Á vista da solicitude formulada polo Concello de Valdoviño, relativa á clasificación do posto de traballo de Tesouraría como reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional (en diante, PFHN) emítese resolución con base nos seguintes
Antecedentes de feito:
Primeiro e único. O Concello de Valdoviño achegou, a través do Rexistro electrónico da Xunta de Galicia (núm. 2024/3239050 e núm. 2024/3279168), a solicitude relativa á clasificación do posto de traballo de Tesouraría reservado a PFHN, xuntando a esta petición a seguinte documentación:
– Memoria económica e xurídica xustificativa para a clasificación do posto de Tesouraría do Concello de Valdoviño como reservado a PFHN.
– Certificación relativa aos recursos do orzamento do Concello de Valdoviño para o exercicio económico 2024, por importe de 6.661.240,21 euros.
– Certificación relativa á cifra do último padrón municipal do Concello de Valdoviño, segundo os datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística, que ascende a un total de 6.889 habitantes.
– Certificado da secretaria municipal relativo ao Acordo plenario do 4.3.2021 polo que se aproba inicialmente a modificación da relación de postos de traballo do concello, en que se acredita que, logo de realizar a súa publicación no Boletín Oficial da provincia da Coruña núm. 46, do 10 de marzo, non se achegaron alegacións, polo que se aprobou definitivamente a modificación da relación de postos de traballo do concello, que se publicou no Boletín Oficial da provincia da Coruña núm. 79, do 29 de abril.
Por tanto, pódese considerar completado o expediente para os efectos de continuar coa súa tramitación.
Fundamentos de dereito:
Primeiro. A creación e a clasificación do posto de Tesouraría no Concello de Valdoviño como reservado a PFHN veñen impostas polo preceptuado no artigo 14 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional (en diante, Real decreto 128/2018), ao sinalar que nas corporacións locais cuxa Secretaría estea clasificada en clase primeira ou segunda existirá un posto de Tesouraría reservado a PFHN da subescala de Intervención-Tesouraría.
A Secretaría do Concello de Valdoviño está clasificada como de clase segunda, polo que resulta imperativa a creación e a clasificación do dito posto de traballo reservado, ao cal lle corresponde a responsabilidade administrativa das funcións de tesouraría e recadación enumeradas no artigo 5 do Real decreto 128/2018, e ten que ser desempeñado por persoal da subescala de Intervención-Tesouraría, calquera que sexa a súa categoría.
Segundo. O Real decreto 128/2018 atribúe ás comunidades autónomas, no seu respectivo ámbito territorial, a competencia para clasificar os postos reservados ao PFHN, e o artigo 10 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre exercicio de competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, regula as normas xerais para clasificación de postos de traballo reservados a PFHN.
A Dirección Xeral de Administración Local é competente para adoptar o presente acordo, segundo o establecido no artigo 29.3.g) do Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, e no artigo 1.5 da Orde do 12 de xuño de 2024 sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica e noutros órganos da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.
En virtude do anteriormente exposto, e tendo en conta o informe emitido pola subdirectora xeral de Réxime Xurídico Local,
RESOLVO:
Primeiro. Clasificar o seguinte posto de traballo como reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional no Concello de Valdoviño, coas seguintes características:
Entidade local: Concello de Valdoviño.
Posto: Tesouraría.
Subescala: Intervención-Tesouraría.
Categoría: sen distinción de categoría.
Forma de provisión: concurso de méritos.
Nivel de complemento de destino: 24.
Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e remitir a publicación á Dirección Xeral da Función Pública do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, os interesados poderán interpoñer recurso administrativo de reposición, ante este órgano directivo, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015. Así mesmo, a entidade local poderá presentar previamente requirimento no prazo de dous meses, conforme o disposto no artigo 44 da dita Lei 29/1998.
Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2024
Natalia Prieto Viso
Directora xeral de Administración Local
