Segundo o artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados mediante decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.
Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.
O Concello de Frades solicita á Axencia Galega de Infraestruturas a cesión da titularidade dun treito antigo da estrada autonómica AC-524, situado na marxe esquerda, entre os p.q. 8+700 e 8+900. Este treito antigo carece de funcionalidade dentro da Rede autonómica de estradas de Galicia (RAEG), polo que cumpre co estipulado no punto 11 do artigo 18 do Regulamento xeral de estradas de Galicia, relativo aos cambios de titularidade de treitos de estradas a favor de administracións de menor ámbito territorial, segundo o cal estes «só se levarán a cabo cando se trate de treitos terminais ou cando non impliquen a interrupción de ningún dos itinerarios de que formen parte sen que exista unha alternativa viaria, existente ou planificada, para todos eles que proporcione un nivel de servizo, cando menos, equivalente».
A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo cos informes emitidos polos servizos competentes, formula a proposta favorable á transferencia de titularidade do treito que se define no artigo 1.
De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e cinco de novembro de dous mil vinte e catro,
DISPOÑO:
Artigo 1
Aprobar o cambio de titularidade, a prol do Concello de Frades, do treito antigo da estrada AC-524, xunto co seu dominio público viario:
|
Denominación |
Inicio treito |
Coordenadas UTM (ETRS89 fuso 29) |
Final treito |
Coordenadas UTM (ETRS89 fuso 29) |
Lonx. aprox. (m) |
Superficie DPV (m2) |
|
Treito antigo da AC-524 |
8+780 ME AC-524 |
x = 555.715 y = 4.770.347 |
8+930 ME AC-524 |
x = 555.788 y = 4.770.219 |
154 |
1.860 |
Artigo 2
De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos tres meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.
Esta acta de entrega e os seus planos poderán consultarse na páxina web da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas:
https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/estradas/rede-autonomica/raega
Artigo 3
Correspóndenlle ao Concello de Frades, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular.
Disposición derradeira
Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, vinte e cinco de novembro de dous mil vinte e catro
Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente
María Martínez Allegue
Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas
