lograr a solución óptima para o conxunto da instalación. Non pode aceptar a variación do trazado proposto pola alegante xa que se basea simplemente en diminuír a afección nas súas parcelas a custa de aumentala nas parcelas lindeiras. Asemade, non acredita que a variación proposta cumpra conxuntamente as condicións establecidas no artigo 161.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. No predio núm. 16 non se ve afectada a dita nave de gando existente, nin polo voo da liña nin pola servidume de paso aéreo de enerxía eléctrica que, segundo se detalla no proxecto, é de 8 m a cada lado do eixe da liña eléctrica.

• José Antonio Ferreiro Palacio, como titular da parcela núm. 24 afectada polo trazado da liña proxectada, alega que a largura da parcela non son 11 metros, como aparece na RBDA, senón que realmente son 18 metros. UFD, en contestación a esta alegación, indica que os metros incluídos na RBDA corresponden cos metros lineais de afección sobre a parcela pero non se refiren ao seu largo. Durante o levantamento da acta previa á ocupación, o alegante poderá achegar toda aquela documentación que considere axeitada para acreditar as dimensións exactas da parcela, e será nese momento cando se determinará a afección real, así como os bens afectados, segundo o establecido no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954.

Terceiro. O 13.3.2023, o DT Lugo trasladou as separatas técnicas, para os efectos de obter os seus informes ao respecto, ás seguintes entidades afectadas pola referida infraestrutura eléctrica: Concello do Corgo, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Deputación de Lugo, Consellería de Infraestruturas e Mobilidade (AXI) e Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal.

1. UFD manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos polas seguintes entidades: Confederación Hidrográfica do Miño Sil, Deputación de Lugo, Consellería de Infraestruturas e Mobilidade (AXI) e Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal.

2. Non consta no expediente que emitise informe o Concello do Corgo.

Cuarto. Para os efectos de determinar a posible concorrencia de utilidades públicas da referida infraestrutura eléctrica cos terreos de montes veciñais en man común, o Servizo de Montes do Departamento Territorial de Lugo da Consellería do Medio Rural emitiu informe ao respecto o 5.4.2023 durante o trámite de separatas técnicas, do que se deu traslado a UFD, en que se fai constar a afección a un monte veciñal en man común no concello do Corgo (MVMC das Gándaras, Santa Isabel e Armada).

Quinto. O 24.8.2023, o DT Lugo deu audiencia ao titular do monte veciñal en man común afectado pero non constan manifestacións do MVMC.

Sexto. O 16.8.2024, o DT Lugo, de acordo co establecido no artigo 53 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, remitiu copia completa do resultado do trámite de audiencia ao Servizo de Montes de Lugo para que emita informe sobre a compatibilidade ou incompatibilidade do aproveitamento afectado.

Sétimo. O Servizo de Montes de Lugo emitiu informe, o data 18.9.2024, en que se conclúe literalmente o seguinte:

«En cumprimento do artigo 53 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, emítese informe favorable sobre a compatibilidade da liña Nova LMTA para peche da LMTA LUG801 e SAR813 (O Corgo), sempre que se cumpra a lexislación vixente sobre a xestión da biomasa, por parte do promotor, durante toda a súa vida útil, no termo municipal do Corgo».

Oitavo. O 16.8.2023, o Departamento Territorial da Consellería de Economía e Industria de Lugo emitiu informe favorable sobre a autorización administrativa previa e de construción da instalación de referencia.

Noveno. O 11.10.2024, o DT Lugo emitiu informe sobre a tramitación realizada en relación co referido expediente (IN407A 2023/58-2), considerando que se seguiron os trámites de procedemento legalmente establecidos.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A lexislación de aplicación aos procedementos tramitados no presente expediente é a seguinte:

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

– Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

– Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Real decreto 1432/2008, do 29 de agosto, polo que se establecen medidas para a protección da avifauna contra a colisión e a electrocución en liñas eléctricas de alta tensión.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o regulamento da Lei de expropiación forzosa.

– Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

Segundo. O Departamento Territorial de Lugo da Consellería de Economía e Industria é competente para facer esta proposta, conforme o establecido no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se establece a súa estrutura orgánica (DOG núm. 81, do 24 de abril), e o Consello da Xunta de Galicia é competente para adoptar o acordo proposto, de conformidade co disposto no artigo 53.3 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro.

Terceiro. Á vista dos escritos de alegacións presentadas durante o trámite de información pública, da contestación de UFD e do resto da documentación que consta no expediente, conclúese o seguinte:

• En relación coa alegación achegada por María del Carmen Arias Abuín, tomouse razón da manifestación e dos documentos presentados pola persoa interesada. En canto á alegación en que solicita a modificación do trazado proxectado da liña, infórmase que suporía afectar bens e dereitos de terceiros non previstos no proxecto sen que se achegue o consentimento dos titulares das propiedades afectadas pola modificación solicitada, e modificaría o trazado proposto polo autor do proxecto sen que se acredite a concorrencia conxunta dos requisitos establecidos no artigo 161.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, necesarios para que resulte posible unha modificación do proxectado. Para o estudo do trazado da LAT proxectado, este departamento atense ao disposto no artigo 1.5.1 da ITC-LAT 07 do Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, que di (...) as liñas eléctricas aéreas estudaranse seguindo o trazado que considere máis conveniente o autor do proxecto, no seu intento de acadar a solución óptima para o conxunto da instalación (...) e outras disposicións regulamentarias de aplicación.

• En relación coa alegación achegada por José Antonio Ferreiro Palacio, como titular da parcela núm. 24, tomouse razón da manifestación e dos documentos presentados pola persoa interesada e corresponde á fase de levantamento de actas previas, dentro do eventual procedemento expropiatorio, a determinación efectiva para acreditar as dimensións exactas da parcela, dos bens e dereitos afectados e das súas características (localización, extensión, tipo de aproveitamento...), así como das afeccións reais do proxecto sobre eles.

Cuarto. A respecto das entidades afectadas pola liña eléctrica proxectada que, durante o trámite de separatas, non se manifestaron, cómpre indicar que, de conformidade co disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar, enténdese a conformidade coa liña eléctrica proxectada do Concello do Corgo por non contestar a petición de condicionado.

Quinto. A respecto da concorrencia de utilidades públicas da referida infraestrutura eléctrica cos terreos dos montes afectados (montes veciñais en man común), cómpre indicar o seguinte:

– En cumprimento do artigo 53 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, o Servizo de Montes de Lugo emite informe favorable sobre a compatibilidade da Nova LMTA para peche da LMTA LUG801 e SAR813. O promotor debe realizar un acto de disposición coa comunidade propietaria do monte, dos recollidos no título segundo do Decreto 260/1992, do 4 de setembro.

– Polo que respecta ao MVMC, a Lei 13/1989, do 10 de outubro, establece no seu artigo 6.1 que só poderán ser obxecto de expropiación forzosa ou impoñérselles servidumes por causa de utilidade pública ou interese social prevalente aos dos propios montes veciñais. En consecuencia, e para os efectos de poder iniciar, de ser o caso, o correspondente expediente expropiatorio, cómpre declarar a prevalencia da utilidade pública da instalación sobre a utilidade pública do MVMC afectado.

Sexto. O Consello da Xunta de Galicia é competente para resolver este expediente, de conformidade co disposto no artigo 53.3 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, o que establece que nos casos previstos neste artigo (concorrencia de utilidade ou intereses públicos con MVMC), o Consello da Xunta de Galicia é o competente para declarar a utilidade pública e a eventual compatibilidade ou prevalencia da LAT sobre os MVMC.

De conformidade con todo o que antecede, o Consello da Xunta de Galicia adopta o seguinte

ACORDO:

– Outorgar a autorización administrativa previa e de construción para o proxecto de execución da infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica denominada Nova LMTA para peche da LMTA LUG801 e SAR813, que discorre polo termo municipal do Corgo (Lugo) e promove UFD (expediente IN407A 2023/58-2).

– Declarar a utilidade pública, en concreto, da dita infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación, para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

– Declarar a prevalencia da dita infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica co monte veciñal en man común (MVMC) MVMC das Gándaras, Santa Isabel e Armada.

Este acordo axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución titulado Nova LMTA para peche da LMTA LUG801 e SAR813, do 29.8.2022, asinado polo enxeñeiro industrial David Núñez Fernández o 8.2.2023, no cal figura un orzamento de execución material de 108.156,43 €.

2. A empresa promotora (UFD) asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manteñan as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberán cumprirse as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular canto establecen o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobado polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, e o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade nas instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC RAT 01 a 23, aprobado polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio.

3. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. Unha vez construídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante o departamento territorial, acompañada da documentación exixible de acordo co punto 3 da ITC-LAT 04 do Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, quen deberá estendela tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

4. En canto aos bens e dereitos afectados por esta infraestrutura eléctrica e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor realizará os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

5. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos neste acordo ou a variación substancial dos presupostos que determinaron a súa adopción poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia ao promotor, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

6. Este acordo adóptase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da referida infraestrutura eléctrica, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente, tal e como dispón o título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

7. Este acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 48.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro.

Contra este acordo, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses a contar desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.