DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Martes, 3 de decembro de 2024 Páx. 63524

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Igualdade

ORDE do 25 de novembro de 2024 pola que se ratifica o acordo de extinción da Fundación Complejo Residencial y de Servicios San José e se dispón a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Examinado o expediente de extinción da Fundación Complejo Residencial y de Servicios San José, adscrita ao protectorado da Consellería de Política Social e Igualdade, unha vez vista a proposta do subdirector xeral de Coordinación Administrativa, dítase esta orde, baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:

Feitos:

Primeiro. O 18 de novembro de 2024 presentouse ante este protectorado solicitude de ratificación da extinción da Fundación Complejo Residencial y de Servicios San José, adoptada por acordo do seu padroado.

Segundo. A Fundación Complejo Residencial y de Servicios San José foi constituída en escritura pública outorgada o 10 de outubro de 2000 en Sarria, ante o notario Manuel Ignacio Castro-Gil Iglesias, co número 2.659 do seu protocolo. Foi clasificada como benéfico social pola Orde do conselleiro da Presidencia e Administración Pública do 18 de outubro de 2000 (Diario Oficial de Galicia núm. 207, do 25 de outubro) e declarada de interese galego pola Orde do conselleiro de Sanidade e Servizos Sociais do 30 de outubro de 2000 (Diario Oficial de Galicia núm. 246, do 21 de decembro). Está adscrita ao protectorado da actual Consellería de Política Social e Igualdade pola Orde do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 2 de febreiro de 2016 (Diario Oficial de Galicia núm. 34, do 19 de febreiro), e figura inscrita no Rexistro de Fundacións de Interese Galego co número 2000/21.

Terceiro. En virtude do disposto no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto a atención a persoas maiores, enfermos e necesitados: atención a domicilio, atención en residencia de día e residencia completa e atención en pisos tutelados.

Cuarto. O órgano de goberno da fundación, na súa reunión do 30 de setembro de 2024, adoptou o acordo de extinción da fundación motivado na imposibilidade de realizar o fin fundacional.

No expediente tramitado consta a documentación prevista nos artigos 44 e 45 da Lei 12/2006, de fundacións de interese galego, e no artigo 48 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento das fundacións de interese galego.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 44 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, establece entre as causas de extinción das fundacións a imposibilidade de realizar o fin fundacional, e para tal efecto cómpre o acordo favorable do padroado, ratificado polo protectorado. O mesmo artigo establece que o acordo de extinción se inscribirá no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 139/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Igualdade, corresponde a esta consellería resolver esta solicitude.

Terceiro. Á vista do disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, e nos decretos 14/2009, do 21 de xaneiro, e 15/2009, do 21 de xaneiro, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente, polo que:

RESOLVO:

Primeiro. Ratificar o acordo de extinción adoptado polo padroado da Fundación Complejo Residencial y de Servicios San José.

Segundo. Ordenar a inscrición do acordo de extinción da Fundación Complejo Residencial y de Servicios San José no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Política Social e Igualdade.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que, con carácter potestativo, poida interpoñerse recurso de reposición ante a conselleira de Política Social e Igualdade no prazo dun mes, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2024

A conselleira de Política Social e Igualdade
P.D. (Orde do 4.6.2024; DOG núm. 111, do 10 de xuño)
María Francisca Gómez Santos
Secretaria xeral técnica da Consellería de Política Social e Igualdade