DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Martes, 3 de decembro de 2024 Páx. 63594

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 26 de novembro de 2024, do Departamento Territorial de Pontevedra, pola que se conceden as autorizacións administrativas previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello de Vilaboa (expediente IN407A 2024/297-4).

Expediente: IN407A 2024/297-4.

Promotora: Eléctrica Los Molinos, S.L.

Denominación: subestación J.A.E.R. Bértola 220/66 kV.

Concello: Vilaboa.

Feitos:

1. O 6.9.2024, a empresa Eléctrica Los Molinos, S.L. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da instalación eléctrica denominada Subestación J.A.E.R. Bértola 220/66 kV.

A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado polo enxeñeiro técnico industrial Alberto Gómez Vázquez, colexiado 1648 do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña, no cal figura un orzamento total de 864.511,00 euros.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que consiste na execución dunha subestación eléctrica transformadora 220/66 kV para establecer os niveis de tensión adecuados na transmisión e distribución de enerxía eléctrica na rede de distribución de 66 kV da empresa promotora. A instalación eléctrica está prevista na parcela con referencia catastral 36058A004003540000LO, en Bértola, no municipio de Vilaboa (Pontevedra), e conectarase á subestación Tomeza, de titularidade de Red Eléctrica de España, S.A.U.

2. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Vilaboa, Augas de Galicia, Departamento Territorial da Consellería do Medio Rural en Pontevedra, Servizo do Patrimonio Cultural e Red Eléctrica de España, S.A.U. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos por Augas de Galicia e Red Eléctrica de España, S.A.U.

O Servizo do Patrimonio Cultural informou que as obras proxectadas non afectan o camiño de Santiago nin outros bens inmobles catalogados e declarados de interese cultural.

Os demais organismos non emitiron os condicionados técnicos, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.

3. De acordo co establecido no artigo 125 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e no artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, o proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a Resolución do 30 de setembro de 2024, publicada no DOG (Diario Oficial de Galicia) do 7 de outubro de 2024 e no Portal de transparencia e Goberno aberto da Consellería de Economía e Industria.

Durante este trámite non se recibiron alegacións.

Consideracións legais e técnicas:

1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

–Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).

3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

– Sistema de 220 kV:

• Unha posición de transformador de potencia, intemperie.

• Unha posición de medida de tensión de barras, intemperie.

– Transformador de potencia:

• Un transformador de 50/65 MVA, relación de transformación 220/66 kV.

– Sistema de 66 kV:

• Unha posición de liña 66 kV, intemperie.

A instalación está situada en Bértola, no concello de Vilaboa (Pontevedra).

Conforme o indicado,

RESOLVO:

1. Outorgar á empresa Eléctrica Los Molinos, S.L. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada Subestación J.A.E.R. Bértola 220/66 kV (expediente IN407A 2024/297-4), cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

2. A empresa Eléctrica Los Molinos, S.L. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberán cumprirse as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular canto establecen o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

3. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial, acompañada da seguinte documentación:

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.

– Un certificado de dirección final de obra en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

4. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

5. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 26 de novembro de 2024

Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra