Examinado o expediente iniciado por solicitude de Soner Sorolla, S.L. en relación coa autorización administrativa previa e de construción do proxecto de almacenamento eléctrico Bess Sanxenxo e a súa liña de evacuación, constan os seguintes
Antecedentes de feito:
Primeiro. O 20 de setembro de 2023, Soner Sorolla, S.L. solicitou a autorización administrativa previa e de construción do proxecto de almacenamento eléctrico denominado Bess Sanxenxo e a súa liña de evacuación, de 5 MW de potencia máxima de funcionamento, situado no concello de Sanxenxo (Pontevedra).
Segundo. O 28 de setembro de 2023, a empresa solicitante achegou documentación adicional necesaria para continuar coa tramitación do procedemento.
Terceiro. O 30 de outubro de 2023, a Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía, Industria e Innovación resolveu someter a información pública a solicitude de autorización administrativa previa e de construción do proxecto de almacenamento eléctrico BESS Sanxenxo e a súa liña de evacuación, no concello de Sanxenxo (IN408A 2023/008-4), que se publicou o 13 de novembro de 2023 no Diario Oficial de Galicia núm. 215, cunha potencia máxima de funcionamento de 5 MW.
Durante o período de información pública non se presentou ningunha alegación.
Cuarto. O 6 de novembro de 2023, a Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía, Industria e Innovación remitiu ao Concello do Sanxenxo unha separata do proxecto de almacenamento eléctrico e a súa liña de evacuación de referencia, co fin de que se formulase o condicionado técnico procedente de acordo co recollido no artigo 47 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
Quinto. O 9 de novembro de 2023, o Concello de Sanxenxo emitiu, en resposta á remisión dunha separata do proxecto de referencia citada no antecedente de feito cuarto, un informe no cal se manifesta:
– «Faise necesario obter o título habilitante de natureza urbanística que resulte exixible para levar a cabo a execución dos ditos traballos e a actividade que se vai desenvolver.
Dado que o Solo Urbanizable, S.U. 15 finalizou o seu instrumento de xestión, está clasificado como solo urbano consolidado, polo que non se establecen zonas de protección das estadas, e non é preciso obter autorización da AXI da Xunta de Galicia».
Sexto. O 12 de xaneiro de 2024, a empresa promotora manifestou a aceptación do recollido no informe citado no antecedente de feito quinto.
Sétimo. O 14 de maio de 2024, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático resolveu formular o informe de impacto ambiental do proxecto do sistema de almacenamento de enerxía por baterías Bess Sanxenxo, no polígono industrial de Nantes, no termo municipal da Sanxenxo, Pontevedra (clave 2023/0145), no cal se concluíu que, «nos termos recollidos ao longo do presente documento, non son previsibles efectos adversos significativos sobre o ambiente e, polo tanto, non se considera necesario someter o proxecto á avaliación de impacto ambiental ordinaria».
Oitavo. O 17 de xuño de 2024, Soner Sorolla, S.L. solicitou a actualización da solicitude de autorización administrativa previa e de construción do proxecto de almacenamento eléctrico denominado Bess Sanxenxo e a súa liña de evacuación, ao se modificar a localización inicial do proxecto pasando a situarse nunha nova parcela no polígono industrial de Nantes, polo que se reduce o trazado da liña de evacuación, e actualizarse, así mesmo, os equipamentos de almacenamento, mantendo a mesma potencia instalada de 5 MW e a capacidade de almacenamento de 20 MWh. Xunto á citada solicitude de actualización a empresa promotora presentou, entre outra nova documentación, un proxecto de execución do proxecto de almacenamento, así como un proxecto de execución da liña de evacuación e o documento ambiental.
Noveno. O 17 de xullo de 2024, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático informou, en relación co novo documento ambiental citado no antecedente de feito oitavo, que «os principais cambios que se proxectan respecto do proxecto orixinal, sobre o que se emitiu o informe de impacto ambiental (IIA) son o traslado do proxecto a unha nova parcela dentro do mesmo polígono, máis próxima á subestación SE Sanxenxo á cal se conecta a liña de evacuación; a redución da lonxitude da liña de evacuación subterránea de 20 kV de 1.346 metros a 171 metros, derivado do cambio de parcela; e a redución do número de contedores de baterías de 8 a 4, ao mellorar os equipamentos, mantendo a mesma potencia instalada de 5 MW e capacidade de almacenamento de 20 MWh.
Estas modificacións non afectan de maneira substancial as afeccións ambientais no ámbito do proxecto, que segue situándose dentro do polígono industrial de Nantes, reducindo o seu impacto ambiental ao diminuír a superficie ocupada e reducirse a lonxitude da liña de evacuación subterránea.
Por iso, este órgano ambiental ratifica a validez do IIA xa emitido o 14.5.2024».
Décimo. O 22 de xullo de 2024, o Departamento Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía e Industria resolveu someter a información pública a solicitude de autorización administrativa previa e de construción da modificación do proxecto de almacenamento eléctrico BESS Sanxenxo e a súa liña de evacuación, no concello de Sanxenxo (IN408A 2023/008-4), que se publicou o 7 de agosto de 2024 no Diario Oficial de Galicia núm. 152, cunha potencia máxima de funcionamento de 5 MW.
Durante o período de información pública non se presentou ningunha alegación.
Na citada data remitiuse ao Concello do Sanxenxo unha separata do proxecto de almacenamento eléctrico e a súa liña de evacuación de referencia e a Telefónica de España, S.A.U. e UFD Distribución Electricidad, S.A. respectivamente, unha separata por afección a bens en relación coa liña de evacuación, co fin de que se formule o condicionado técnico procedente, de acordo co recollido no artigo 47 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
O Concello de Sanxenxo non remitiu resposta á solicitude de formulación de condicionado técnico no prazo establecido, polo que se entende a conformidade co proxecto de almacenamento eléctrico Bess Sanxenxo e a súa liña de evacuación e se continúa coa tramitación, tal como indica o citado artigo 47.
Décimo primeiro. O 23 de xullo de 2024, Telefónica de España, S.A.U. emitiu un informe no cal se manifesta, entre outros aspectos, que «Unha vez analizada a documentación que acompaña o seu escrito, indicámoslle que Telefónica non ten obxección ningunha á execución do proxecto referido, coa condición de que se cumpra a normativa vixente en relación cos paralelismos e cruzamentos con liñas de telecomunicación e, en particular, os regulamentos electrotécnicos de alta e baixa tensión. Así mesmo, lembrámoslle que o cumprimento da normativa vixente tanto en fase de deseño como de execución é responsabilidade da empresa que promove os traballos contidos no proxecto».
Décimo segundo. O 26 de xullo de 2024, UFD Distribución Electricidad, S.A. emitiu un informe no cal se manifesta, entre outros aspectos «Que, analizada a documentación trasladada por esta Administración, UFD non mostra inconveniente á execución das obras a que refire este expediente, condicionada tal execución ao cumprimento das prescricións técnicas e regulamentarias establecidas na lexislación aplicable ás instalacións da rede de distribución afectadas, das que é titular esta sociedade».
Décimo terceiro. O 25 de setembro de 2024, a empresa promotora confirmou a recepción dos informes citados nos antecedentes de feito décimo primeiro e décimo segundo e o compromiso de executar o proxecto de referencia de acordo co establecido nos devanditos informes.
Décimo cuarto. O 3 de outubro de 2024, o Departamento Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía e Industria requiriulle á empresa solicitante documentación adicional necesaria para continuar coa tramitación do procedemento.
Décimo quinto. O 9 de outubro de 2024, o Departamento Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía e Industria informou que «non se observa impedimento para que se continúe coa tramitación do procedemento de autorización para os efectos de conceder a administrativa previa e de construción da instalación de almacenamento eléctrico Bess Sanxenxo, no concello de Sanxenxo».
Na citada data a empresa solicitante achegou a documentación requirida de acordo co indicado no antecedente de feito décimo cuarto.
Décimo sexto. O 25 de outubro de 2024, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas da Consellería de Economía e Industria requiriulle á empresa solicitante documentación adicional necesaria para continuar coa tramitación do procedemento. A empresa achegou o 7 de novembro de 2024 a documentación requirida.
Décimo sétimo. O proxecto de almacenamento eléctrico e da súa liña de evacuación de referencia conta cos dereitos de acceso e conexión á rede de distribución a nome de Soner Sorolla, S.L.U. para unha capacidade de acceso de 5.000 kW, de acordo coa comunicación do 30 de novembro de 2023 do xestor da mencionada rede, os cales foron emitidos o 29 de novembro de 2023.
Fundamentos de dereito:
Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria.
Segundo. O artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, establece que para a posta en funcionamento de novas instalacións de transporte, distribución, produción e liñas directas contempladas na mencionada lei ou modificación das existentes requiriranse a autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e autorización de explotación, que terán carácter regrado, correspondéndolle neste caso o seu outorgamento á Administración autonómica.
Terceiro. De acordo co Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, correspóndelle á dirección xeral competente en materia de enerxía a competencia para outorgar a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción desta instalación.
Cuarto. O proxecto de almacenamento eléctrico e a súa liña de evacuación atópase sometido ao trámite de avaliación ambiental simplificada, de acordo co recollido no título II, capítulo II, sección 2ª, da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.
Quinto. Na tramitación tivéronse en conta as normas de procedemento contidas na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, no Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión, e as súas instrucións complementarias, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.
De acordo co que antecede,
RESOLVO:
Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa á sociedade Soner Sorolla, S.L. para o proxecto de almacenamento eléctrico Bess Sanxenxo e a súa liña de evacuación, segundo os correspondentes proxectos.
Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción para o proxecto de almacenamento eléctrico Bess Sanxenxo e a súa liña de evacuación, que Soner Sorolla, S.L. promove no concello de Sanxenxo (Pontevedra), segundo o proxecto denominado Sistema de almacenamento de 5 MW Bess Sanxenxo, asinado o 17 de xuño de 2024 polo enxeñeiro industrial Ángel Casas Bachiller, colexiado núm. 9.735 do COIIM, e o proxecto denominado Proxecto técnico administrativo LSMT 20 kV Bess Sanxenxo (Pontevedra), asinado na mesma data polo citado enxeñeiro industrial.
As características finais recollidas nos proxectos son as seguintes:
Solicitante: Soner Sorolla, S.L. (CIF B44574218).
Concello afectado: Sanxenxo (Pontevedra).
Coordenadas da parcela en que se sitúa a instalación (ETRS89 UTM fuso 29):
|
Vértice |
X |
Y |
|
1 |
515.937,00 |
4.698.186,00 |
|
2 |
515.947,00 |
4.698.147,00 |
|
3 |
515.976,00 |
4.698.155,00 |
|
4 |
515.966,00 |
4.698.194,00 |
Potencia máxima de funcionamento: 5 MW, cunha capacidade de almacenamento de 20 MWh (duración 4 h).
Potencia instalada evacuable: 5 MW.
Orzamento de execución material: sistema de almacenamento de 5 MW Bess Sanxenxo, 3.921.089,08 € e LSMT 20 kV BESS Sanxenxo, 28.005,90 €.
Características técnicas recollidas no proxecto:
– 4 contedores destinados a albergar as baterías baseadas na tecnoloxía lithium iron phosphate (LFP) en modalidade stand-alone, cunha capacidade de enerxía utilizable de 5,015 MWh cada un (limitada a 5 MWh). Cada contedor de baterías componse de 6 rack (cada rack, pola súa vez, por 8 módulos de baterías) e seis inversores do tipo DC/AC, modelo SC210HX.
– Inversor/transformador Sungrow MVS5000-LV de 5 MW. Transformador de potencia aparente de 5 MVA con relación de transformación 0,69/20 kV.
– A planta Bess Sanxenxo conectarase á rede de distribución mediante unha liña subterránea de 20 kV ata a subestación SE Sanxenxo, punto de conexión propiedade de UFD Distribución Electricidad, S.A., mediante cable illado RHZ1-OL 12/20 1×240 mm2 KAL+H16 Cu, dunha lonxitude de 171 metros (no proxecto orixinal a liña tiña unha lonxitude de 1.346 metros).
Todo isto de acordo coas seguintes condicións:
1. O proxecto de almacenamento eléctrico e a súa liña de evacuación terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxectos de execución referidos no punto segundo da parte dispositiva desta resolución.
2. Deberá cumprirse, en todo momento, canto establecen o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, e o Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión, e as súas instrucións complementarias, así como a demais normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.
3. Para introducir modificacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa desta dirección xeral. Pola súa banda, o Departamento Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía e Industria poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes e deberá comunicarlle a este centro directivo todas as resolucións que dite en aplicación da devandita facultade.
4. Unha vez construídas as instalacións, o titular presentará unha solicitude de autorización de explotación de acordo co establecido no artigo 53.c) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no artigo 132.1 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, perante o Departamento Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía e Industria, co fin de que esta efectúe a inspección da totalidade das obras e montaxes efectuadas e verifique o cumprimento dos compromisos contraídos por Soner Sorolla, S.L.U. e dos condicionados impostos nesta resolución para o cal deberá achegar a documentación requirida na ITC-RAT 22 do Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
5. O prazo máximo para a posta en servizo das instalacións será de dous anos contados a partir da data de notificación da obtención do último permiso necesario para executar a instalación. Se transcorrido o dito prazo aquela non tivo lugar, poderá producirse a caducidade destas autorizacións.
6. A empresa promotora deberá cumprir todas as condicións establecidas no informe de impacto ambiental do 14 de maio de 2024 e na súa ratificación do 17 de xullo de 2024, así como as establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.
7. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.
8. Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.
Contra este acto, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2024
Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Minas
