DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Luns, 2 de decembro de 2024 Páx. 63111

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 19 de novembro de 2024, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se amplía o prazo de vixencia da tarifa específica +65 no transporte público interurbano da competencia da Xunta de Galicia, para o ano 2025.

A Orde da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, do 13 de decembro de 2023 (DOG núm. 242, do 22 de decembro), regulou a tarifa específica +65, aplicable nos servizos públicos de transporte interurbano de uso xeral da competencia da Xunta de Galicia.

A aplicación desta tarifa permitiu que as persoas usuarias maiores de 65 anos poidan efectuar ata 60 viaxes mensuais en servizos públicos colectivos de transporte sen que lles supoñan custo económico, facilitando así que este significativo grupo de poboación manteña unha vida activa e poida acceder con maior facilitade a múltiples servizos e actividades.

E, á vista das viaxes efectuadas polas persoas usuarias ao abeiro desta tarifa, e a súa tendencia incremental ao longo do período temporal en que xa estivo funcionando, considérase xustificada a súa continuidade máis alá do tempo inicialmente establecido, razón pola procede a prórroga do prazo da súa vixencia para o ano 2025.

De acordo co que establece a Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, esta resolución tramítase como expediente anticipado de gasto, polo que o gasto que se proxecta queda condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025.

De conformidade co exposto, considérase conveniente realizar a ampliación da tarifa +65 para o ano 2025, polo que, cumpridos os trámites administrativos e contables oportunos,

RESOLVO:

Ampliar o prazo de vixencia da tarifa +65 desde o 1 de xaneiro ata o 31 de decembro de 2025.

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2024

Judit Fontela Baró
Directora xeral de Mobilidade