DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Luns, 2 de decembro de 2024 Páx. 63112

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 21 de novembro de 2024, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se amplía o prazo de vixencia da tarifa específica Xente Nova no transporte público interurbano da competencia da Xunta de Galicia, para o ano 2025.

A Orde da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, do 18 de decembro de 2019 (DOG núm. 248, do 31 de decembro), regulou a tarifa específica Xente Nova no transporte público interurbano da competencia da Xunta de Galicia.

En aplicación desta orde, na actualidade ofrécese a todas as persoas con idade comprendida entre os 4 e os 20 anos incluídos, a posibilidade de realizar ata 60 viaxes mensuais en servizos públicos de transporte da competencia da Xunta de Galicia, sen que lles supoña custo económico.

Dada a aceptación e as vantaxes que para a mocidade representa esta tarifa Xente Nova, considerouse conveniente o seu mantemento máis alá da data inicialmente establecida, polo que se ampliou o seu prazo de vixencia nos exercicios posteriores. A última destas ampliacións realizouse mediante a Resolución do 3 de novembro de 2023, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se amplía o prazo de vixencia da tarifa específica Xente Nova no transporte público interurbano de competencia da Xunta de Galicia, para o ano 2024 (DOG núm. 217, do 15 de novembro).

Ao longo deste último ano, a tarifa Xente Nova facilitou que a mocidade accedese dun xeito incremental ao sistema de transporte público, cumprindo claramente a finalidade da dita tarifa de facilitar que a franxa máis nova de idade xere e manteña un costume na utilización dos medios públicos colectivos de transporte.

Consonte co anterior, e tendo en conta a evolución altamente positiva na utilización da tarifa Xente Nova, e da tarxeta TMG Xente Nova a través da cal se accede a aquela, considérase procedente a prórroga do prazo da súa vixencia para o vindeiro ano 2025.

De acordo co que establece a Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, esta resolución tramítase como expediente anticipado de gasto, polo que o gasto que se proxecta queda condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025.

De conformidade co exposto, considérase conveniente realizar unha nova ampliación da tarifa Xente Nova para o ano 2025, polo que, cumpridos os trámites administrativos e contables oportunos,

RESOLVO:

Ampliar o prazo de vixencia da tarifa Xente Nova desde o 1 de xaneiro ata o 31 de decembro de 2025.

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2024

Judit Fontela Baró
Directora xeral de Mobilidade